domingo, 23 de agosto de 2015

DÍA INTERNACIONAL DO RECORDO DA TRATA DE ESCRAVOS E DA SÚA ABOLICIÓN

Hoxe, 23 de agosto, conmemorouse o Día Internacional do Recordo da Trata de Escravos e da súa Abolición, unha data que serve para lembrarnos non só unha triste e dolorosa realidade do pasado, senón tamén para concienciarnos e facernos reflexionar sobre un feito tan terrible como incontestable: hoxe en día, a escravitude, lonxe de estar erradicada, segue a estar moi presente na vida de millóns de persoas. Así, as cifras revelan un dato estarrecedor: na actualidade existen no mundo 27 millóns de escravos, dos cales, o 50% son nenos, coma ti. Nenos que son obrigados a desempeñar os máis duros traballos en longas xornadas nas que palabras como "xogar", "sorriso" ou "colexio" fican totalmente desterradas. 
Aquí vos deixamos unha simple imaxe, unha simple mirada dun neno que nos chama a todos nós á reflexión...



Ademais, vos recomendamos unha lectura: O paxaro do mel, do escritor galego Adolfo Caamaño, unha apaixonante novela de aventuras ambientada na Abisinia (a actual Etiopía) ocupada polos italianos a finais do século XIX. Nesta obra atopámonos cos irmáns Kassai e Yaíza, pastores da tribo dos danákil, e con Mario, un amigo que chegou até esas afastadas terras do leste do continente africano para reunirse co seu pai. Os tres rapaces deberán enfrontarse ao temible míster Angus Harris e a súa banda de zaireños, que secuestraron a Saídha, a nai dos dous irmáns, e a outros veciños da aldea danákil para vendelos como escravos. Así, coa intención de liberar aos seus, emprenderán unha difícil persecución da caravana, véndose obrigados a atravesar a selva prohibida, onde entre as ruínas dun templo atoparán a árbore do saber, o mono do papiro e seguirán a estela da cor vermella do paxaro do mel.


No hay comentarios:

Publicar un comentario