Mostrando entradas con la etiqueta RADIO FOGAR. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta RADIO FOGAR. Mostrar todas las entradas

martes, 23 de abril de 2019

ENTREVISTAS E AUDIOCONTOS DE 6º DE INFANTIL EN RADIO FOGAR

Queremos compartir con vós o marabilloso traballo realizado polos pícaros de 6º de Infantil, que decidiron amosarnos o bos xornalistas e contacontos que son a través de Radio Fogar.



Os Iriños tiñan curiosidade por coñecer mellor á nova directiva da ANPA do noso cole, polo que lle propuxeron a Cristina e a Vicki, compoñentes da directiva, a realización dunha entrevista. Cris e Vicki aceptaron o reto e a experiencia resultou fantástica. Se queredes escoitar a entrevista, non tedes máis que picar aquí.

Os Pilitos andaban algo preocupados por como sería iso de pasar a Primaria, nivel no que xa estarán o curso que vén. Por esta razón, decidiron entrevistar a algúns dos seus compañeiros de 1º de Primaria e á profe Ana Martínez, mestra deste curso. Logo desta entrevista, os Pilitos xa coñecen moito mellor como é Primaria. Para escoitar a entrevista, non tedes máis que viaxar até Radio Fogar, picando aquí

Pola súa banda, os Gemitos quixeron lembrar a obra escollida como temática principal do Entroido de Infantil para este curso: Oso Cazamariposas, de Susana Isern, publicada por OQO, e decidiron gravar a súa propia versión deste fermoso álbum, que compartimos con todos vós a través de Radio Fogar. Esperamos que vos guste! Para escoitala non tedes máis que picar aquí.

Como despedida queremos dar os parabéns a todos os pequenos xornalistas que participastes nesta actividade polo fantástico traballo realizado. Moi pronto teremos máis Radio Fogar!






jueves, 28 de marzo de 2019

RADIO FOGAR: ENTREVISTAMOS AO NADADOR JACOBO GARRIDO

O vindeiro 6 de abril, celébrase o Día Mundial do Deporte para o Desenvolvemento e a Paz, co que se pretende destacar o importante papel que xoga o deporte á hora de promover a cooperación, a solidariedade, a tolerancia, a comprensión, a inclusión social ou a saúde. Desde a biblio decidimos festexar este día entrevistando a Jacobo Garrido, unha auténtica estrela da natación paralímpica, que aos seus 16 anos está considerado como un dos maiores talentos da natación galega e mundial. 

Se queredes escoitar a entrevista, non tedes máis que picar aquí. Sen dúbida, desfrutaredes escoitando a Jacobo e, por suposto, ao extraordinario grupo de xornalistas que o entrevistaron, formado por Miguel, Lucas, Miriam e Antía, de 6ºC.



Desde aquí queremos dar as grazas a Jacobo por regalarnos o seu tempo e por ensinarnos que o esforzo diario e a paixón polo que se fai teñen a súa recompensa. Ademais, queremos dar os parabéns a estes catro xornalistas de 6ºC polo fantástico traballo realizado.


lunes, 25 de febrero de 2019

RADIO FOGAR: ENTREVISTA AO ILUSTRADOR XOSÉ COBAS

Dentro do Plan Lector e do PLAMBE 2019, hai uns días tivemos o pracer de recibir no noso colexio a visita dunha das figuras máis destacadas do mundo da ilustración: Xosé Cobas. Este pintor, deseñador gráfico e ilustrador nado en Negreira, mantivo un encontro co alumnado de 1º e 2º da ESO no que falou dos seus traballos e nos deixou boa mostra da súa xenialidade artística creando durante a sesión dúas obras inspiradas na figura e na obra dun grande como amigo e como escritor: Xabier P. Docampo.

Precisamente, boa parte da sesión estivo dedicada a falar dun dos nosos autores favoritos, Xabier P. Docampo, falecido no 2018 e co que Cobas mantiña unha forte relación de amizade e profesional. De feito, foi Cobas quen ilustrou algunhas das obras máis coñecidas de Docampo.

Para que todos vós puiderades desfrutar tamén deste artista xenial, decidimos facerlle unha entrevista. Alba Soutullo e Víctor Martín, estudantes de 1ºESO, foron os encargados de preparala e realizala. Os que desexedes escoitala, non tedes máis que picar aquí.


Todas as entrevistas e demais gravacións de Radio Fogar podédelas encontrar na páxina web do colexio, www.fhsm.es, indo até o apartado "Biblioteca" e picando en O Fogar da Radio.

Non queremos despedirnos sen antes dar as grazas a aqueles que fixeron posible esta entrevista. En primeiro lugar, grazas a Xosé Cobas por ensinarnos tanto, e á Editorial Xerais por facer posible este encontro. Grazas tamén a Alba e a Víctor polo fantástico traballo que levaron a cabo e por toda a ilusión que amosaron nesta actividade. E grazas, por suposto, aos que se encargaron da parte técnica: Paulino, Óscar e os estudantes da materia de Tecnoloxía de 4ºESO C.

jueves, 14 de febrero de 2019

HOXE EN RADIO FOGAR ENTREVISTAMOS A... KEVIN

O curso pasado chegou ao noso colexio unha persoa que nos cativou a todos desde o primeiro momento. Esa persoa é Kevin, que procedente de Kenia aterrou no Fogar para desenvolver o seu labor como auxiliar de conversa co alumnado de Primaria e Secundaria. Con el mellorou o noso inglés, pero tamén o noso coñecemento do seu país e da súa cultura. 

Desde Radio Fogar quixemos que vós, as familias, tamén coñecerades a Kevin, polo que decidimos realizarlle unha entrevista. Os encargados de facelo foron Estela, Olaia, Diego Rodil e Diego Otero, estudantes de 6ºB de Primaria. O traballo destes catro pequenos-grandes xornalistas foi, sen dúbida, extraordinario.


Sen máis preámbulos, aquí vos deixamos a entrevista, na que Kevin nos fala da súa vida en Kenia, da súa chegada ao Fogar, das súas comidas favoritas, do seu amor polo baloncesto,  etc. Aqueles que desexedes escoitala non tedes máis que picar aquí

Desde aquí queremos felicitar a Estela, a Olaia, a Diego Rodil e a Diego Otero polo fantástico traballo realizado. Tamén queremos agradecer a Kevin que nos regalase o seu tempo para levar a cabo esta actividade. E, por suposto, tamén queremos dar as grazas unha vez máis ao noso compañeiro Óscar, por facer que este proxecto de Radio Fogar sexa posible.





martes, 22 de enero de 2019

FACEMOS UN PROGRAMA DE RADIO CON ROBERTO

Como xa vos comentamos na entrada anterior, en decembro botamos a andar unha radio no noso colexio: RADIO FOGAR. Por este motivo, as nenas e os nenos de 5º de Infantil decidiron investigar sobre este tema. Ademais de toda a  informacióm que recolleron en clase e da que enviastes as familias desde as casas, tivemos o pracer de recibir a visita dunha persoa que sabe moito sobre radio: Roberto, papá de Ruth, alumna de 5ºInf. Roberto falounos de como funciona un aparato de radio, de como é unha emisora, das diferentes persoas que traballan nela, etc.

Encantounos cando nos contou a súa experiencia en Cuac FM, mais o que máis nos fixo desfrutar a todos foi cando nos ensinou a realizar un programa de radio. E para iso el e os pícaros realizaron "Somos de 5º", un divertidísimo programa radiofónico con tres convidados de luxo: Sabela, Leo e Ruth, alumnos de 5º.




Desde aquí queremos agradecer a Roberto e a Raquel, pais de Ruth, que nos ensinasen tantas cousas sobre a radio e, sobre todo, que o fixesen dun xeito tan divertido. Aos dous vos dicimos: foi un auténtico pracer compartir a tarde con vós.




lunes, 21 de enero de 2019

BOTA A ANDAR RADIO FOGAR

O pasado mes de decembro botou a andar no noso colexio RADIO FOGAR, un novo proxecto que comezamos con ilusión e que pretende que os estudantes se mergullen no apaixonante mundo dos medios de comunicación, que melloren o seu manexo das novas tecnoloxías e que teñan oportunidades para desenvolver a súa capacidade comunicativa e a súa creatividade a través desta actividade baseada no traballo colaborativo.

A primeira emisión foi posible grazas á visita do escritor Xosé Mª Lema, que pasou polo noso colexio para manter un encontro cos alumnos de 4ºESO. Nesta cita, Lema falou da súa obra Costa do Solpor (Xerais), novela de aventuras cuxa lectura fixo desfrutar aos estudantes de 4º no 1º trimestre.

Logo deste encontro, Rebeca e Lucía, alumnas de 4ºESO, entrevistaron a Lema, deixándonos sorprendidos a todos co seu bo facer como xornalistas. Non imaxinamos tres protagonistas mellores para a primeira emisión de RADIO FOGAR.


A todos aqueles que aínda non escoitastes a entrevista, vos animamos a facelo. Non tedes máis que picar aquí.

Esta é a primeira emisión de Radio Fogar, mais xa estamos a preparar as seguintes. E tal é a febre que espertou este tema no cole, que os nenos e as nenas e 5º e 6º de Infantil xa comezaron a investigar que será iso da radio.

Despedímonos dando as grazas ao noso compañeiro Óscar Nogueiras, sen o que esta entrevista e este ilusionante proxecto non serían posibles.