jueves, 12 de noviembre de 2026

XA TEMOS GAÑADORAS DO CONCURSO DE DEBUXO "CRIATURAS DO BOSQUE"

Na biblioteca escolar seguimos deixando voar a imaxinación a través do noso concurso mensual de debuxo. Cada mes propoñemos unha temática diferente para que o alumnado dea renda solta á súa creatividade e nos sorprenda coas súas creacións.

No mes de outubro, a inspiración chegou da man das Criaturas do bosque. Recibimos debuxos cheos de fantasía, maxia e orixinalidade, pero xa temos as gañadoras desta edición!

Parabéns a:

  • Paula Mahía Mena, de 4º de Primaria.
  • Naia Pérez Carro, de 5º de Primaria.
  • Ainitze Pérez Carro, de 5º de Primaria.

As tres gañadoras pasaron pola biblioteca para recoller os seus diplomas e os seus premios, un libro para seguir alimentando a súa imaxinación e o seu gusto pola lectura. 




Desde a biblioteca queremos darlles os nosos parabéns e agradecer a todo o alumnado participante o seu entusiasmo e creatividade. Grazas por encher a nosa biblio de arte e fantasía!




E agora... preparamos as maletas para unha nova aventura!

A temática do concurso do mes de novembro será Unha viaxe espacial. Que criaturas, planetas e mundos marabillosos nos agardarán nesta ocasión?

Agardamos os vosos debuxos con moita ilusión. Que comece a viaxe! 



lunes, 9 de noviembre de 2026

APADRIÑAMENTO LECTOR: HISTORIAS QUE MEDRAN E SE COMPARTEN

Na biblioteca escolar seguimos apostando pola maxia dos contos e polo poder da lectura compartida a través do apadriñamento lector, unha actividade na que os libros se converten nunha ponte entre o alumnado de diferentes idades.

Nesta ocasión, os nenos e nenas de 5.º e 6.º de Educación Primaria puxéronse na pel de contacontos para achegar historias cheas de emoción, humor, tenrura e valores aos máis pequenos e pequenas da escola. Despois de preparar os contos con moita ilusión, chegaron os días de representación diante dos grupos de Educación Infantil e dos primeiros cursos de Primaria.

Os contos protagonistas destas sesións foron:

  • Cocorico, de Marisa Núñez, publicado por OQO.



  • Tengo derecho a ser niño, de Alain Serres, publicado por Blume.




  • O coelliño branco, de Xosé Ballesteros, publicado por Kalandraka.




  • Guapa, de Canizales, publicado por Apila Ediciones.




  • De que cor é un bico?, de Rocío Bonilla, publicado por Algar.



Cada historia trouxo consigo un mundo diferente: dereitos da infancia, aventuras, emocións, autoestima, diversidade e moitas preguntas para pensar e compartir. A través das palabras, dos xestos e da interpretación, os nosos contacontos conseguiron dar vida aos personaxes e captar a atención do seu público.

O apadriñamento lector é moito máis ca contar historias. É unha oportunidade para mellorar a expresión oral, gañar confianza, desenvolver a creatividade e fortalecer os vínculos entre compañeiros e compañeiras de distintas idades. Para os maiores, supón asumir o reto de transmitir unha historia; para os máis pequenos, descubrir que ler pode ser unha experiencia compartida, divertida e chea de sorpresas.

E así, entre contos, olladas curiosas, sorrisos e moita ilusión, seguimos facendo da biblioteca un lugar de encontro no que a lectura se vive en compañía.

Porque cando compartimos un conto, compartimos tamén un anaquiño de nós.


martes, 3 de noviembre de 2026

CELEBRAMOS O SAMAÍN CON CORRE CORRE, CABACIÑA

A nosa biblioteca encheuse de maxia, misterio e moita diversión para celebrar o Samaín dunha maneira moi especial: cunha sesión de contacontos do libro Corre corre, cabaciña, da editorial OQO.


Nesta ocasión, un grupo de alumnos e alumnas de 5º de Primaria converteuse en protagonista e subiu ao escenario para dar vida a esta divertida historia. Coa súa interpretación, os nosos pequenos artistas conseguiron achegar o conto ao público, creando unha atmosfera chea de emoción, risas e algunha que outra sorpresa.


O alumnado gozou desta proposta de animación á lectura, na que a narración oral, a dramatización e a creatividade foron da man. Ademais de pasalo en grande, compartimos unha experiencia que nos lembra que os libros poden saír das páxinas para converterse en momentos inesquecibles.



Queremos felicitar o grupo de 5º de Primaria polo seu traballo, entusiasmo e ilusión, e agradecerlles que nos axudasen a celebrar esta tradición tan nosa dunha forma tan especial.

Na nosa biblioteca, o Samaín tamén se le, se conta e se representa!

Corre corre, cabaciña… que a lectura non pare!



jueves, 29 de octubre de 2026

OS AVÓS E AS AVOAS ENCHEN DE HISTORIAS A NOSA BIBLIOTECA

Un ano máis, a nosa biblioteca escolar abre as súas portas aos avós e ás avoas dos nenos e nenas de 5º e 6º de Infantil e do 1º ciclo de Primaria para compartir unha experiencia moi especial: contar, escoitar e vivir historias xuntos.




Esta iniciativa, que xa se converteu nunha fermosa tradición no noso cole, permítenos crear momentos de encontro entre xeracións, nos que as lembranzas, as vivencias e os contos dos nosos maiores cobran vida. Porque as historias non só están nos libros, tamén viven na memoria das persoas e pasan de xeración en xeración a través da palabra.



A actividade está a desenvolverse con moita ilusión grazas a unhas visitas que continuarán nas vindeiras semanas.



A todos aqueles que nos regalastes un anaquiño do voso tempo e das vosas vivencias, queremos agradecervos de corazón a vosa participación, a vosa xenerosidade e as ganas de compartir un pedaciño das vosas vidas cos máis pequenos. Grazas por axudarnos, un ano máis, a converter a biblioteca nun espazo de afecto, aprendizaxe e intercambio de experiencias.



Seguimos sumando voces, lembranzas e emocións. Porque cada historia compartida deixa pegada e porque na nosa biblioteca hai sitio para todas as xeracións! 






martes, 27 de octubre de 2026

ESTREAMOS ALICIA NO PAÍS DAS MARABILLAS

A biblioteca encheuse de maxia, fantasía e ilusión coa estrea da versión teatral de Alicia no País das Marabillas, posta en escena polo grupo de teatro da biblio, formado por alumnado de Educación Secundaria.



Despois de semanas de ensaios e traballo en equipo, chegou o momento de subir ao escenario! O noso grupo de mozos e mozas artistas convidounos a viaxar ao mundo fantástico de Alicia e a acompañala nunha aventura chea de personaxes sorprendentes e situacións inesperadas.


Nesta ocasión, tivemos un público moi especial: o alumnado de 2ºC de Primaria, que puido gozar da representación e deixarse levar pola maxia desta historia tan coñecida. Foi unha oportunidade estupenda para compartir o teatro entre diferentes etapas educativas nun espazo ideal para crear, imaxinar e expresarse.

O escenario encheuse de vida grazas ao entusiasmo, á creatividade e ao traballo en equipo do noso grupo de teatro, que deu forma a esta fantástica aventura e nos achegou un pouquiño máis ao universo máxico de Alicia.


Parabéns a todo o grupo de teatro polo seu esforzo, a súa ilusión e esta magnífica estrea! E moitas grazas ao alumnado de 2.º C por acompañarnos nesta viaxe tan especial.


Na biblioteca seguimos crendo que os libros non só se len: tamén se viven, se comparten e, ás veces, soben ao escenario! 

Que continúe a maxia do teatro na biblio!


PROXECTO "ENCONTROS NA BIBLIO"

Este curso, a biblioteca escolar pon en marcha Encontros na biblio, un novo proxecto que supón un paso máis no noso propósito de facer da biblioteca un espazo vivo, aberto e conectado coa comunidade educativa.

Ata agora, as familias xa tiñan un papel protagonista en propostas como O mes dos avós, que celebramos cada curso en outubro, ou Un Nadal en familia, que desenvolvemos cada decembro. Con Encontros na biblio queremos ampliar esta participación, abrindo as portas tamén a asociacións, colectivos e persoas de interese que poidan compartir co alumnado os seus coñecementos, experiencias e vivencias, outorgando un protagonismo destacado aos estudantes de Secundaria. Este tipo de visitas, que xa se viñan realizando de maneira puntual, gañarán presenza na biblioteca a través deste proxecto. 


O mes dos avós

Como cada ano, durante este mes de outubro estamos a recibir os avós e as avoas do alumnado de 5º e 6º de Educación Infantil e do primeiro ciclo de Educación Primaria. Unha oportunidade para compartir lembranzas, historias e experiencias, favorecendo o encontro entre xeracións e enriquecendo a aprendizaxe a través da palabra.



GATOCAN dá comezo aos encontros

A pasada semana recibimos a visita da protectora de animais GATOCAN, que achegou o alumnado de 1ºESO C ao labor das protectoras e á importancia de coidar e respectar os animais, fomentando valores como a empatía e a responsabilidade.



En novembro, máis encontros!

A programación continuará coas visitas de:

  • 4 de novembro: os enfermeiros Cristina Prego e William Goicochea, con 1ºEPO C.
  • 16 de novembro: APADAN, con 1º ESO B.
  • 17 de novembro: Grupo Naturalista Hábitat, cos tres grupos de 1º ESO.
  • 19 de novembro: APADAN, con 1º ESO A.
  • 26 de novembro: UDCbigbang. Divulgación Científica, con 1ºESO C.
  • 26 de novembro: os enfermeiros Cristina Prego e William Goicochea, con 1ºEPO A.
  • 27 de novembro: os enfermeiros Cristina Prego e William Goicochea, con 1ºEPO B.

Con Encontros na biblio queremos seguir medrando, sumando voces e experiencias e facendo da biblioteca un lugar para escoitar, dialogar, descubrir e aprender xuntos.

Porque abrir a biblioteca é abrir unha porta ao mundo! 



jueves, 22 de octubre de 2026

ENCONTROS NA BIBLIO: RECIBIMOS A VISITA DE GATOCAN

Esta mañá, a asociación protectora de animais GATOCAN inaugurou o proxecto "Encontros na biblio" cunha charla dirixida ao alumnado de 1ºESO C centrada no benestar animal e a adopción responsable. Esta iniciativa busca achegar colectivos e persoas de interese para fomentar a empatía e o espírito crítico entre o estudantado. 



Desde aquí queremos das as grazas a GATOCAN por regalarnos o seu tempo e por ensinarnos tantas cousas durante esa horiña que compartimos.

Todos aqueles que desexedes coñecer o labor que desenvolve esta asociación, non tedes máis que visitar a súa páxina web picando aquí.