viernes, 30 de enero de 2026

Entrevista a Carlos Sola

 Carlos Sola: «Os profesores daqueles tempos eran moi ríxidos»

Carlos Sola, nado na Guarda, en 1952 nárranos a vida durante a súa infancia e os cambios experimentados entre a infancia de antes respecto á da infancia actual.


Mateo Garrido Sola (2º ESO C)


Infancia e familia:

Onde naceu e en que ano?

Nacín na vila da Guarda no ano 1952.


Como era A Guarda?

A Guarda era unha poboación case sen industria, practicamente mariñeira e a única empresa  que había era unha de cerámica, chamada Santa Tecla.


Tiña algunha tarefa ou responsabilidade sendo pequeno?

Sendo pequeno non tiña ningunha tarefa, o único que tiña que facer era xogar na praza onde nacín e desfrutar dos meus anos de cativo.


Tiña irmáns?

Teño dous irmáns, un irmán e unha irmá que son maiores ca min.


E como é a súa relación con eles?

É moi boa; é dicir, nunca tiven ningún problema con ningún dos dous, de feito aínda nos levamos moi ben e falamos todas as semanas.


A que xogaba cando era pequeno? Que xogos había?

Os xogos da miña infancia eran a buxaina, as bólas e o balompé, pero como non había balón xogabamos cunha pelota feita con papel de xornais. E, ás veces, ía ó comercio dos meus pais pasar o tempo.


E como era ese comercio?

Todo comezou cando o meu pai chegou á vila da Guarda, xa que é de Ourense, e comezou cun comercio de comestibles que despois pasaría a ser un bazar onde traballaba tamén miña nai.

Namentres meu pai vendía os seus produtos e en especial patacas traídas de Ourense polas vilas, facendo entregas ás casas, miña nai atendía a tenda e coidaba de nós.


A xuventude e a escola:

Onde estudou de pequeno?

De pequeno, primeiro estudei nas Carmelitas, un colexio das monxas. Alí foi onde comecei cos meus estudos. Era un colexio cunha educación moi ríxida, moi relixioso que nos facían ir orar á capela todos os días.

Despois, pasei a estudar a outro colexio, tamén relixioso para poder continuar cos meus estudos. Este xa era un colexio de curas.


E gustáballe a escola?

Si, xa que non había outra cousa que facer e gustábame estudar.


Por suposto, os profesores non eran os mesmos cós de agora. Como eran antes?

Os profesores daqueles tempos eran moi ríxidos. Se non te comportabas correctamente,  batían nos alumnos con varas. Por sorte, eu nunca recibín ese tipo de castigo xa que era bo rapaz e bo estudante.


Tivo que deixar os estudos ou pola contra puido seguir estudando?

Non, non tiven que deixar os estudos. Nunca tiven que renunciar á miña formación xa que meus pais querían que eu estudase.


Despois de estudar Bacharelato, que carreira seguiu?

Estudei Bacharelato en Vigo e en Madrid e finalmente fun a Santiago para cursar a miña carreira universitaria de Ciencias Económicas. Ao rematar, atopei traballo en Santiago, nunha empresa de leite, que era Puleva. Eu traballaba na parte económica.


En que máis empresas traballou?

Despois de Puleva, pasei a Donuts, seguindo co sector da alimentación, no polígono industrial do Tambre. Alí tiña como tarefa xestionar as contas da empresa e tamén tarefas relacionadas co persoal. A continuación, cambiei para Pulisa que era unha distribuidora de prensa.


E cal foi a última empresa para a que traballou?

De Pulisa xa pasei ao meu último traballo no que estiven case toda a miña vida. Chegou a España unha nova empresa de transportes, UPS, e precisaba de persoal para xestionar as novas sucursais no país. Comecei como delegado en Santiago e despois tiven que trasladarme coa miña familia á Coruña para xestionar a nova delegación.


E que facía alí?

Eu era o xerente que se dedicaba a xestionar os centros de distribución de Galicia, supervisar que todo funcionase, tomar decisións e estar en contacto directo cos demais centros de España e Europa. Tamén tiven que ocuparme da xestión dos centros de Asturias, León, Zamora, Salamanca. Era un traballo con moita responsabilidade.


Cando era mozo, chegou a pensar que algunha vez podería ser xerente dunha empresa?

Non, nunca pensei que despois dos meus estudos e da miña experiencia na vida laboral puidese chegar a ser xerente de diferentes delegacións dunha empresa tan importante. Nunca pensei en chegar ata onde cheguei.


A familia:

Cando casou e con quen?

Eu casei o 8 de agosto de 1981 con Olga, a muller que me presentaron uns amigos, e  comezamos a saír xuntos. De aí a decisión de casar.


Tivo fillos?

Si, tiven dúas fillas, que se chaman Olga e Sara. Son unhas fillas moi responsables na súa vida, nunca nos deron problemas, polo que podo dicir que foi doado a etapa de ser pai; aínda que como todo na vida, houbo momentos altos e baixos, pero podo dicir que nunca tiven ningún problema grave.


Ten netos? Como son?

Teño dous netos, con grandes valores culturais e morais que lles transmiten seus pais na súa educación, e ó mesmo tempo forman parte dunha unidade familiar da cal estamos moi orgullosos deles. Son uns netos excelentes.


Reflexión:

Que é o que o fai máis feliz?

O que me fai máis feliz é ter unha gran familia unida.


Que é o que máis o enorgullece?

O que máis me enorgullece é desfrutar dunha xubilación tranquila e estar rodeado da miña familia. Especialmente, que os meus netos sigan o exemplo dos seus avós e que sexan responsables.



viernes, 23 de enero de 2026

Entrevista a Manuel Alvite

 

Manuel Alvite: «Collín moito agarimo ao Fogar de Santa Margarida»

 

Don Manuel Alvite, párroco da Parroquia Santa Margarida, é moi querido na súa comunidade porque ten moito carisma e transmite paz e confianza ás persoas.

 

John García Lavandeira (2º ESO B)

 

Cantos anos leva de sacerdote e cantos leva nesta parroquia?

De sacerdote levo dende o ano 1972 e aquí, nesta parroquia, vai facer 18 anos.

Estivo algunha vez noutras parroquias ou noutros lugares como misioneiro?

Misioneiro non, pero noutras parroquias, si. Na parroquia dalgunha forma tamén misioneiro. Eu antes de ser cura estiven nun colexio de nenos en Santa Cruz, despois ordeneime sacerdote no 72 e despois estiven traballando durante moitos anos con nenos discapacitados. Eu son educador de Educación Especial e estiven traballando con nenos discapacitados durante 30 anos.

Que opina do papa León XIV e de que vaia a Madrid, Barcelona e Canarias pero non a Galicia?

A min gustaríame que viñera a Galicia, pero o máis importante non é que veña a Galicia. Vaia a onde teña que ir, vai levar unha mensaxe de paz e non pode vir a todo o país, pero se vén ao país ben e se vén a Santiago fenomenal.

Eu estudo no Fogar de Santa Margarida e varias veces vino alí, cal é a súa relación co colexio?

No colexio Fogar de Santa Margarida, sendo eu un novo sacerdote alá nos Castros, había xa un director que era Don Xosé Sardiña. Que sabía moitas cousas. Entón, dende aquela sempre collín moito agarimo ao Fogar Santa Margarida. Por outro lado tiña uns compañeiros, que eran José Antonio Vázquez Cabarcos e Andrés García Vilariño, que eran do meu curso e eramos amigos.

Cre que a materia de Relixión debería ser obrigatoria nos colexios?

Pois aí métesme nun interrogante porque non debe ser á forza, pero que haxa unha liberdade e que o que opte por ela paréceme moi ben e o que non pois hai que respectalo.

Que libro ou película recomendaría sobre a vida de Xesús?

Hai cantidades de películas sobre Xesús, e de libros hai unha guía que se chama Buscade o señor”. E sobre todo hai un libro fundamental que é a Biblia.

Como pode axudar a Igrexa ao ser humano e que valores podemos aprender dela?

A Igrexa debe estar ao servizo dos seres humanos e debe axudalos en todas as cousas que poida. A Igrexa non só é a misa, senón en todas as parroquias hai un grupo de persoas que son a igrexa e que son de Cáritas e a través de Cáritas tratan de axudar ás persoas que están pasando unha necesidade e sempre que se poida dándolles roupa ou vales para alimentarse.

Como cre que pode a Relixión axudarnos no noso día a día e cre que se a xente de todo o mundo crera máis en Deus o mundo melloraría?

Iso sen comparación. A fe leva consigo un comportamento e un compromiso. Se eu son cristián bautizado e nunca vou á misa, non lle pidas peras ao olmo. Pero a fe leva consigo unha práctica na vida.

E está contento cos fieis desta parroquia? Que tal son?

Si, nese caso eu non son xuíz para nada; eu son un membro da parroquia e estou contento nese sentido e con vós os rapaces que vindes aquí e a miña misión é axudar.

Que é o que máis lle gusta da súa profesión?

O falar coa xente, estar coa xente e nunca lle pregunto se é crente ou non, se vén a misa ou non ou se é cristiá ou non. Agora estou encantado cun grupo que veu de Venezuela que chegan aquí e non saben nada; falar con esa xente é unha marabilla.

Vostede forma parte do grupo de Cáritas, como axuda aos pobres?

Eu formo parte del, para min é fundamental porque Cáritas é a Igrexa no aspecto social. Eu, como consiliario de Cáritas, vou todos os meses a unha reunión para ver as cousas que temos que facer co equipo de Cáritas da parroquia. O equipo é o que se compromete para axudar economicamente e con vales para alimentos.

E para rematar, don Manuel, que foi o máis raro que lle pasou na igrexa?

De vez en cando hai cousas que ao mellor non gustan, pero como a Igrexa que somos temos os nosos fallos tamén e temos que recoñecelo e pedir perdón.

Agora voulle facer unhas preguntas do que prefire e ten que escoller unha opción obrigatoriamente.

Biblia en papel ou Biblia dixital?

Eu aínda son da Biblia en papel.

Bautizos ou casamentos?

 A min gústanme máis os bautizos.

Misa pola mañá ou pola tarde?

Neste momento aquí na parroquia estamos facéndoa pola tarde porque pola mañá era moi cedo e prefiro pola tarde.

Novo ou Antigo Testamento?

Por suposto, o Novo Testamento, pero se les a Biblia tes que empezar polo Antigo.

Advento ou Coresma?

Advento é un tempo de preparar o nacemento de Cristo e a Coresma é para prepararnos da morte e resurrección de Cristo e os dous son importantes e eu non dividiría porque unha cousa leva á outra.

jueves, 22 de enero de 2026

Entrevista a Antón Mato

 

Antón Mato: «Había que traballar para axudar na casa»

Antón Mato, un home traballador e moi familiar nacido na Agualada (Coristanco), cóntanos como foi a súa vida laboral dende moi mozo nunha época moi difícil para poder axudar a súa familia.

 

NEREA CASTRO MATO (2º ESO B)

 

En que sectores traballaches?

Traballei na construción, na canteira e na minería. Con máquinas e con camións.

A que idade comezaches a traballar?

Empecei a traballar ós catorce anos, na construción. Ós dezaseis cambieime para a Central Térmica de Sabón, para unha construción de obras, de corrente, cousas así. E mais tarde fun traballar para unha canteira, romper pedra e traballar por alí. O que mandaban facer. Tempo despois, fun traballar á mina das Pontes de García Rodríguez e alí botei bastantes anos traballando, ata que case parei.

Por que tan de mozo?

Pois empecei tan cedo porque naquel tempo eu para estudar non valía e entón había que ir traballar e o cartiño facía moita falta para poder comer e había que axudar na casa.

Como era o teu horario laboral?

O meu horario laboral era normal. Era de 8 da mañá a 7 da tarde. Pero eu tiña que levantarme ás 6 da mañá para coller o autobús, que lle chamaban o coche dos obreiros, e ir á Coruña. Levábame media hora ou máis chegar ó posto de traballo. Outro tanto volver cara á casa. Despois deitábame ás 11 ou 12 da noite.

Podes contarnos algo destacado de cando traballaches na canteira?

Ben, eu na canteira estaba traballando do que lle cadraba, con máquinas, cargando dinamita e estaba facendo o que había que facer por alí adiante, soldando… de todo. Incluso dunha vez fixemos unha carga de 600 kg de dinamita repartidos entre 16 buratos e tivemos un accidente porque explotaron uns cantos quilos e veu un helicóptero. Un magoou a columna e foi para Toledo e os outros fomos para a Residencia.

Cres que hoxe en día, con máis medidas de seguridade, teriades ese accidente?

Pois penso que non, porque aquela ferramenta que había antes non era adecuada practicamente coma a de hoxe. Antes aquilo traballaba con pilas e hoxe non. O accidente seguro que foi provocado por iso. Entre a carga das pilas e a carga estática das persoas cando o colle para comprobar foi o que provocou a explosión, o que ocasionou o accidente.

Cal dos traballos que tiveches che gustou máis?

Ben, dos traballos nunca me gustou ningún, pero o que máis foi andar con máquinas, de condutor de pas mecánicas.

Que consellos nos darías ós máis novos para poder durar tantos anos na mesma empresa?

Consellos hoxe ós máis novos xa non se lles poden dar porque empezan a traballar ós 40 anos e xa logo se cansan. Entón, non sei, terán que comezar máis cedo e parar máis tarde. Teñen que ter máis paciencia e máis aguante.

Datos:

A mina das Pontes de García Rodríguez era a máis grande de ceo aberto de Europa. Dela extraíase carbón para a central térmica desa localidade. Agora é o lago artificial máis grande de España con cotas de case 300 m de profundidade (tardou 4 anos en encherse de auga).