viernes, 5 de junio de 2026

XA TEMOS GAÑADORAS DO CONCURSO DE DEBUXO POLO MES DO XAPÓN!

Como xa sabedes, durante o mes de maio, a nosa biblioteca escolar converteuse nunha pequena xanela aberta ao Xapón. Aproveitando a estancia no noso centro de Haruna, profesora xaponesa que nos acompañou durante varias semanas, celebramos o Mes do Xapón, unha iniciativa coa que o alumnado de Primaria puido achegarse á cultura deste fascinante país.

Ao longo do mes realizamos numerosas actividades: sesións de kamishibai co conto tradicional xaponés Momotaro, obradoiros para aprender a escribir e pronunciar palabras en xaponés, concertos e moitas outras propostas que nos permitiron descubrir costumes, tradicións e expresións culturais do Xapón.

Entre todas elas, unha das máis agardadas foi o concurso de debuxo, no que o alumnado deixou voar a súa imaxinación para representar diferentes aspectos da cultura xaponesa.

Tras a deliberación do xurado, xa podemos anunciar as gañadoras desta edición:

-Mila Stuardo Goic, gañadora na categoría de Segundo Ciclo de Primaria.

-Lía Souto Vigo, gañadora na categoría de Terceiro Ciclo de Primaria.



Parabéns ás dúas polo voso magnífico traballo e tamén a todo o alumnado participante pola vosa creatividade, ilusión e interese por coñecer outras culturas.



Moitas grazas a todas e todos por facer deste Mes do Xapón unha experiencia inesquecible!







lunes, 1 de junio de 2026

MAIO, O MES DO XAPÓN NA BIBLIOTECA ESCOLAR CON HARUNA

Durante o mes de maio tivemos a inmensa sorte de contar no colexio coa presenza de Haruna, unha profesora xaponesa que compartiu co alumnado de Primaria diferentes aspectos da súa cultura dun xeito moi próximo e divertido. Grazas a ela puidemos celebrar o Mes do Xapón; encher o noso centro de música, lendas e tradicións xaponesas, e, sobre todo, coñecer unha persoa extraordinaria.

Ao longo destas semanas, todos os grupos participaron en actividades variadas: aprendemos a escribir algunhas palabras en xaponés, descubrimos contos tradicionais, desfrutamos dun concerto da man de Harunna e Icía Varela, e mesmo nos animamos a cantar nesta lingua tan diferente da nosa.



Tamén organizamos un concurso de debuxo sobre Xapón, no que o alumnado deixou voar a súa imaxinación representando paisaxes, personaxes, tradicións e elementos típicos da cultura xaponesa. A creatividade e o entusiasmo estiveron moi presentes en cada unha das obras presentadas.

Un dos momentos máis especiais foron as sesións de contacontos nas que Haruna nos narrou a historia tradicional de Momotaro, empregando a técnica do Kamishibai, un teatro de papel xaponés que combina ilustracións e narración oral. O alumnado gozou moitísimo desta experiencia, descubrindo unha maneira diferente e moi visual de contar historias.


Foi unha oportunidade fantástica para achegarnos á cultura xaponesa, aprender novas palabras, coñecer tradicións diferentes e abrir unha pequena xanela ao mundo desde a nosa biblioteca, da man de Haruna.


Moitas grazas, Haruna, por compartir connosco o teu tempo, a túa lingua e a túa cultura. Foi unha experiencia inesquecible!

E grazas tamén, por suposto, ás nosas compañeiras da Biblioteca Municipal Durán Loriga por emprestarnos o lote de libros para elaborar a mesa temática sobre o Xapón.