martes, 30 de abril de 2024

AS MAMÁS E OS PAPÁS VISITÁDESNOS PARA FALARNOS DO VOSO TRABALLO

O Día 1 de abril celebrouse o Día Internacional da Felicidade no Traballo. Con motivo desta data convidámosvos a vós, os papás e as mamás, a visitar a biblioteca para falarnos do voso traballo. Sodes moitos os que acepastes e, por iso, queremos darvos as grazas.

A clase de 2ºA de Primaria puido desfrutar de varios encontros grazas a persoas como Eva, mamá de Leo, que visitou a biblioteca para falarnos do importante labor que levan a cabo na Asociación Párkinson Galicia-Coruña e, tamén, de cal é a súa función dentro da mesma. Con ela, mantivemos un encontro no que, a través de diferentes probas, os nenos e as nenas puideron experimentar algunhas das sensacións e dificultades que viven no seu día a día os enfermos de Párkinson.


Pola súa banda, Óscar, papá de Julia, tamén de 2ºA, amosounos todos os traballos que pode desempeñar un enxeñeiro de montes. Con el coñecemos, por exemplo, o labor fundamental que levan a cabo os membros das brigadas de prevención de incendios, o traballo que desenvolven no Centro CIUDEN Vivero ou como é o seu día a día como profesor de materias como Tecnoloxía, Física ou Química. Porén, Óscar deixounos ben claro que o seu "traballo" favorito é, sen dúbida; o de ser o papá de Julia.



Diego e Cintia tampouco quixeron deixar pasar a oportunidade de pasar pola biblio para manter un encontro co seu fillo Juan e os seus compañeiros de 2ºA. Durante o mesmo, Diego explicounos en que consiste o seu traballo como enxeñeiro  e con el aprendemos moitas cousas sobre a calefacción e o aire acondicionado. E, como vedes na foto, até algún afortunado, como Julia, puido empregar algún dos aparellos que adoita utilizar Diego no seu traballo. Pero non só Diego nos falou do seu oficio, senón que tamén Cintia nos explicou os segredos da contabilidade, e fíxoo dunha maneira tan amena e divertida que espertou esa vocación en máis de un.




Antonio, papá de Alicia, mantivo un encontro cos nenos e as nenas de 3ºC de Primaria no que falou do seu traballo como educador nun centro de menores. Respondendo con agarimo as mil e unha preguntas que lle foron realizando os rapaces, Antonio foinos explicando como é a vida dos menores nun centro desas características, que fan no seu día a día tanto internos como educadores, etc. A ningún dos presentes nos pasou desapercibida a paixón coa que Antonio fala do seu traballo.



En 1ºB tamén desfrutaron destes encontros, como o de Alberto, papá de Amanda, que nos falou do seu traballo nas Forzas Armadas e nos amosou o importante labor que levan a cabo en tarefas de rescate, de axuda humanitaria, de apoio á poboación civil en situacións de emerxencia... Das moitas cousas que nos contou, encantounos a idea de entender o seu traballo como servizo aos demais.


Os pícaros de 1ºB de Primaria tamén puideron coñecer que é o que fai un enxeñeiro civil, grazas a Juan Manuel, o papá de Martina. Juan Manuel explicounos como é o traballo que se desenvolve nunha obra, amosounos a maquinaria que se emprega e nos describiu como é a indumentaria que se debe utilizar para traballar neste sector.



En 1ºC, Bernardo, papá de Annette, explicounos cal é o traballo dun deseñador industrial. Con nós, lembrou como o seu soño infantil de ser inventor se fixo realidade co seu traballo e nos amosou algún dos seus proxectos. Con el vimos como unha idea xurdida na mente dunha persoa se transforma nun obxecto que pode facilitar a vida de moita xente.



David, papá de Valentina, explicoulles aos pícaros de 3ºB como é o seu traballo como policía. David lembrounos o importantes que é non falar con descoñecidos nin abrir a porta a estraños, e tamén nos recordou que, por se algún día nos perdemos, é moi importante que coñezamos o número de teléfono dos nosos pais e a nosa dirección.


Estes días continuaremos coas vosas visitas. A  todos os que xa vos pasastes por aquí, dámosvos as grazas. E todos aqueles que teñades ganas de vir pola biblio a pasar un momento divertido co grupo do voso fillo ou da vosa filla mentres nos falades do voso traballo, pero que aínda non o fixestes, tedes tempo ata finais de maio para visitarnos.


jueves, 25 de abril de 2024

CONTOS E MÁIS CONTOS PARA CELEBRAR O DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO

A medida que se ía aproximando a chegada do Día Internacional do Libro (23 de abril), a biblioteca foise convertendo nun verdadeiro fervedoiro de contacontos, nos que os libros, o teatro e os pícaros foron os grandes protagonistas. 

Agora que comezamos a desfrutar do bo tempo e que todos facemos máis vida ao aire libre, o contacto coa natureza sitúanos ao carón de todo tipo de pequenos animaliños. Disto foi do que nos falaron Enma e Chloe, alumnas de 5ºA de Primaria, quenes, a través das divertidas ilustracións creadas por Hélène Convert para o álbum Los bichos al dedillo (Combel), achegaron os nenos e as nenas de 4º de Infantil ao mundo das xoaniñas, as moscas, as bolboretas, os saltóns, as lombrigas, as abellas ou as cetonias.










Este non foi o único contacontos que puideron desfrutar os nenos e as nenas de 4º de Infantil. Así, grazas a Marian, a Iria, a Sofía, a Yaiza e a Daniela, alumnas de 6ºC de Primaria, os pícaros tamén viviron unha divertida sesión arredor do álbum A sopa queima (OQO), de Pablo Albo e André Letria.






Pola súa banda, os grupos de 5º de Infantil tamén puideron gozar de varios contacontos. Un deles correu a cargo de Nico, alumno de 6ºA de Primaria, que nos achegou á divertida historia de Pinto e Chinto Nicomedes o pelado (Kalandraka).





Olivia, Noa, Mencía, Lucía, Isabella e Ana Lucía, alumnas de 5º de Primaria, tamén lle quixeron demostrar aos nenos e ás nenas de 5º de Infantil que os libros poden ser moi divertidos, polo que leron para eles un dos fermosos álbumes de Anna Llenas, Te quiero (casi siempre). Con esta obra publicada por Espasa, traballamos o respecto á diferenza.










E tamén os nenos e as nenas de 6º de Infantil viviron a maxia dos contos grazas a Uxía Boquete, Uxía Astray, Irene e Martina, alumnas de 6º de Primaria. Con elas coñeceron a terrible cabra cabresa, do álbum O coelliño branco (Kalandraka), libro baseado nun conto popular portugués convertido xa nun verdadeiro clásico da literatura infantil grazas á Xosé Balesteros e Óscar Villán.








martes, 23 de abril de 2024

FELIZ DÍA DO LIBRO 2024!

Desde o Fogar desexámosvos un feliz Día do Libro! E para celebralo, aquí van unhas cantas recomendacións lectoras:



martes, 12 de marzo de 2024

COÑECEMOS A COCO CHANEL, TRABALLAMOS A AUTOESTIMA E DESFRUTAMOS CON PELOSTORTOS E CUNHA RATIÑA MOI PRESUMIDA

A pasada semana deu para moito na biblioteca do Fogar. Sofía, Sara, Carmen, Vera, Andrea e Irene, de 5º de Primaria, quixeron celebrar o Día Internacional da Muller cos pícaros de 4º de Infantil. Para iso decidiron escenificar para eles unha dramatización sobre unha das figuras femininas ás que Alba Editorial lle adica un dos volumes da súa coñecida colección "Pequeña y grande". Así, a partir desta fermosa obra creada por María Isabel Sánchez Vegara e Amaia Arrazola, a deseñadora Coco Chanel visitou a biblio nunha sesión chea de sorpresas.








Pola súa banda, Nico e Ariel, de 6º de Primaria, aproveitaron a hora de biblioteca dos grupos de 6º de Infantil para traballar cos nenos e as nenas un elemento fundamental no desenvolvemento de toda persoa: a autoestima. Para iso leron o álbum Cosas que me gustan de TI, de Trace Moroney, logo do cal todos fomos dicindo aquelas cousas que máis nos gustan dos nosos compañeiros. Ao remate de cada sesión, todos marchamos contentos, pois ao escoitar aos nosos compañeiros nos fomos dando conta de que cada un de nós posuimos características marabillosas: uns somos moi amables, outros moi divertidos, outros moi xenerosos, outros moi enxeñosos....









E, unha semana máis, Pelostortos, volveu visitar a biblioteca da man de Lucía, Andrea, Nico, Osmani e Bradley, de 6º de Primaria. Os nenos e as nenas de 5º de Infantil desfrutaron cunha sesión tan terrorífica como divertida co estarrecedor protagonista do álbum creado por Ana García Castellano e Mikel Mardones para OQO.








E como somos uns grandes amantes dos clásicos,  Carla, Noa e Uxía, de 6º de Primaria, decidiron dramatizar para os pícaros de 5º de Infantil A ratiña presumida, na versión creada por José Antonio López Parreño e Pablo Mestre para Kalandraka.