Esta semana, o 5 de xuño, celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente, establecido pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1972, coincidindo co primeiro cume mundial sobre esta temática: a Conferencia de Estocolmo sobre Medio Ambiente Humano. Esta data, que se vén celebrando desde 1974, busca concienciar á sociedade sobre a necesidade de amar, coidar e respectar o noso planeta.
Desde a Biblioteca Agustín Fernández Paz queremos convidarvos a celebrar este día, polo que vos deixamos aquí unha serie de recursos para que o alumnado e as familias aprendades e desfrutedes a partes iguais:
Contemplando a beleza da natureza: apetécevos mergullarvos entre quenllas en Fiji?, gustaríavos desfrutar da fermosura da Reserva Natural Kronotsky?, ou quizais preferides gozar observando a fauna das Illas Galápagos? Agora podedes viaxar até estes lugares, e moitos máis, sen movervos da casa grazas à páxina AirPano.com, unha web que vos permitirá desfrutar de espectaculares panorámicas 360º a vista de paxaro de máis de 300 lugares do mundo. Moitas das fotos 360º e dos vídeos permíntennos achegarnos á grandeza da natureza.
Agardamos que todos desfrutedes enormemente con estas marabillosas viaxes virtuais.
Consumópolis: portal promovido polo Ministerio de Sanidad, Consumo y Bienestar Social, no que podedes atopar actividades moi diversas para aprender sobre temas como a reciclaxe ou para reflexionar sobre como as accións cotiás poden axudar a aforrar enerxía e a cuidar o medio ambiente.
Cómpre destacar a sección de xogos, na que se inclúen algúns tan divertidos como o "Selector de residuos", que ensina a reciclar nos distintos contedores, ou o "Apagaluces", co que aprenderemos a aforrar enerxía na casa.
Igualmente interesante é a sección de fichas pedagóxicas, na que encontraredes materiais sobre temas tan diversos como o consumo sostible, a contaminación, o cambio climático ou a prevención de residuos no fogar.
Un paseo en barco polo pulmón do mundo: grazas a este proxecto de Google Street View, agora todos podemos realizar un tranquilo paseo en barco polo río máis longo e caudaloso do mundo, o Amazonas, polo cal poderes ir avanzando empregando o cursor e as frechas.
Agardamos que desfrutedes da beleza da Amazonia, o máis extraordinario exemplo de biodiversidade e auténtico pulmón do planeta, que absorve millóns de toneladas de dióxido de carbono presente na atmosfera, contribuíndo a frear o cambio climático
Queredes medir a vosa pegada ecolóxica?: deixámosvos aquí unha iniciativa da Diputación Foral de Bizcaia, Fundación Vida Sostenible e Global Action Plan, que nos permite coñecer o impacto ecolóxico do noso comportamento en relación coa enerxía que gastamos, a auga que consumimos, o lixo que xeramos...
En función das respostas, o portal ofrece unha serie de recomendacións para rebaixar o impacto medioambiental.
Agardamos que todos desfrutedes destes recursos e que vos resulten interesantes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario