Mostrando entradas con la etiqueta OS LIBROS MÁIS LIDOS. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta OS LIBROS MÁIS LIDOS. Mostrar todas las entradas

martes, 25 de julio de 2017

OS LIBROS MÁIS LIDOS DO CURSO 2016-2017 (2ª PARTE)

E logo de ver cales foron os libros máis prestados na biblioteca nos niveis de Infantil e Primaria, aquí tedes os máis lidos en ESO, FP e Bacharelato ao longo do curso 2016-2017.



10. Despierta (Beth Revis): entre as lecturas que máis gustaron este curso aos "maiores" figura Despierta, o primeiro volume de Across the universe, a saga de ciencia ficción creada pola autora estadounidense Beth Revis e publicada por SM. Aqueles que vos mergullastes nas páxinas desta apaixonante saga puidestes desfrutar cunha historia que nos sitúa a bordo da nave Fortuna, na que un grupo de elixidos viaxan, crioxenizados, co obxectivo de chegar a un novo planeta e convertilo en habitable para o ser humano. Segundo os cálculos, tardarán 300 anos en acadar o seu destino. Porén, algo non sae como estaba previsto, e Amy, unha rapaza de dezasete anos esperta do seu letargo cincuenta anos antes do agardado. Pronto descobre que o que semellaba un erro informático non é tal, senón un intento de acabar coa súa vida.



9. Ana Frank. La biografía gráfica (Sid Jacobson e Ernie Colón): Norma Editorial nos presenta en formato gráfico a historia de Ana Frank, unha moza que tivo que vivir oculta xunto coa súa familia durante a ocupación nazi. O diario que escribiu neses días terribles é, hoxe, un emotivo testemuño da persecución sufrida polos xudeus nos anos da II Guerra Mundial. Esta historia, como comprobamos este curso, segue a impactar aos lectores que se achegan a ela.







8. Crónicas de la Torre 1. El Valle de los Lobos (Laura Gallego): un curso máis volveron situarse entre as obras máis prestadas as pertencentes a esta saga fantástica publicada por SM e protagonizada por Dana, unha moza nacida para facer grandes cousas no mundo da maxia, e por Kai, o seu amigo, o seu confidente, o seu protector..., co que xurdirá unha relación moi especial. Esta serie, creada por Laura Gallego, nos leva a un mundo habitado por seres máxicos e criaturas sobrenaturais, que engancha ao lector desde a primeira páxina. Calquera dos catro volumes da saga poderían incluirse nesta listaxe. Vos deixamos aquí a portada o primeiro volume.


7. El niño con el pijama de rayas (John Boyne): se liñas atrás falabamos de Ana Frank. La biografía gráfica como un dos libros máis prestados deste curso, outra lectura que nos volve achegar á barbarie do nacismo e do Holocausto, e que foi outra das obras máis demandadas polo alumnado, é El niño con el pijama de rayas, publicada en castelán por Salamandra. A viaxe até o campo de exterminio de Auschwitz, da man de dous nenos como Bruno, fillo dun oficial naci, e de Shmuel, un pequeno xudeu encerrado no campo de concentración, non deixa indiferente a ninguén.





6. Memorias de Idhún (Laura Gallego): a saga máis prestada entre os "maiores" no curso 2015-2016, continuou entre as máis demandadas neste curso que acaba de rematar. A coñecida serie de literatura fantástica creada por Laura Gallego e publicada por SM, levou os lectores que se mergullaron nela até mundos como a Terra, Limbhad e, por suposto, Idhún, o mundo dos tres soles e das tres lúas. Resulta imposible non vibrar con Jack, con Victoria e cos demais na maior aventura das súas vidas, nunha loita por salvar os idhunitas do goberno de Ashran o Nigromante e os sheks, as terribles serpes aladas.



5. Apocalipse Z. O comezo da fin (Manuel Loureiro): outra saga ocupa un importante lugar entre os máis prestados deste ano na nosa biblioteca; Apocalipse Z. O comezo da fin, primeiro título da serie, preséntanos unha historia postapocalíptica na que un incidente nun afastado país do Cáucaso provoca unha epidemia devastadora que ameaza con aniquilar a toda a humanidade. A historia ponnos na pel dun avogado pontevedrés que levaba unha vida tranquila e rutineira. A través dos seus ollos vemos como a enfermidade se achega devorando país tras país e como o caos comeza a extenderse tamén pola Galiza. Unha novela de terror zombi de grande éxito mundial e cuxa saga podedes atopar nas nosas estanterías.



4. Un monstruo viene a verme (Patrick Ness): esta novela, galardoada coa prestixiosa medalla Carnegie, preséntanos unha emocionante historia sobre un neno chamado Conor, a súa nai enferma e un monstro que vén a visitalo. A narración comeza cando, despois da medianoite un monstro aparece na súa ventá. Este non é o monstro que el esperaba, o dos seus pesadelos, senón un monstro diferente, antigo e salvaxe, que quere de Conor algo terrible e perigoso, a verdade. Divertida e conmovedora, Un monstruo viene a verme fala da dificultade á hora de asimilar a perda dun ser querido e da fraxilidade da vida. Unha novela para todos os  públicos pola dureza dos seus temas e a franqueza na maneira de tratalos.


3. Spirit Animals (Brandon Mull): esta saga de literatura fantástica, publicada por SM, foi, sen dúbida, un dos grandes descobrimentos do curso para os "maiores". Os catro primeiros títulos da serie, que figuran entre os fondos da nosa biblioteca, foron das obras máis demandadas polo alumnado desde a súa chegada. Todos aqueles que se mergullaron na súa lectura puideron desfrutar dunha historia ambientada no imaxinario mundo de Erdas, onde catro rapaces de once anos descobren que os seus espíritos están ligados a catro magníficas bestas lendarias: lobo, leopardo, panda e falcón. Xuntos, deberán loitar contra unha escura forza chegada do pasado. Deles dependerá o destino de cada un e o do propio mundo de Erdas.



2. Mujeres (Isabel Ruiz Ruiz): curso tras curso, un dos nosos obxectivos é prestixiar o papel da muller dentro da sociedade. Nesta niña, tratamos de achegar o noso alumnado a grandes mulleres cuxa achega en campos tan diversos como a ciencia, a literatura ou os dereitos humanos, foi moitas veces tan grande como pouco recoñecida. Este mesmo obxectivo, achegar os mozos a mulleres que merecen o seu lugar na historia, é o que persegue o álbum ilustrado Mujeres, que nos presenta dezaoito figuras femininas da talla de Marie Curie , Rosa Parks ou Frida Kahlo. Se temos en conta a nosa preocupación por traballar neste eido, supón unha enorme satisfacción que o segundo libro máis lido entre os "maiores" sexa esta obra de Isabel Ruiz Ruiz.


1. Cartas de inverno (Agustín Fernández Paz): esta foi a obra máis prestada este ano ao longo do curso. Nela, o autor máis valorado da LIX en galego, que dá nome á nosa biblioteca, preséntanos unha novela apaixonante, na que o medo e o misterio manteñen a tensión até o final, facendo o lector partícipe da agonía que transmite a historia. Nela atopamos o escritor Xabier Louzao, que logo dunha longa estadía en Québec, volve a Galiza e encontra unhas cartas que o seu amigo Adrián lle escribira na súa ausencia. Nestas, iremos descubrindo os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Mais alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a terribles misterios...









sábado, 1 de julio de 2017

OS LIBROS MÁIS LIDOS DO CURSO 2016-2017 (1ª PARTE)

Rematado xa o curso, imos ver cales foron os libros da biblioteca máis prestados nos niveis de Infantil e Primaria:


10. Océanos e mares (Nicola Davies): esta fermosa obra, publicada en galego por Baía Edicións, nos achega ao mundo das profundidades mariñas, dos grandes océanos..., a través de impactantes imaxes como a da portada. Este libro foi un dos máis prestados este curso, e tivo especial éxito entre o alumnado de 3º e 4º de Primaria. Á mesma colección pertencen outros títulos, como Aves, Insectos, Baleas e golfiños ou Casas de animais, todos eles presentes na biblioteca.










9. Fantasmas no corredor (Agustín Fernández Paz): entre a listaxe de obras máis prestadas este curso tamén se sitúa esta dun autor moi especial para nós, o xenial Agustín Fernández Paz, antigo profesor do Fogar, que dá nome á nosa/vosa biblioteca. Este libro, publicado por Xerais, achéganos a un dos grandes medos que nos atacan a todos cando nenos: a escuridade. Nel, Mariña, a protagonista, múdase coa súa familia a unha nova casa, na que pronto descobre que o corredor está cheo de pantasmas. O humor, moi presente nesta historia, amosarase como o mellor remedio contra calquera medo.








8. Biblioburro (Jeanette Winter): temos que dicir que nos encanta que este libro, publicado por Editorial Juventud, fose un dos máis prestados este ano, pois nos demostra a admiración que os nosos alumnos senten pola solidariedade, pola xenerosidade e polo amor polos demais. E é que esta historia non é outra cousa que iso: solidariedade, xenerosidade e amor. Como ben podemos ler na portada, trátase dunha historia real, acontecida en Colombia, e que nos fala de Luis, un mestre que un bo día decidiu que, coa axuda dos seus dous burros, Alfa e Beto, ía levar libros ás persoas das zonas rurais máis afastadas, que non teñen acceso a eles. Desde ese momento, Luis percorre o país coa súa biblioteca ambulante.





7. A praia da esperanza (Agustín Fernández Paz): outra obra de Agustín Fernández Paz que se encontra entre as máis prestadas este curso. Trátase dun libro de Xerais, escrito durante os meses en que Galicia viviu a catástrofe do Prestige, e que, a través dun relato no que se mesturan fantasía e realidade, nos lembra a intensa resposta social que se produciu naquel inverno.












6. Cuentos en verso para niños perversos (Roald Dahl): entre os libros máis prestados non podía faltar  un autor como Roald Dahl, que cada curso consegue facer desfrutar os nenos do Fogar con obras como Matilda ou As bruxas. Este curso, tivo especial éxito unha das súas obras máis divertidas, Cuentos en verso para niños perversos, publicada por loqueleo (antes Alfaguara). A esta obra lle dedicamos todo un mes na biblioteca, tempo durante o cal alumnos de 6º de Primaria dramatizaron para diferentes grupos as hilarantes versións que Roald Dahl creou dos contos clásicos para este libro. 









5. La aventura de los Balbuena en el lejano Oeste (Roberto Santiago): este libro, pertencente a Los Forasteros del Tiempo, a nova serie de Roberto Santiago, autor e ilustrador doutra das series de máis éxito dos últimos tempos, Los Futbolísimos, foi unha das novidades chegadas este curso á biblioteca. Desde o primeiro día se converteu nun dos títulos máis demandados polo alumnado de Primaria. Todos aqueles que queirades desfrutar desta serie de aventuras e viaxes no tempo publicada por SM, non dubidedes en pasar pola biblioteca á volta das vacacións de verán. Alí atoparedes todos os títulos da colección.








4. Monstruo rosa (Olga de Dios): este fermoso álbum creado por Olga de Dios e publicado por Apila Ediciones namorou os pequenos e grandes lectores do Fogar desde que chegou á biblioteca, cunha historia que nos amosa o valor da diferenza, e nos ensina a entender a diversidade como un elemento enriquecedor da nosa sociedade. Traducido xa a idiomas como o euskera, o portugués, o francés, o chinés, o xaponés ou o coreano, acadou importantes premios en moi diversos países: Francia, Estados Unidos, Colombia, México, Brasil...






3. Malala / Iqbal (Jeanette Winter): este álbum publicado por Editorial Juventud e creado por Jeanette Winter, autora tamén doutra das obras presentes nesta listaxe, Biblioburro, impactou os alumnos do Fogar, con duas historias reais, cheas de valentía, protagonizadas por dous nenos paquistanís, Malala e Iqbal, que denunciaron a inxustiza no seu mundo. Primeiro foi Iqbal Masih, quen denunciou a escravitude infantil nas fábricas de alfombras de Paquistán. Logo, Malala Yousafzai defendeu o dereito das nenas a iren á escola.




2. Amelia Earhart (Mariadiamantes e Mª Isabel Sánchez Vegara): se houbo unha colección que engaiolou as nenas e os nenos do Fogar este curso, esta foi Pequeña Y GRANDE, de Alba Editorial, unha serie que pretende poñer en valor o papel da muller na sociedade. Para iso nos achega a grandes figuras femininas da historia, desde científicas como Marie Curie, até escritoras como Agatha Christie ou artistas como Ella Fitzgerald, Frida Kahlo ou Audrey Hepburn. Todos os títulos da colección están presentes na biblioteca, polo que animamos a aqueles que aínda non desfrutastes desta fermosa e impactante colección, a mergullarvos na súa lectura o curso que vén. Entre os títulos da serie, tivo especial éxito entre o alumnado o dedicado a unha muller valente e aventureira, a aviadora norteamericana Amelia Earhart.




1. Guapa (Canizales): Guapa foi a obra máis prestada este curso desde a biblioteca; un libro publicado, ao igual que Monstruo rosa (tamén presente nesta listaxe) por unha das nosas editoriais favoritas: Apila Ediciones, unha editorial especializada no álbum infantil, nacida no 2007 no seo da Escuela de Arte de Zaragoza, e que está a apostar moi forte por autores e ilustradores que están a iniciar a súa carreira, como é o caso do creador desta obra: Canizales. Este fermoso e divertido álbum conquistou os pícaros do Fogar cunha historia protagonizada por unha bruxa e un ogro, que nos lembra que debemos ser fieis a nós mesmos, e non deixarnos levar polos comentarios dos outros. E é que todos somos especiais e fermosos tal e como somos.






GuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardar
GuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardar

lunes, 25 de julio de 2016

OS LIBROS MÁIS LIDOS DO CURSO 2015-2016 (2º PARTE)

Na última entrada vos amosamos cales foron os dez libros máis prestados na biblioteca ao longo deste curso nos niveis de Infantil e Primaria. Agora, vos deixamos aquí os máis prestados en ESO, FP e Bacharelato:


10. O Enigma dos Nove Sepulcros (María Acosta Díaz): unha emocionante novela de Fantasía e Aventuras creada pola escritora coruñesa María Acosta e publicada por Urco Editora, un proxecto editorial nado no 2007, ao que lle temos que agradecer a publicación en lingua galega de literatura de calidade dos xéneros de Terror, Fantasía e Ciencia-Ficción. Un dos títulos desta editorial que mellor funcionou este curso na biblioteca do Fogar foi O Enigma dos Nove Sepulcros, no que un mozo da Coruña atopa, mentres percorre a Cidade Vella, un sumidoiro aberto nunha calella, e descende por el para pescudar. Unha porta pintada na parede dálle acceso a un mundo fantástico onde, acompañado polo seu amigo Brains, vivirá unha chea de aventuras polas terras de Gapsiq, na procura da solución do Enigma dos Nove Sepulcros.


9. A estrada (Cormac McCarthy): esta novela post-apocalíptica, publicada en galego por Kalandraka, cunha fantástica tradución de Eva Almazán, foi o noveno libro máis prestado entre os "maiores". Nela asistimos á viaxe de supervivencia dun pai e do seu fillo, por un mundo frío e sombrío no que todo está morto ou extinguido por mor dunha catástrofe nuclear. Empurrando un carriño pola estrada, os dous protagonistas camiñan cara ao sur, buscando a salvación, levando como única protección unha pistola para se defenderen dos bandidos.


8. Donde los árboles cantan (Laura Gallego): sen dúbida, Laura Gallego foi unha das autoras que máis fixo desfrutar os rapaces do Fogar este curso, feito que queda demostrado se temos en conta que entre os dez libros máis prestados encontramos tres da súa autoría. Un deles é este que nos ocupa, publicado por SM, unha novela chea de fantasía, de aventuras e de amor.





7. La caída de los reinos (Morgan Rhodes): o primeiro libro dunha saga, publicada por SM, que nos achega a unha historia fascinante na que a maxia, as aventuras, o amor e as loitas polo poder nos fan desfrutar desde a primeira páxina. Con tres reinos enfrontados, Limeros, Paelsia e Auranos, a guerra está a piques de estoupar. Ti de que lado estás?





6. O xogo de Ender (Orson Scott Card): unha obra mestra da Ciencia-Ficción, gañadora de dous dos premios máis prestixiosos do xénero: o Premio Nébula (1985) e o Premio Hugo (1986). Nela vemos como a humanidade descobre que non está soa no Universo, mais faino dun xeito terrible: os abázcaros intentan, por dúas veces, conquistar e aniquilar os humanos. Estes conseguen salvarse, mais no 2070, o medo a unha terceira invasión leva a que todos os países, unidos baixo un mesmo mando, realicen unha derradeira aposta desesperada: comezan a adestrar nenos para que defendan a Terra dos abázcaros, e Andrew Ender Wiggin, un destes pequenos, pode ser a última esperanza da humanidade. Publicada en galego por Urco, esta emocionante novela foi unha das que máis chamou a atención dos lectores de Secundaria.


5. Bajo la misma estrella (John Green): unha novela tan divertida como conmovedora, sobre a vida e a morte, protagonizada por Hazel e Gus, dous adolescentes con cancro a quen esta enfermidade lles ensinou que non existe tempo para lamentacións, tan só o "hoxe" e o "agora". Unha obra para rir e chorar a partes iguais, publicada en español por Nube de tinta.





4. Emily the Strange: Los días perdidos (Rob Reger e Jessica Gruner): a primeira entrega da orixinal saga protagonizada por Emily, unha rapaza de trece anos, cunha longa melena negra, ollos tamén negros e que viste de negro. Emily prefire ser diferente e ver as cousas ao seu propio xeito. Os seus mellores amigos son catro gatos, adora as matemáticas e facer listaxes que conteñan trece números, e a súa felicidade sería completa se Hello Kitty desaparecese para sempre. Neste primeiro volume da saga, publicada por SM, Emily esperta en metade dun parque abandonado e non sabe nin o seu nome. Unicamente ten un tiracroios, un bolígrafo e un caderno de notas que, quizais, conteña algunha pista sobre ela. Como chegou até alí?


3. Cartas de inverno (Agustín Fernández Paz): unha novela apaixonante, na que o medo e o misterio manteñen a tensión até o final, facendo ao lector partícipe da agonía que transmite a historia. Nela atopamos o escritor Xabier Louzao, que logo dunha longa estadía en Québec, volve a Galiza e encontra unhas cartas que o seu amigo Adrián lle escribira na súa ausencia. Nelas, iremos descubrindo os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Mais alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a terribles misterios...



2. Crónicas de la Torre I: El Valle de los Lobos (Laura Gallego): o primeiro libro da saga fantástica protagonizada por Dana, unha moza nacida para facer grandes cousas no eido da maxia, e por Kai, o seu amigo, o seu confidente, o seu protector..., co que xurdirá unha relación moi especial. Trátase dunha serie que nos leva a un mundo poboado por seres máxicos e criaturas sobrenaturais, e que cativou os lectores que se aventuraron nela. Para todos aqueles que non a lestes este curso, a saga completa, publicada por SM, está a agardar por vós na biblioteca do Fogar.



1. Memorias de Idhún. La Resistencia. Libro I: Búsqueda (Laura Gallego): esta foi a obra máis prestada entre os "maiores" ao longo deste curso, pertencente á coñecida saga de literatura fantástica creada por Laura Gallego e publicada por SM. Esta serie transcorre en varios mundos: a Terra, Limbhad e, por suposto, Idhún, o mundo dos tres soles e das tres lúas. Trátase dunha historia que vos fará vibrar desde o primeiro momento, mentres acompañades a Jack, a Victoria e aos demais na aventura máis grande das súas vidas, nunha loita por salvar os idhunitas do goberno de Ashran o Nigromante e os sheks, as temibles serpes aladas. 


Para que vos fagades unha idea do que vos encontraredes aqueles que decidades mergullarvos nas páxinas da saga Memorias de Idhún, aquí vos deixamos unha das creacións presentadas ao "I Concurso de Cortos y Booktráilers inspirados en libros de Laura Gallego", elaborada por Miriam Ríos Sandoval:







miércoles, 13 de julio de 2016

OS LIBROS MÁIS LIDOS DO CURSO 2015-2016 (1ª PARTE)

Rematado xa o curso, aquí vos deixamos a listaxe dos libros máis prestados da biblioteca nos niveis de Infantil e Primaria:

10. Os petos de Loreto (Quentin Blake): unha divertida historia publicada por Kalandraka, protagonizada por Loreto, unha personaxe que atesoura nos seus petos os obxectos máis inimaxinables: xeados, bucinas, sombreiros... Calquera cousa pode resultar útil nas súas mans. Sempre rodeada de nenas e nenos de distintas idades e razas, a señora Loreto non deixa de sorprendernos en cada páxina, ao tempo que nos axuda a estimular a imaxinación.



9. El cumpleaños de Pupi (María Menéndez-Ponte): este foi o noveno libro máis prestado este curso, protagonizado por Pupi, un simpático extraterrestre procedente do planeta Azulón, cuxas ganas de investigar e coñecer mundo o levan até a Terra, onde terá que ir á escola, deberá aprender a respectar as normas, vivirá mil e unha aventuras en lugares como museos ou supermercados... A colección protagonizada por Pupi, publicada por SM, foi unha das máis lidas polos nenos de seis e sete anos ao longo destes meses. Desde aquí vola recomendamos tamén como lectura de verán. 



8. El Superzorro (Roald Dahl): un curso máis, volvemos atopar entre as obras máis lidas polo alumnado de 4º e 5º de Primaria este auténtico clásico da Literarura Infantil, creada pola mente xenial do máxico Roald Dahl. Ano tras ano, os pícaros do Fogar desfrutan coas divertidas aventuras deste astuto raposo e dos tres granxeiros Benito, Buñuelo e Bufón. Sen dúbida, un libro recomendadísimo para ler durante as vacacións de verán, publicado por Alfaguara. 




7. Baroña ou morte (Pepe Carreiro): trátase da primeira entrega da saga dos Barbanzóns, unha serie de banda deseñada creada no ano 2003 polo debuxante vigués Pepe Carreiro, publicada pola editorial Toxosoutos. Esta serie, ambientada na Idade do Ferro, sitúa a trama no Castro de Baroña, e os libros nos achegan ás aventuras dos habitantes deste poboado prerromano. Na biblioteca contamos tamén con outros dous títulos dos catro que conforman a saga: No solpor da prehistoria e A noite das cacharelas.



6. O coelliño branco (Xosé Ballesteros): fermosa adaptación dun conto tradicional portugués, publicada por Kalandraka, na que un animal minúsculo lle gaña a partida ao mangallón. E é que se algo nos ensina este conto é que a valentía non é cuestión de tamaños.







5. Los Futbolísimos. El misterio del castillo embrujado (Roberto Santiago): a serie creada por Roberto Santiago, publicada por SM, foi unha das máis lidas ao longo deste curso. Entre os seus títulos tivo especial éxito El misterio del castillo embrujado, no que os Futbolísimos, capitaneados por Morley, viaxan a Escocia para participar no mítico torneo dos seis clans. Alí terán que superar probas durísimas co fin de conseguir o castelo Mac Leod.




4. Nunca juegues con una bruja y otros cuentos de terror (Manuel L. Alonso): un libro publicado por SM na colección El barco de vapor, que nos trae sete relatos terroríficos protagonizados por nenos e nenas de pouco máis de dez anos. Unha obra ideal para ler nas noites de verán, que fará desfrutar a calquera lector afeccionado ás boas historias de medo, grazas a relatos como: "La casa en el bosque", "Sé que estás ahí", "Nunca juegues con una bruja" ou "A oscuras".




3. Drácula (Dominique Marion): un álbum ilustrado publicado pola editorial Baía, baseado na famosa novela de Bram Stoker, Drácula. Cunhas fantásticas ilustracións realizadas por Jérémy Fleury, esta obra resulta ideal para que os máis novos se acheguen a un dos grandes clásicos da literatura universal.






2. A casa da mosca chosca (Eva Mejuto): adaptación dun conto popular ruso, publicado por Kalandraka baixo a forma dun relato acumulativo, cheo de rimas e repeticións, que nos achega á historia dunha mosca chosca que, farta de voar de aquí para alá, decide construír unha casa para ter onde convidar os habitantes do bosque. Rematada a construción, fai unha torta de amoras para celebralo. O arrecendo da torta esténdese polo bosque e vai atraendo diferentes animais... Un aspecto do libro que destacaron os nenos ao longo deste curso son as divertidas ilustracións, cheas de cores chamativas e de formas orixinais, creadas por Sergio Mora.


1. Niños de los cinco continentes (Laure Mistral e Anne-Sophie de Monsabert): a obra máis prestada este curso na biblioteca do Fogar foi este libro que nos amosa como viven os nenos en lugares tan afastados como os Estados Unidos, Perú ou Pakistán. Unha obra así foi posible grazas ao fotógrafo Uwe Ommer, que durante catro anos viaxou polos cinco continentes e percorreu case cen países, nos que coñeceu moitísimos nenos, algúns dos cales nos presenta aquí, nun libro cheo de fotografías e testemuños, que nos achega á vida de familias moi diferentes, de distintos recunchos do mundo. Esta obra, publicada por SM, gustou enormemente aos nenos porque os achega a outras culturas e a outras formas de vida, como o día a día nunha comunidade amish ou nunha familia de beduinos nómadas.


jueves, 25 de junio de 2015

OS LIBROS MÁIS LIDOS DO CURSO 2014-2015


Agora que terminou o curso, chega a hora de anunciar cales foron os libros máis prestados da biblioteca. Aquí tedes o top ten:

10. As bruxas (Roald Dahl): trátase dun libro cheo de humor, no que asistimos á historia dun rapaz e maila súa avoa, que se enfrontan á terrible Asociación de Bruxas de Inglaterra, mentres estas, baixo a apariencia de mulleres correntes, celebran a súa convención anual nun hotel. Ninguén cre nas bruxas, mais haber hainas. E estas das que fala Roald Dahl posúen poderosísimos nenicidas. Os nenos para unha bruxa son sucios e fedorentos, o inimigo que hai que exterminar... E non son esas vellas feísimas de voz renxente, traxes negros, sombreiros picudos e vasoiras aerodinámicas. Do que se fala aquí é das bruxas verdadeiras, das que fan traballos normais, levan unha vida normal e adoitan levar luvas porque, na realidade, teñen gadoupas por mans, pés cadrados sen dedas e utilizan caramelos e chocolates como engano para destruir nenos.


9. Diario de un gato asesino (Anne Fine): en forma de diario, o gato Rasputín conta aquí a que se arma na súa casa cando aparece cun paxaro morto na boca. Despois diso, todos cren que foi tamén el quen matou o coello dos veciños e todo se lía aínda máis. Será Rasputín un verdadeiro gato asasino? Todos os que vos animedes a mergullarvos nas páxinas desta obra atoparedes unha divertida historia na que se demostra que, moitas veces, as cousas non son o que parecen

8. El Superzorro (Roald Dahl): nesta obra encontrámonos con tres granxeiros, Benito, Buñuelo e Bufón, símbolo da glotonería, da suciedade e da fealdade, os cales viven nun fermoso val. Moi preto deles, viven un raposo e a súa familia, no burato dunha enorme árbore. Os tres granxeiros queren acabar co raposo, para que non lles roube galiñas. Dado que o listísimo raposo logra escapar sempre, os granxeiros irán empregando trampas cada vez máis violentas para darlle caza. Conseguirán finalmente atrapalo?
Este relato constitúe unha fermosa defensa da bondade e o inxenio fronte a maldade e a violencia.




7. ¡Jorge habla! (Dick King-Smith): neste libro vemos como, cando Jorge ten tan só catro semanas, a súa irmá Laura descobre que non é un bebé corrente. Jorge sabe moitas cousas e pódellas ensinar a Laura. Porén, Jorge pídelle que garde o seu segredo até que el considere que os seus pais están preparados para recibir esa impactante nova.

6. A escola dos piratas (Agustín Fernández Paz): vemos nestas páxinas como, nun inverno de chuvia interminable, a escola de Marta, construída no cume dun outeiro, comeza a deslizarse pola aba do monte até chegar ao río e, máis tarde, ao mar, navegando coma un verdadeiro barco. Malia as prohibicións da estrita directora e do xefe de estudos, Marta e os seus compañeiros, coa axuda de Ana, a profesora da clase, conseguen converter a experiencia en toda unha aventura pirata, onde as únicas leis son as das persoas que aman a liberdade. Estamos perante unha novela que realiza unha férrea defensa da imaxinación como única forza capaz de mudar o mundo, especialmente cando se actúa de forma conxunta.


5. El misterioso manuscrito de Nostrarratus (Gerónimo Stilton): esta foi a obra máis prestada de todas as protagonizadas por Gerónimo Stilton, o famoso editor de El Eco del Roedor, o xornal máis lido da Illa dos Ratos. Nesta aventura encontrámonos con que Gerónimo estaba convencido de que o Manuscrito de Nostrarratus sería todo un éxito de ventas. Este libro predixera todo, até a data da fin do mundo! Mais Gerónimo non era o único editor interesado neste manuscrito e así, cando menos o esperaba, a súa vil competidora, Sally Ratonen, rouboullo. E oxalá fose esta a única preocupación de Gerónimo! Antes de recuperar o manuscrito deberá sobrevivir a unha importante viaxe a Ratonkfurt, organizada pola súa divertida secretaria Pinky.


4. Diario de Greg. Un pringao total (Jeff Kinney): esta obra está protagonizada por Greg, un dos rapaces menos populares do instituto. Aínda que el e o seu amigo Rowley non paran de intentar destacar mediante algunha das súas "fazañas", ningunha das que planean xuntos semella triunfar. Porén, pouco a pouco, a noxenta valentía de Rowley parece ter certo éxito, até o punto de que ao final será nomeado pola revista do instituto o alumno máis divertido do ano. Nesta novela o autor leva ao extremo, incluso ridiculizándoas, as eternas rivalidades adolescentes, que fan que a miúdo se traizoe os amigos no afán por ser os máis populares do instituto.


3. Los Futbolísimos. El misterio del portero fantasma (Roberto Santiago): asistimos aquí ao comezo do curso e, tamén, da Liga para os futbolísimos. Moi pronto, as cousas se complican: a súa praza na Liga Intercentros depende de que gañen dous partidos e, ademais, entra en escea un neno chinés que parece que para os goles coa mente...

2. Frederick (Leo Lionni): o protagonista deste fermoso clásico da literatura infantil é un rato chamado Frederick. Mentres o resto de ratos traballan recollendo provisións para o inverno, Frederick, que aparenta non facer nada, garda raios de sol, palabras e cores, que serán imprescindibles para todos no duro inverno. Frederick é un poeta e sabe da importancia de alimentarse de algo máis que de palla e noces.

1. El pez Arcoiris (Marcus Pfister): encontrámonos aquí con Arcoiris, quen, coas súas preciosas escamas de mil cores, é o peixe máis fermoso do océano. Porén, malia súa beleza, síntese moi só. Por que os demais peixes non queren xogar con el? Un libro fermosamente ilustrado que nos ensina a importancia de saber compartir.
E para que todos poidades desfrutar do libro máis prestado ao longo deste curso, aquí vos deixamos este agasallo: