jueves, 9 de noviembre de 2023

BRUXAS E MONSTROS VISITAN A BIBLIOTECA POLO SAMAÍN

A segunda quincena de outubro foi unha época na que a biblioteca se encheu de bruxas e monstros, para celebrar o Samaín. 

As primeiras en visitarnos foron Sofía, Irene, Andrea, Sara, Antía e Marta, as bruxas de 5º de Primaria, que fixeron desfrutar aos pícaros de Infantil cunha representación teatral tan terrorífica como divertida.













Con Alba, Vega e Hilary,  alumnas de 5º de Primaria, chegaron unha nova bruxa e un ogro, os dous protagonistas do álbum Guapa, creado por Canizales e publicado por Apila Ediciones. Con esta bruxa e este conto aprendemos o importante que é quererse a un mesmo e non deixarse influír polos demais.




















Pero estes días a biblioteca non só recibiu a visita de bruxas e ogros, senón tamén de monstros! Aínda que máis que terroríficos, os monstros que se deixaron caer pola biblio resultaron máis ben entrañables. Isto é o que aconteceu co protagonista do coñecido álbum de Anna Llenas O monstro de cores. Grazas a este fermoso conto publicado por Flamboyant, os nenos e as nenas de Infantil achegáronse ás súas emocións a través dunha historia sinxela e divertida posta en escena por Iria, Alba, Marian, Yaiza e Irene, de 6º de Primaria.









E para rematar coas visitas do Samaín, Monstruo rosa tamén pasou pola biblioteca da man de Belén, María e Noa, estudantes de 5º de Primaria. Grazas a elas, os pícaros desfrutaron deste conto de Olga de Dios, publicado por Apila Ediciones, e aprenderon que a diversidade é un elemento enriquecedor dentro da sociedade.



















martes, 31 de octubre de 2023

AS FAMILIAS CONTADES

Para todos nós, unha das maiores alegrías é recibirvos a vós, as familias, na biblioteca. Por iso, cada ano, ao longo do curso, ímosvos convidando a visitarnos en diferentes momentos para a realización de distintas actividades. Este mes de outubro, con motivo do Día Internacional das Persoas de Idade, recibimos ao avó José María e as avoas Patricia e Carmen, que nos regalaron o seu tempo e acudiron á nosa chamada para falarnos da súa infancia, de como era o seu colexio, de cales eran os seus xogos favoritos... E ademais, cada un deles leu para nós un conto co que todos o pasamos ao grande!

José María fixo desfrutar á súa neta Valeria e aos seus compañeiros de 2ºA de Primaria con "El pastorcito mentiroso", a coñecida fábula coa que Esopo advirte contra a mentira e o abuso de confianza. E tamén nos deixou a todos impresionados cando nos amosou dous tesouros cos que nos fixo viaxar ata os seus días na escola: unha antiga pluma e un volume da famosísima Enciclopedia Álvarez.



Patricia e Carmen, avoas de Frani e de Martina, de 1ºA de Primaria, tamén quixeron sorprender as súas netas e visitaron a biblioteca para lernos dous contos que nos encantaron: Cosas que me gustan de mi familia, un fermoso álbum creado por Tracey Moroney e publicado en castelán por SM; e Avós, un entrañable libro de Chema Heras e Rosa Osuna, no que desde a editorial Kalandraka nos achegan a unha historia romántica e poética chea de metáforas encadeadas.



Desde aquí queremos dar as grazas a José María, a Patricia e a Carmen por dedicarnos o seu tempo e por sacar tantos sorrisos aos nosos pícaros. E non queremos despedirnos sen adiantarvos que durante o mes de decembro, aqueles familiares do alumnado de 5º e 6º de Infantil, e de 1º ciclo de Primaria que queirades visitar a biblioteca para lernos algún conto relacionado co Nadal ou simplemente para falarnos de como festexades nas vosas casas estas datas tan sinaladas ou de como viviades eses días de pequenos..., non tedes máis que comunicarllo ao titor correspondente. Aquí vos esperamos!