domingo, 24 de enero de 2016

WELCOME TO LONDON AND PARIS...

Esta semana na que visitamos a Torre Eiffel e o Big Ben comezou cun luns no que desfrutamos cos nenos de 4º de Inf. da obra de Rascal e Rita Van Bilsen titulada Señorita Pluma (Kalandraka), unha historia chea de tenrura protagonizada por unha nena e un oso moi especiais. Os pequenos de 4º de Inf. B tiveron o pracer de escoitar este conto na boca de Adriana Otero Gómez e de Icía Gómez Betancur, alumnas de 4ºA de Primaria.



Adriana repetiu como contacontos nas outras dúas sesións da xornada, nas que os alumnos dos grupos A e C de 4ºde Inf. asistiron tamén á lectura de Señorita Pluma. Nestas dúas sesións, Icía leu o conto xunto coa súa compañeira de clase Helena Blanco Rodríguez.





E para todos aqueles que aínda non lestes Señorita Pluma, a obra está a agardar por vós na biblioteca.



Xa na xornada do martes volvemos recibir a visita dun monstro moi entrañable: Monstruo Rosa (Apila Ediciones), de Olga de Dios, co que Cristina Mouriño Domínguez (4ºESO A) lles lembrou aos nenos de 6º de Inf. A o valor da diferencia e a importancia de encontrar o noso lugar no mundo.


Os nenos desfrutaron enormemente tanto da lectura da obra como da posterior conversa á que Cristina os animou coa fin de reflexionar sobre algúns aspectos do conto.




O martes continuou coa obra de María Canosa e Dani Padrón titulada Papá, que son os sorrisos? (Galebook), coa que lembramos cos nenos de 6º de Inf. B a importancia do  respecto á natureza.



O mércores continuamos coa lectura de A fuxida (Biblos), obra escrita pola galega Berta Dávila e ilustrada pola tamén galega Inma Doval, coa que nos achegamos a un tema tan de actualidade: os desprazados pola guerra. Se a semana pasada foron os alumnos de 2ºB e 3ºB de Primaria quenes desfrutaron con este libro, nesta ocasión tocoulles aos nenos de 2ºC e 4ºC mergullarse na historia de Nadia e da súa familia, a cal nos permitiu debater acerca da guerra e a violencia e reflexionar sobre todo o que cada un de nós, no noso día a día, podemos facer para evitar estes males.

Mais esta semana non só viaxamos á guerra, senón que tamén nos dedicamos a actividades máis agradables, como a visitar dúas cidades tan fermosas como París e Londres. Até alí viaxamos cos nenos de 5º de Infantil a través de dúas sesións de contacontos en inglés desenvolvidas arredor de dous libros creados por Ashley Evanson e publicados pola editorial Grosset and Dunlap: Paris. A book of shapes e London. A book of opposites



Até París viaxamos da man de Alicia Abella Senra e de Agustina Ferreira Díaz, alumnas de 2º ESO B, que nos guiaron por lugares tan representativos da cidade como a Torre Eiffel, o Museo do Louvre ou a Catedral de Notre-Dame:



Diego Ferreiro García e Laura González Santos, tamén de 2ºESO B, foron os encargados de levarnos até Londres, e de achegarnos a algúns dos aspectos máis característicos da cidade, como os autobuses de dous pisos, a hora do té ou as peculiares cabinas telefónicas.



E a semana rematou achegándonos a O segredo de Flora (Edicións Embora), de Paloma Rodríguez. Nesta obra encontrámonos con Flora, unha nena cun grave problema: ás veces sente unhas ganas tremendas de berrar, de morder, de pegar, de dar patadas e de empurrar, mais cando o fai o alivio é só momentaneo, pois os seus amigos choran, os seus pais enfádanse... Flora non está contenta, polo que procura unha maneira de controlar esa rabia que a invade.


Os nenos de 6º de Inf. C escoitaron a lectura desta obra na voz de Gaia Perfini Benoit e de Sara Fernández Cedeira, alumnas de 4ºB de Primaria:




E nuns minutos comezamos xa outra nova semana, na que volveremos tomar o avión, esta vez para viaxar até os Estados Unidos, onde visitaremos New York e San Francisco.




No hay comentarios:

Publicar un comentario