Mostrando entradas con la etiqueta CLUB DE BANDA DESEÑADA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta CLUB DE BANDA DESEÑADA. Mostrar todas las entradas

miércoles, 18 de diciembre de 2019

CLUB DE BANDA DESEÑADA: ENCONTRO CON MANEL CRÁNEO

Onte, no Club de Banda Deseñada, tivemos o pracer de recibir a visita dun dos nosos artistas favoritos, o coruñés Manel Cráneo, co que mantivemos un encontro-xantar no que nos achegamos ás súas facetas de ilustrador e de editor.




Así, hai varias semanas comezamos a achegarnos ao seu traballo, lendo e comentando as súas obras:


Entre as que máis nos gustaron, sen dúbida, está Destino Herguss, unha apaixonante novela gráfica de ciencia-ficción, con grandes doses de acción, misterio, aventura, humor e crítica social, que nos descubriu un universo sorprendente creado por Cráneo: o Planeta Mincha.




Ademais de achegarnos ás súas obras, durante estas semanas nos mergullamos tamén no seu proxecto Demo Editorial, o principal referente dentro da edición de banda deseñada en lingua galega, e que a día de hoxe conta entre o seu catálogo con obras de autores da categoría de David Rubín, de Inacio Vilariño, de Jano, de Tokio ou do propio Manel Cráneo.

E por fin chegou o momento tan desexado: o encontro con Cráneo. Un encontro que só podemos definir como extraordinario, e no que desfrutamos desde o primeiro minuto. Entre petiscos, tortilla e empanada, Cráneo falounos do seu labor como artista gráfico, dos seus inicios neste eido, das súas diferentes obras, do proceso creativo, do seu proxecto editorial, do traballo dun editor, da situación actual da banda deseñada galega, e de mil e unha cousas máis, nunha conversa na que Manel, un dos grandes do cómic galego, destacou pola súa humildade e cercanía.










Desde o Club de Banda Deseñada queremos darche as grazas, Manel, por todo o que nos ensinaches na tarde de onte e por todo o respecto e cariño que amosaches cara ao traballo dos rapaces. Queda pendente a visita ás instalacións de Demo Editorial, experiencia da que desfrutaremos no segundo trimestre.

E todos aqueles que desexedes coñecer algo máis sobre Cráneo e sobre o seu proxecto editorial, non tedes máis que picar aquí.



jueves, 28 de noviembre de 2019

CLUB DE BANDA DESEÑADA: PREPARANDO A VISITA DE MANEL CRÁNEO

Esta mañá comezamos a achegarnos á obra de Manel Cráneo, unha das figuras máis destacadas da banda deseñada galega, cuxas creacións apareceron en publicacións como BD Banda, Barsowia, Ovo, Costra de Postre, Bravú ou Subterfuge Comics, e que nos visitará o 17 de decembro.

Os compoñentes do Club de Banda Deseñada xuntámonos durante o recreo para desfrutar con algúns dos seus cómics, como Os lobos de Moeche, A torre dos Mouros, Cousas de Mortos ou DestiNo HeRgus, todos eles publicados por Demo Editorial.









Todos aqueles que desexedes levar en préstamo estes cómics non tedes máis que pasar pola biblio.

Esta apaixonante obra nos achega ás famosas Revoltas Irmandiñas, nas que os campesiños galegos derrocaron máis de 140 fortalezas en Galicia nunha loita contra o poder establecido e os abusos dos señores feudais.


                                                                                                                            
                         
Cómic baseado nos  achádegos e hipóteses da escavación desenvolvida no 2012 por un grupo de arqueólogos e científicos do CSIC no monte de Lira, en Carnota, nunha misteriosa fortaleza localizada no contexto altomedieval. Esta pequena aventura sérvenos para coñecer como se vivía na Costa da Morte nos séculos IX e X, nun momento en que Compostela era obxectivo de normandos e musulmáns.



Nesta obra desfrutaredes con relatos cheos de humor negro, acedo e irónico, protagonizados todos eles por esqueletos que reflexionan sobre o mundo e a sociedade. Estamos perante unha viaxe por outros mundos paralelos ao noso, habitados polos que viviron nel antes que nós.



Primeira novela gráfica ambientada no Planeta Mincha (proxecto multidisciplinar de Manel Cráneo), que nos presenta unha aventura con altas doses de intriga, acción, misterio, humor e crítica social, protagonizada por Tombo e Pichuk, dous tipos moi diferentes que coinciden nunha misteriosa misión que os levará até unha das rexións máis perigosas do planeta.


Desde aquí vos convidamos a que vos mergulledes na obra de Cráneo e tamén no seu proxecto Demo Editorial, unha das editoras máis interesantes da banda deseñada galega actual.





jueves, 17 de octubre de 2019

REGRESA O CLUB DE BANDA DESEÑADA

Logo da boa experiencia do curso pasado, este ano continuamos co Club de Banda Deseñada do Fogar, no que seguiremos a achegarnos ao mundo do cómic co alumnado de Secundaria e Bacharelato.



Esta mañá celebrouse na biblioteca a primeira sesión, que serviu como reencontro cos integrantes veteranos e para dar a benvida aos novos membros do club. Na reunión explicamos como vai ser a dinámica das sesións e presentamos os ilustradores que nos van visitar ao longo do curso.





A todos aqueles que vos guste o cómic e que teñades ganas de mergullarvos un pouquiño máis neste mundo, de achegarvos a diferentes estilos e autores, e de coñecer en persoa algúns dos grandes ilustradores da banda deseñada galega, vos animamos a participar nesta actividade. Para iso, non tedes máis que pasar pola biblio a apuntarvos.


lunes, 27 de mayo de 2019

CLUB DE BANDA DESEÑADA: ENCONTRO CON ANABEL COLAZO

Hai uns días, no Club de Banda Deseñada, recibimos unha nova visita. Nesta ocasión tratouse da ilustradora Anabel Colazo, coa que falamos de moitos temas, entre eles, por suposto, o cómic.



Durante o encontro-xantar que celebramos con motivo da súa visita, Anabel falounos do proceso de creación dun cómic, de como se elabora un fanzine, de cales son as súas personaxes favoritas no mundo da banda deseñada, etc.



Un dos momentos que máis nos gustou foi cando analizamos con ela a súa obra Encuentros cercanos, publicada por La Cúpula.



Igualmente, desfrutamos enormemente conversando sobre o fanzine Nimio, do que é unha das autoras, e co que acadou no 2016 o Premio ao Mellor Fanzine no Salón do Cómic de Barcelona. Nimio vén de ser publicado por La Cúpula nun número especial de case 200 páxinas, que vos recomendamos a todos os afeccionados ao xénero,



Sen dúbida, todos o pasamos en grande nesta nova sesión do Club, desde o que queremos dar as grazas a Anabel por ter compartido con nós o seu tempo e a súa arte.




miércoles, 3 de abril de 2019

CLUB DE BANDA DESEÑADA: ENCONTRO CON EMMA RÍOS

Esta semana, no Club de Banda Deseñada, desfrutamos dunha nova visita. Nesta ocasión, foi a debuxante e ilustradora galega Emma Ríos quen pasou pola biblioteca para falar con nós do que máis nos gusta: o cómic. Emma conectou cos rapaces desde o primeiro momento, polo que todos acabamos falando con ela de moitas cousas máis.



Como adoitamos facer cos profesionais do mundo da ilustración e da banda deseñada que nos visitan no Club, convidamos a Emma a un xantar elaborado por nós. Así, entre prato e prato, conversamos sobre o mundo do manga, sobre diferentes autores de cómic, sobre os traballos de Emma para Marvel, e até de videoxogos.



Emma falounos do proceso creativo, do que significa para ela debuxar, e lembrou con nós os seus comezos no mundo da banda deseñada. Fomos así repasando a súa carreira, desde os atrancos iniciais até o éxito que vive actualmente, logo de conquistar o mercado norteamericano, como debuxante e guionista de cómic.





Por suposto, tamén nos recomendamos obras e autores, e intercambiamos impresións sobre algúns dos nosos ilustradores favoritos.



Todos desfrutamos conversando con Emma e gozamos coa cercanía dunha persoa que, malia terse convertido nunha estrela do mundo da banda deseñada, segue a manter a humildade que sempre a caracterizou.  A ti, Emma, no nome de todos os que tivemos o pracer de compartir a tarde de onte contigo, queremos darche as grazas pola túa xenerosidade, por regalarnos o teu tempo, por todo o que nos ensinaches e por todas as experiencias que compartiches con nós.





viernes, 15 de marzo de 2019

CLUB DE BANDA DESEÑADA: PREPARANDO A VISITA DE EMMA RÍOS

Hoxe tivemos unha nova sesión do Club de Banda Deseñada, na que preparamos o encontro con Emma Ríos, debuxante e ilustradora galega, que nos visitará o 2 de abril.



Nesta xuntanza achegámonos a algunhas das obras de Emma, detivémonos no seu estilo, analizamos as súas influencias, e repasamos a súa andaina profesional, desde os seus comezos até a actualidade, momento no que goza dun enorme recoñecemento tanto a nivel nacional como internacional.




Sen dúbida, logo da sesión de hoxe, todos temos unha morea de preguntas para realizarlle a Emma.


E ademais, a sesión desta mañá serviunos tamén para intercambiar impresións sobre as diferentes obras que nos viñemos recomendando entre os membros do club. Unha das que máis éxito está tendo é, sen dúbida, a recomendación que nos fixo Alba: Uzumaki, a terrorífica obra mestra escrita e ilustrada por Junji Ito, que fará desfrutar a calquera apaixonado do manga. A todos aqueles que queirades tremer de medo, vos recomendamos esta obra, publicada en español por Planeta.







lunes, 28 de enero de 2019

CELEBRAMOS UNHA NOVA SESIÓN DO CLUB DE BANDA DESEÑADA

A pasada semana celebramos unha nova sesión do Club de Banda Deseñada, no que os alumnos participantes puideron ver as numerosas novidades que chegaron nos últimos días para a sección de cómic e manga.




Unha vez máis, Brais Rodríguez, profesor de Educación Plástica, Visual e Audiovisual do centro, foi o encargado de amosarlles os diferentes títulos e de falarlles das carácterísticas propias de cada un, así como dos autores dos mesmos.





Este encontro serviu, ademais, para presentarlle aos rapaces a autora na que nos imos centrar neste trimestre: Emma Ríos. 


Obras como Mirror 1. El secreto de la montaña (Astiberri) ou a saga Bella Muerte, a bo seguro que nos van facer desfrutar nos próximos meses.