sábado, 22 de agosto de 2015

SABÍAS QUE...?

Tal día como hoxe, un 22 de agosto, pero do ano 1920 nacía en Illinois (Estados Unidos) Ray Bradbury, escritor que cultivou xéneros como o de misterio, o fantástico, o de terror e, especialmente, o de ciencia-ficción, do cal se convertiría nun auténtico mestre grazas, sobre todo, a dúas das súas obras máis coñecidas: Crónicas marcianas e Fahrenheit 451.


Crónicas marcianas, publicada en 1950, reúne unha colección de relatos que nos sitúan perante as primeiras viaxes a Marte e a súa posterior colonización por parte dunha Humanidade que abandona a Terra na procura dun lugar no que establecerse. Os humanos levarán consigo enfermidades que afectarán gravemente aos marcianos e amosarán moi pouco respecto por unha cultura planetaria, misteriosa e apaixonante, que os habitantes do Planeta Vermello tratarán de protexer ante a rapacidade dos terrícolas.


"Cando por primeira vez saíron do foguete ao aire da noite, facía tanto frío que Spender comezou a xuntar a seca leña marciana e preparou unha pequena fogueira. Non falou de celebracións; recolleu a leña, prendeuna, e mirou como ardía.
No resplandor que iluminaba o aire enrarecido daquel seco mar de Marte, mirou por riba do ombro e viu o foguete que os trouxera a todos, ao capitán Wilder e a Cheroke e Hathaway e Sam Parkhill e a el mesmo, a través dun escuro e silencioso espazo estrelado até este mundo irreal e morto."


Fahrenheit 451 sitúanos nun estraño e horroroso futuro no cal vive Montag, o protagonista da obra, que pertence a unha particular brigada de bombeiros cuxa misión, paradoxalmente, non é a de apagar incendios, senón a de provocalos coa fin de queimar libros. E é que no país de Montag está terminantemente prohibido ler, pois ler obriga a pensar, e no país de Montag está prohibido pensar, e ler impide ser feliz, e no país de Montag hai que ser feliz á forza...


"Queimar era un pracer.
Proporcionaba un gozo especial ver os obxectos devorados polo lume, ennegrecidos e transformados. O sangue batíalle na cabeza cada vez que agarraba a boca da mangueira e a pitón enorme cuspía queroseno velenoso sobre o mundo. Entón as súas mans convertíanse nas mans dun director de orquestra incrible e con elas dirixía sinfonías de lume e resplandor ata derrubar os rescaldos da historia.
Cubriu a cabeza impasible co casco, que levaba gravada a cifra simbólica 451; os ollos ardéronlle en chamas laranxas ao imaxinar o que estaba por vir. Un segundo despois prendeu o inflamador e a casa elevouse nun lume insaciable que pintou o ceo nocturno de cor encarnada, amarela e negra.
Avanzou entre un enxame de vermes carpinteiros. Naquel momento o que máis desexaba era entrar en calor mentres os libros moribundos sacudían as ás brancas coma pombas, mentres os libros agonizantes formaban remuíños de faíscas e se deixaban arrastrar polo vento escuro."

Se vos apetece mergullarvos nas páxinas dalgunha destas obras, non dubidedes en pasar pola biblioteca do Fogar á volta das vacacións, pois as dúas están dispoñibles para vós. Ademais, anunciámosvos que entre as novidades que chegaron á biblioteca para este próximo curso se encontra outra obra de Ray Bradbury: La bruja de abril y otros cuentos, que contén catro inquietantes relatos nos que poderedes atopar cuartos de xogar que reproducen en imaxes os pensamentos dos seus donos, bruxas con grandes desexos de namorarse (aínda que para iso teñan que introducirse no corpo doutras persoas), sirenas de faros capaces de relacionarse con monstros mariños, problemas raciais no planeta Marte, etc.

"Aquello nadaba lentamente y con gran majestuosidad por las gélidas y oscuras aguas. La niebla iba y venía sobre aquello, borrando momentáneamente su forma. Uno de los ojos del monstruo recibió y despidió el reflejo de nuestra inmensa luz, roja, blanca, roja, blanca, como un disco que, mantenido en alto, enviaba un mensaje en un código primitivo. Era tan silencioso como la niebla entre la que nadaba."

No hay comentarios:

Publicar un comentario