Esta semana a biblioteca volveu encherse de contos e... de contacontos. O luns achegámonos a un dos grandes valores que debe rexer a vida de todos nós: a solidariedade. Esta solidariedade observámola nas distintas personaxes que aparecen na obra O grilo Míllelo (Edicións Embora), que intentan axudar ao grilo protagonista do libro a superar o seu problema, e é que o grilo Míllelo non podía cantar. Sempre é un pracer levar a cabo actividades ao redor deste conto, escrito por Xosé Manuel Varela, profesor do Fogar, e Icía Varela Gómez, alumna do noso Centro.
O encargado de contarlles este fermoso conto aos nenos de 4º de Inf. B foi Yago Reboyras Ochoa (4ºB de Primaria), quen fixo desfrutar aos pequenos coas aventuras deste grilo tan especial. E especial foi tamén o feito de que entre os nenos que escoitaron o conto estivera Gonzalo, irmán de Yago, que puido así gozar desta historia na boca do seu irmán.
Na segunda sesión da xornada Muriel Costa Blanco, Ainhoa Seguín Grimón e Tatiana Santos Arbizu, alumnas de 4ºC de Primaria contáronlle aos nenos de 4º de Inf. C un dos grandes clásicos da nosa biblioteca: El pez Arcoiris (Beascoa), unha obra escrita por Marcus Pfister que nos lembra a importancia de saber compartir.
E como acontecera na primeira das sesións, tamén aquí vivimos un momento máxico no que un irmán puido escoitar unha historia de boca do seu irmán. Nesta ocasión, foi Ariadna quen desfrutou de El pez Arcoiris contado por Muriel.
E rematamos o luns cunha terceira sesión desenvolvida novamente por estas tres contacontos de primeira, que desta vez contaron aos pícaros de 4º de Inf. A A ratiña presumida, na orixinal adaptación do famoso conto tradicional elaborada para Kalandraka por José Antonio López Barreño, con debuxos de Pablo Mestre.
Xa na xornada do martes, Javier González Martínez (1ºESO C) fíxonos reflexionar sobre temas fundamentais como a tolerancia ou a autoestima a través dun clásico da literatura infantil como El hombrecillo de papel (Ed. Miñón).
Javi leu este fermoso conto de Fernando Alonso aos nenos de 6º de Inf. A, e tamén á súa ex-profesora Puri, encargada deste grupo.
A segunda sesión do día estivo protagonizada por un monstro moi especial, que xa nos visitou a semana pasada e que estes días fixo desfrutar aos nenos de 6º de Inf. B. A obra de Olga de Dios titulada Monstruo Rosa (Apila Ediciones) é un fermoso conto que nos lembra o valor da diferenza.
Aquí podedes ver como os pequenos, moi atentos, seguen a lectura:
Agora que se achega o Día Escolar da Paz e da Non Violencia, pareceunos oportuno comezar a tratar un tema que, por desgraza segue moi presente no mundo actual: a guerra. Así, centrándonos nunha das terríbeis consecuencias deste mal, como son os millóns de desprazados que causa (tamén, tristemente, moi de actualidade), o mércores compartimos cos nenos de 2ºB e 3ºB de Primaria a lectura de A fuxida (Biblos), unha historia sobre a guerra escrita pola galega Berta Dávila e fermosamente ilustrada por outra galega: Inma Doval. Trátase dun libro que desde o blog recomendamos a todos aqueles pais que queiran tratar este delicado tema cos seus fillos e que nos levou a reflexionar sobre a guerra e a plantexarnos preguntas que tratamos de responder entre todos. Porén, quen pense que este é un libro que transemite tristeza, está moi errado, pois, malia o tema que trata, o gusto que nos deixa a lectura é de ledicia por unha historia de aventura, a da nena Nadia e a súa familia, que remata cun final que nos transmite optimismo e esperanza perante unha nova aventura que comeza. A obra constitúe unha homenaxe aos que nunca se renden, aos que son capaces de comezar unha nova vida noutro lugar, sabendo que o verdadeiramente importante é estaren xuntos, mais tamén constitue unha homenaxe a todos aqueles que, na súa fuxida, quedan no camiño.
O texto de Berta Dávila encontra o mellor compañeiro de viaxe nas vistosas ilustracións que o acompañan, cheas de cores vivas, tal e como podemos ver na portada do libro, na que aparece Nadia, a protagonista, abrazada ao seu inseparable Osiño. Sen dúbida, as fermosas ilustracións son unha razón máis para ler esta obra de dúas galegas con moito presente e maior futuro.
Aquí vos quedan unhas fotos dos nenos atendendo á lectura:
Xa avanzando a semana, chegamos ao xoves, día no que Lucía Costa López (1ºESO A) agasallou cunha sesión de contacontos ao grupo de 6º de Inf. A. Os pequenos puideron desfrutar así de A que sabe a lúa? (Kalandraka), unha obra de Michael Grejniec coa que os animais da selva nos ensinaron que as cousas compartidas saben moito mellor.
Os nenos gozaron escoitando a Lucía:
Esta semana, os tres grupos de 5º de Inf., en cadansúa sesión, puideron desfrutar de Adiviña canto te quero (Kókinos), un conto escrito polo autor norirlandés Sam McBratney, que a través da historia de dúas lebres cheas de tenrura, nos amosa como en moitas ocasións, cando queremos moito a alguén, resulta complicado encontrar o modo de describir o tamaño dos nosos sentimentos, pois o amor verdadeiro é, realmente, inconmensurable.
Os pícaros de 5ºA e 5º C de Inf. tiveron a sorte de escoitar este conto na boca de Candela Garea Veiga e de Noa Tenreiro Fraga, alumnas de 4ºC de Primaria, que caracterizadas de lebres fixeron as delicias dos pequenos. Ademais, logo da lectura da obra, os nenos dos tres grupos elaboraron unha tarxetiña a modo de broche que levaron para casa, na que destacaba, sobre un fondo negro, o título do conto e unha lúa chea alusiva á frase coa que finaliza a obra: "Eu quérote de aquí á lúa... E VOLTA".
Na xornada do venres tamén tivemos oportunidade de asistir a outra sesión de contacontos "entre irmáns", pois Patricia Vélez Macho, xunto con Lucía Costa López, compañeira de 1ºESO A, ensinaron aos nenos de 6º de Inf. A, ao que pertence o seu irmán Alejandro, como deben actuar fronte a monstros de todo tipo, grazas ao libro ¿Cómo machacar monstruos? (Edaf), de Catherine Leblanc e Roland Garrigue.
Grazas a Patricia, a Lucía e a esta obra, os nenos de 6º de Inf. A xa contan con divertidos, enxeñosos e prácticos consellos para enfrontarse a todos eses monstros que os asustan. Adeus medos!
E rematamos a semana coa lectura de Non fai falta a voz (OQO), un fermosísimo libro de Armando Quintero que nos lembrou que o amor e o cariño se transmiten de moitas maneiras, non só coa voz. E é que, a miúdo, non precisamos das palabras para dicir "quérote", pois un simple xesto ou un "grazas" pode ser moito máis importante.
Esta obra permitiunos despedir a semana, xunto cos nenos de 6º de Inf. C, cun forte "adeus" cheo de tenrura:
Xa está en marcha o 2º trimestre. Moitos contos agardan por nós!
No hay comentarios:
Publicar un comentario