lunes, 6 de junio de 2016

UNHA SEMANA MOI FAMILIAR

No ano 2012 a ONU decidiu recoñecer a importancia fundamental que as nais e os pais teñen no crecemento de todo neno, como figuras vitais á hora de coidar e protexer os fillos, de educalos e fomentar o desenvolvemento armonioso da súa personalidade, e , en definitiva, de regalarlles amor e comprensión. Así, desde ese ano, cada 1 de xuño se celebra o Día Mundial das Nais e dos Pais, motivo polo que no Fogar decidimos, coincidindo con esta data, invitarvos aos pais e ás nais a que viñesedes ao Centro a contarnos contos, a falarnos das vosas afeccións e das vosas ocupacións... Hai que dicir que a experiencia foi un auténtico éxito grazas a vós, as nais e os pais que acudistes á cita, e que lograstes que esta semana se convertese en inolvidable. E por iso, polas boas sensacións que respiramos estes días, porque cremos que as familias debedes estar presentes na vida do Centro e porque queremos que desfrutedes do encontro cos vosos fillos neste espazo clave para o seu desenvolvemento, consideramos que esta experiencia non debe deterse aquí. Así, pais e nais, deixámosvos o verán para que vaiades pensando en posibles contos para lerlles aos grupos dos vosos fillos, en talleres e actividades que queirades vir desenvolver con eles na biblioteca, etc., pois estades convidados a visitarnos ao longo de todo o próximo curso, para desfrutar xuntos destes encontros. E como non, a invitación faise extensiva a outras persoas claves na vida de todo neno: as avoas e os avós. Avós e avoas, coñecedes lendas?, apetécevos vir contarlles algún conto aos vosos netos e aos seus compañeiros?, queredes vir falarnos de como era a vida cando tiñades a súa idade?, gustaríavos falarnos dos oficios que desempeñastes? Pois aquí estamos a agardar por vós...


E como transcorreu esta semana tan familiar? Pois o luns tivemos o pracer de recibir na biblioteca a Conchi, a nai de Candela (4ºC), que nos regalou a súa amabilidade, a súa simpatía e o seu cariño. Ademais, Conchi e Candela fixéronnos desfrutar co conto ¡Eeeeeh! (Destino):



Desde aquí vos recomendamos esta obra, Premio Apel.les Mestres 2011, un fermoso álbum escrito por Hernán Goñi Echevarría, que nos ensina que a cousa máis cotiá se pode converter en extraordinaria. Sen dúbida, todos aqueles que vos mergulledes nas páxinas deste libro gozaredes coa historia dun neno que se embarca, xunto co seu pai, nunha fantástica viaxe para recuperar o bico que lle lanzou a súa nai e que saíu voando. Esta viaxe levaraos até unha cova chea de bicos perdidos...



Así desfrutaron os nenos de 4ºC da lectura de Conchi e de Candela:



E logo da lectura chegou a hora de falar sobre os bicos e sobre o importante que é expresar as nosas emocións. Logo, os nenos desfrutaron coa roda dos bicos:






Ademais, Conchi nos agasallou cos seus grandes coñecementos sobre o mundo do libro, acumulados grazas aos seus anos de traballo no Grupo Planeta. Agora os nenos de 4ºC xa coñecen a traxectoria dun libro desde que aparece en forma de idea na mente do escritor até que chega á estantería da biblioteca, xa saben que o ISBN dun libro é como o seu DNI... 




O martes tivemos unha nova visita, neste caso protagonizada por Alejandro e Natalia, os pais de Aarón, que fixeron as delicias dos nenos de 5º de Inf. C, grazas ao conto La oveja.






Natalia e Alejandro, coa súa simpatía e o seu bo facer como contacontos, mantiveron así de atentos os nenos durante a lectura.



A amabilidade destes papás xeniais tiña que ter a súa recompensa, polo que Aarón lles entregou un diploma, asinado por todos os nenos do grupo, en agradecemento por regalarnos o seu tempo e os seus sorrisos.




E falando de sorrisos, o bo humor inundou a biblioteca coa chegada de Jorge, un antigo alumno do Fogar que volveu ao cole para regalarnos un divertido encontro coa súa filla, Isabel, e o seu grupo, 4ºA. Pai e filla contáronnos un conto: O pescador e a súa muller (Kalandraka), unha historia de Manuela Rodríguez que resultou enormemente divertida coa dramatización realizada por estes dous contacontos.




Este conto está moi relacionado cun universo no que Jorge pasa moitos meses navegando: o mar, pois o seu posto de oficial nun petroleiro así o require. O mar e a vida no barco foron os temas predominantes desta visita, na que Jorge nos ensinou a facer diferentes nós mariñeiros. Agora, os nenos de 4ºA xa son expertos en nós como o as de guía.





Mais o mundo do mar dá para moito, e, así, nesta visita tamén nos familiarizamos cos diferentes tipos de embarcacións que existen ou coas distintas clases de áncora.




Jorge contounos moitas máis cousas sobre o mar: agora xa sabemos que a velocidade no mar se mide en nós, que un nó equivale a unha milla por hora, etc. O día a día no barco, os diferentes postos que existen no petroleiro no que traballa Jorge, a función de cada un dos postos, a convivencia entre persoas de tantas nacionalidades diferentes, ou a maneira de comunicarse coa familia durante a travesía a lugares tan afastados como Liberia, foron algúns dos temas que se trataron na conversa orixinada durante a visita.



E con tanta paixón nos falou Jorge do seu traballo, que Martín xa anda a pensar en cambiar iso de ser futbolista pola vida no mar:



O mércores visitounos a nai de Ainara (2ºA), Yendi, educada, tranquila e afable, que nos leu varios contos. Entre eles os nenos desfrutaron especialmente co titulado La princesa Matilde y su poni Caramelo.






Unha vez rematada a lectura dos contos, conversamos sobre eles e os nenos responderon ás diferentes preguntas que lles fomos realizando sobre as historias que acababan de escoitar.



E así, entre visita e visita, chegou o xoves, e con el veu Eva, a nai de Enma (5º Inf. A), que nos regalou un encontro que só se pode definir cunha palabra: alegría.




E é que a alegría é a emoción que trouxo Eva consigo, mais tamén a que destacaba na cara dunha filla feliz, orgullosa de ter entre nós á súa nai. Non o credes? Pois non tedes máis que ollar para estas fotos:




Eva e Enma divertíronnos con varios contos dos Bolechas. Os nenos desfrutaron especialmente con Os Bolechas aumentan a familia (Edicións Bolanda), de Pepe Carreiro.




E logo da lectura, chegou o momento de poñernos serios. Eva achegounos a unha enfermidade que afecta no mundo a millóns de persoas, mais que para moitos aínda segue a ser unha auténtica descoñecida: o párkinson. Todos aqueles que queirades información sobre esta enfermidade, non tedes máis que entrar na web da asociación na que traballa Eva, Asociación Parkinson Galicia-Coruña. Podedes picar aquí. E como todo o tempo e a alegría que nos regalou Eva tiña que ter a súa recompensa, os pequenos entregáronlle un diploma que a acredita como unha contacontos de primeira.




O xoves tamén recibimos na biblioteca a visita de Loreto, nai de Loreto (6º Inf. C) e de Eduardo (3ºA). Aquí podedes velos aos tres posando co libro que nos leu Loreto: Nublado con probabilidades de albóndigas (Editorial Corimbo), escrito por Judi Barrett e ilustrado por Ron Barrett, unha obra que nos encantou e que nos fixo viaxar até Tragaycome. Tragaycome semella unha vila normal e corrente, chea de casas, comercios, xardíns e xente, mais se un pasea polas súas rúas pronto se decata dun feito peculiar: nesa vila non hai ultramarinos nin tendas de comestibles. Isto ten unha explicación: en Tragaycome a comida cae do ceo.



Aquí podedes ver a Loreto lendo a obra aos grupos dos seus filllos, unha lectura que nos fixo desfrutar a todos e que estivo realizada por unha persoa que durante a visita destacou pola súa cercanía, paciencia e xenerosidade. Esta xenerosidade é a que a levou a doar o libro que nos leu á biblioteca do Fogar.





Aquí podedes ver os nenos desfrutando coa lectura:



Loreto, desde aquí nos gustaría darche as grazas por dedicarnos o teu tempo e o teu cariño, e tamén queremos transmitirche a nosa admiración pois, sen dúbida, es unha auténtica nai coraxe. Para o que queirades, aquí estamos.



E co venres chegou o espectáculo, pois asistimos á invasión pirata dunhas nais moi divertidas: María (nai de Claudia), Alicia (nai de Irene), Sivia (nai de Carlota e de Alejandro) e Ana (nai de Renato), que encheron de gargalladas a biblioteca coa súa lectura dramatizada do conto El pirata Carapatata, da editorial Bruño.






Mais, ademais de ler este conto...



...estas nais tan divertidas tamén nos falaron da súa época na escola e nos contaron mil e unha anécdotas deses anos. Así foi, por exemplo, como coñecemos algúns mestres que marcaron a súa infancia, como dona Casilda ou Ana Penas.


Os nenos pasárono en grande neste encontro:


E como recompensa, un diploma para cada unha destas nais xeniais:



Moitas grazas ás nais e aos pais que nos visitastes esta semana por ensinarnos tantas cousas e por facérnolo pasar tan ben!

E todos aqueles que queirades ver máis fotos das visitas das nais e dos pais de Infantil, podedes picar aquí.

3 comentarios:

  1. Hola Xulian soy Candela Garea Veiga y queria comentar que me encanta esta entrada al blog haber si se convence a algún abuelo/a para hablar comoera la vida antes.
    Un saludo
    Candela.G

    ResponderEliminar
  2. Ola, Candela! Moitas grazas por comentar no blog e polo contacontos tan bonito que nos fixestes ti e Conchi a semana pasada. A nós encántanos que che encante esta entrada. Agardamos que para o próximo curso veñan moitos avós a compartir con nós todo o que saben. E, por suposto, tamén esperamos que Conchi nos volva regalar un encontro como o do outro día.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Encantadas de volver otro día.
      De Candela Garea Veiga.

      Eliminar