jueves, 5 de febrero de 2026

Entrevista a Xoán Segura

 

Xoán Segura: «O cliente gaña tempo para as súas propias cousas»



Segura, traballador dunha xestoría, o mellor amigo dos clientes, un home traballador e dedicado ao seu traballo.

 

Andrea López Carlone (2° ESO B)

 

 Poderías explicar brevemente os traballos que se fan nunha xestoría?

Podemos dicir que a xestoría é a que se encarga de facer os trámites burocráticos entre unha empresa ou un autónomo coa administración pública. Por exemplo, facer a contabilidade, presentar os impostos (IVE, IRPF…) e xestionar as nóminas dos traballadores. Somos intermediarios que axudamos aos empresarios a cumprir coas súas obrigas fiscais e tributarias.

 

Podes dicirnos que é o que máis che gusta do teu traballo e o que menos?

 O que menos me gusta son as présas de última hora cando hai unha data límite para presentar os impresos e os clientes aínda non che deron todas as facturas. O que máis me gusta é cando se produce algunha innovación que facilita o traballo, como os programas informáticos ou a presentación telemática. E, antes de que mo preguntes, vouche dicir o que máis lles gusta aos clientes: gústalles moito cando lles solicitas una subvención e a cobran, ou cando na declaración da renda lles dis que lles van devolver 2.000 euros. Iso gústalles a todos.

 

Como contribúe unha xestoría ao cumprimento das obrigas legais e fiscais?

Realizando todos os trámites no tempo establecido pola administración. Esa é a nosa axuda, cumprir con todas estas obrigas legais e fiscais no tempo correspondente.


Como pode unha xestoría influír positivamente na vida persoal e laboral dos seus clientes?

 Pode influír positivamente realizando todo este traballo complicado ao que están obrigadas as empresas. É unha tarefa para a que moitos non están capacitados e a outros quitaríalles moito tempo. Ao non ter que preocuparse de facer iso, o cliente gaña tempo para as súas propias cousas.


Que tipo de persoas ou empresas adoitan necesitar os servizos dunha xestoría?

 En realidade, practicamente todas as empresas e autónomos van necesitar estes servizos. Moitos fano por comodidade porque non teñen tempo. Outros, sobre todo os autónomos, directamente prefiren centrarse no seu traballo e que nós nos encarguemos de presentalo todo e facelo ben.

 

Como afecta unha boa xestión administrativa á tranquilidade e seguridade das persoas?

 Inflúe positivamente, porque se o autónomo sabe que o seu traballo se está facendo ben e non ten que preocuparse, pode dedicarse á súa actividade comercial. Por exemplo, se tes un bar, dedícate a traballar nel e non rompas a cabeza co IVE; de levar as facturas e de todo o demais xa se encarga a xestoría.


Que habilidades profesionais son necesarias para traballar nunha xestoría?

 Tes que ter unha formación administrativa e ofimática e, á parte, é importante a capacidade de empatizar co cliente. Se unha persoa te entende cando lle falas, está máis contenta e confía máis en ti.


 De que maneira a tecnoloxía facilita o traballo das xestorías na actualidade?

Facilítao moitísimo. Vós sodes novos e nacedes con móbiles e internet, pero antes disto non existía nada. Nos anos 80 ou 90 o traballo era manual: todos os impresos en papel, con calculadoras e máquinas de escribir. Tiñas que ir fisicamente á Facenda e ao banco cunha carpeta para pagar os impostos. Agora todo se presenta de maneira telemática dende a oficina, o que supón un grande avance para todas as empresas.

 

Podes contarnos algunha anécdota do traballo?

 Recordo un señor maior que veu pola oficina para que lle fixeramos a declaración da renda. Resultou que Facenda lle tiña que devolver un pouco máis de 1.000 euros. Era un home desconfiado e non o cría. Dicía que tiña que haber algo mal. Así que lle dixen: «Mira, non che vou cobrar a declaración ata que che pague Facenda». Pois aos dez días veu todo contento porque xa cobrara e regalounos bombóns e unha botella de viño. Os bombóns estaban moi ricos; o viño non o probei porque non bebo. Pero despois dese detalle, este home veu todos os anos ata que faleceu.