miércoles, 4 de febrero de 2026

Entrevista a Loli Moscoso

 

Loli Moscoso: «Antes tiñamos que facer todo a man»








Loli Moscoso Camino, unha xubilada que traballou nunha xestoría, cóntanos como foi a súa experiencia comparada coa actualidade.

 

Lucía López Carlone (2º ESO B)

 

Como lembras os primeiros anos traballando nunha xestoría? Que foi o que máis che chamou a atención daquela?

 Sobre todo que había moito traballo. Naquela época, na que comecei, as xestorías eran unha cousa nova. Chamábame sempre a atención que tardaban moito en traer a documentación: facturas e outras cousas que tiñan eles. Iso é o que máis lembro.


Que cambios importantes viu no funcionamento dunha xestoría ao longo da súa vida profesional?

De todo. Cando comecei, todo se facía en papel, a man. Collías o bolígrafo e tiñas que facer a contabilidade, os impresos da Facenda, o IVE, para a declaración da renda… Fixen tantas rendas a man que xa nin me lembro e despois, veu xa todo o que eran os ordenadores e iso xa foi o máximo. Quitounos moito traballo porque xa podías facelo todo informaticamente.


Tivo algunha experiencia complicada durante a súa carreira profesional? Como a afrontou e que aprendeu dela?

 Eu creo que son bastante privilexiada porque non tiven cousas moi graves. O que máis foron inspeccións, que, por sorte, me saíron todas ben en toda a miña carreira profesional; todas as inspeccións que pasei, paseinas ben e non tiven grandes complicacións.


Que valores cre que eran fundamentais para facer ben este traballo antes e seguen sendo importantes hoxe?

 Penso que é ser honesto cos clientes. Dicirlles sempre a verdade, explicarlles ben as cousas e que eles entendan o que lles estás explicando; que se non o fan, poden ter moitos problemas.


Como era a relación cos clientes antigamente en comparación coa actualidade?

O cliente viña con moita desconfianza porque os galegos somos así, sempre cremos que nos van quitar algo. Entón, desa desconfianza, co tempo, cando vían que as cousas llelas facía ben e que eras unha persoa honesta, remataban sendo amigos. Todos os meus clientes foron amigos meus. Se as fillas se lles casaban; facían unha festa, chamábanme. Agora, todo é máis frío; non hai o trato co cliente que había naquel entón.

 

Que papel tiña a responsabilidade e a organización no día a día dunha xestoría?

Levantábaste pola mañá e sempre tiñas que mirar o BOE, mirar todas as cousas que saían novas e despois comprobabas documentación dos clientes que che trouxeran: facturas, impostos… e algún que despois viña, pedía cita, algunha cousa que querían preguntar.


Mirando atrás, que foi o máis difícil de aprender cando comezou a traballar neste sector?

Eu penso para min que era ter ao día o que é o traballo e todo o que se estaba a facer. Centrarse ben nos clientes e non deixar o traballo. Por exemplo, se tes que facer contabilidades, algún tipo de impreso, non ilo deixando, sobre todo a contabilidade. Tela ao día, porque se non despois é moi complicado facer os impresos.

 

Que consello lle daría á xente nova que queira dedicarse ao mundo da xestoría no futuro?

Eu o que lles diría é que sexan honestos cos clientes, que lles fagan entender ben en que consiste o que é a contabilidade e os impostos, que entendan que hai que pagalos.

 

Que significa para vostede ver como cambiou o seu oficio agora que está xubilada?

Non cambiou moito para min, porque cando eu comecei, empezaban as xestorías naquel entón e fun vendo todos os cambios que houbo na profesión. Que é comezar cun bolígrafo na man e rematar agora informaticamente facéndoche todo tecnoloxicamente.


Se tivese que escoller un momento da súa carreira que a definise como profesional, cal sería e por que?

Sen dúbida, a satisfacción de superar unha inspección e poder comunicarlle ao cliente que todo estaba en orde. Esa tranquilidade e o deber cumprido son o mellor recoñecemento ao traballo ben feito.