martes, 14 de junio de 2016

E BÁRBARA NOS FIXO SORRIR, BAILAR E SENTIR

Estes días tivemos o pracer de recibir no Fogar a visita de Bárbara, tía de Martín Domínguez Piñeiro (4ºC), que nos achegou á súa paixón: a danza. Todos desfrutamos enormemente con este encontro, tan divertido como educativo, e é que non todos os días temos o privilexio de escoitar a unha profesora de danza clásica, membro do equipo docente do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo. Desde aquí agradecèmoslle a Bárbara o esforzo que fixo por estar con nós, e a Martín dámoslle os parabéns por ter unha tía como a que ten. Todos aqueles que queirades coñecer o Conservatorio podedes picar aquí.

O encontro deu para moito. Un dos momentos no que máis desfrutamos foi o do contacontos, no que Martín e Bárbara nos leron Iriña bailarina, pertencente á colección A igualdade conta, de Edicións Embora, formada por unha serie de obras centradas no fomento de valores fundamentais, mais sempre mediante historias tan fermosas como divertidas, acompañadas dunhas ilustracións que destacan pola súa orixinalidade.





Esta fermosa obra, escrita por Cristina Justo e Paloma Rodríguez, e ilustrada por Spela Trobec, nos fala do sexismo laboral e dos roles preasignados, a partir das reflexións dunha bailarina de caixa de música que decide intercambiarse cos bonecos dun futbolín e aínda cos parruliños de goma da bañeira.



Mais nesta visita non só nos achegamos a esta obra, senón que tamén vimos outras que nos trouxo Bárbara, e que xiraban arredor dunha temática común: a danza e o ballet.





Aquí vos deixamos algunhas das que puidemos ver e sobre as que conversamos:





E despois dos contos, falamos do ioga, e practicamos algunhas posturas:





Logo, nos relaxamos conversando sobre danza. Así, falamos con Bárbara do noso corpo, das posibilidades expresivas deste, da importancia que no mundo da danza teñen aspectos como a flexibilidade ou o equilibrio, de todos os tipos de danza que coñecemos... Ademais, gozamos coa exhibición de capoeira realizada por Sergio, un dos alumnos de 4ºC.






Para rematar a visita nada mellor que traballar as emocións, o cal fixemos empregando unha das armas máis poderosas que posuímos: o noso corpo.






Outro dos momentos máis divertidos destes días foi o protagonizado por un grupo alumnos de 6ºC, que agasallaron aos nenos de 1ºC de Primaria cunha sesión de contacontos, na que os pícaros puideron gozar con El día que los crayones renunciaron (Fondo de Cultura Económica) e Blobló (Kalandraka).

A primeira destas obras, El día que los crayones renunciaron, constitúe un álbum que desprende humor e creatividade en cada unha das súas páxinas.


Trátase dun curioso álbum epistolar escrito polo estadounidense Drew Daywalt e ilustrado polo australiano Oliver Jeffers, que chegou a ser recoñecido na listaxe dos Mellores Libros Infantís do 2013 de Amazon e da American Library Association, logrando acadar o primeiro posto na lista dos máis vendidos no New York Times. E de que trata esta obra? Pois nela encontrámonos con Duncan, un neno que, nun día de escola, atopa unha morea de cartas dirixidas a el. Ditas cartas foron escritas polos seus crayones, que fartos do trato recibido, deciden escribirlle ao seu dono queixándose. Así, o crayón vermello, por exemplo, está canso de pintar tantos Papá Noel, coches de bombeiro e corazóns; o crayón rosa está triste porque Duncan non o utiliza, e só o emprega a súa irmá para colorear princesas; o crayón negro non soporta debuxar só os contornos (como se el non fose quen de pintar un recheo!); os crayones amarelo e laranxa xa non se falan porque cada un deles cre que é a verdadeira cor do sol; etc. Perante este panorama, volverán pintar os crayones de Duncan? Logrará o neno que se reconcilien? Nós xa sabemos a resposta a estas preguntas, grazas Sara Cea Mosteiro, a Julio Fernández Vázquez, a Izan González Alcalde, a Laura Paadín Barco e a Fernando Saavedra Abelenda. Se vós tamén queredes coñecer como acabou esta historia non tedes máis que mergullarvos nas páxinas desta divertida obra.

O segundo álbum que nos leron os nenos de 6ºC titúlase, como xa dixemos, Blobló e é un clásico da biblioteca do Fogar. Trátase dun libro para soñar, que nos fala, precisamente, do soño dun neno a través do seu mono de peluche, chamado Blobló, que toma vida e sae da casa para emprender unha emocionante aventura. Aquí vos queda a portada desta fermosa obra de Rai Bueno:


E aquí vos deixamos unhas fotos da sesión:





E o espectáculo e a diversión invadiron o Fogar nestes últimos días de curso, grazas á II edición da "Fashion Week", unha actividade desenvolvida polos nenos de 3º de Primaria na asignatura de Arts and Crafts, na que os pícaros puideron facer uso de toda a súa creatividade no deseño de roupa para a tempada de verán.





Aquí tedes os futuros deseñadores de moda:

3ºA, con Carmen Martínez Barrio posando co seu diploma de gañadora do 1º premio.

3ºB, con Anxo Fandiño Conde, gañador do 2º premio, posando co seu diploma. 

3ºC, con Mei Kondo Díaz, gañadora do 3º premio, posando co seu diploma.

E non queriamos rematar esta entrada sen amosarvos unha actividade que nos encantou, levada a cabo polas compañeiras do Departamento de Orientación de Infantil e Primaria e titulada "Facemos unha curta". Dita actividade xurdiu nos talleres de educación emocional, nos que os nenos foron traballando valores fundamentais, habilidades sociais e diferentes emocións. A partir de todo o traballo realizado nestes talleres, os rapaces elaboraron unha curta coa intención de intentar transmitir todo o aprendido aos seus compañeiros. Eles mesmos foron quenes deseñaron o guión e quenes decidiron como desenvolvelo, axudando incluso na realización da montaxe. Estes días andan presentando as curtas ás súas clases, nunhas sesións nas que, logo de visionar as súas creacións, debaten cos seus compañeiros sobre aspectos esenciais como o traballo en equipo, a empatía, a amizade, o respecto aos nosos maiores ou as diferentes formas que temos de relacionarnos cos demais.

Aquí vos deixamos unhas fotos dalgunhas destas sesións, nas que puidemos ver dúas curtas, unha elaborada por Candela Garea Veiga (4ºC), Martín Ferrero Ramos (4ºC), Ismael Vázquez Zas (4ºB) e Jorge Grobas Cacharrón (3ºA); e outra creada por Carmen Cordonié Rodríguez (4ºA), Martín Seisdedos Vázquez (4ºA), Sergio Patiño Fernández (4ºC) e Daniela Gómez Canedo (2ºA).






E estes futuros directores de cine, logo de crear as súas curtas, realizaron unha pequena investigación sobre a evolución do cine, desde o cine mudo dos irmáns Lumiére até o cinema dixital de hoxe en día.


No hay comentarios:

Publicar un comentario