jueves, 15 de diciembre de 2016

CANTANDO E CONTANDO ENTRE NAIS, MONSTROS E GATOS MOI LAMBÓNS

Na biblioteca do Fogar pódense ler historias de dragóns ou de emocionantes viaxes até illas moi lonxanas. Pódense escoitar contos de bruxas, de vampiros e de lobos namorados. Na biblioteca pódense facer moitas cousas, incluso cantar, tal e como fixeron Alba, Ana e Natalia (4ºESO A), para acompañar a lectura de Onde viven os monstros (Kalandraka), un clásico da Literatura Infantil, que Martín e Ainhoa (5ºC) leron aos pícaros de Infantil.



Aquí vos deixamos unhas fotos desta animada sesión, na que nos achegamos á magnífica obra creada por Maurice Sendak, coa que asistimos á viaxe que Max, o neno protagonista, desde o seu cuarto até un lugar fantástico, onde viven os monstros. 






Todos aqueles que queirades saber como Max chega a converterse no Rei dos monstros, non dubidedes en pasar pola biblioteca a ler este fermoso álbum.



E se con Max viaxamos até un lugar habitado por monstros, con Felicidad, nai de Isabel (5ºB), fixémolo até lugares como Alemania, onde esta nai deportista participou no Maratón de Berlín. 




Con Felicidad nos achegamos ao mundo do deporte, nunha sesión na que voaron pola biblioteca palabras como esforzo, superación, compañeirismo , amizade e diversión.



E falándonos dos adestramentos, das probas de atletismo nas que participou, dos valores do deporte e de deportistas de nivel mundial como a holandesa Dafne Schipper...



... Felicidad logrou que as nenas e os nenos de 5ºB, compañeiros da súa filla Isabel, seguisen a sesión así de atentos:



O deporte continuou con Iriña bailarina (Embora), unha obra coa que puideron desfrutar, en diferentes sesión, os tres grupos de 6º de Infantil, grazas a Daniela, Ainhoa, Alba Souto, Alba Iglesias, Mireia, Noa e Alba Seijas, sete magníficas contacontos-actrices-bailarinas-futbolistas-piratas de 5ºC.













Estas "sete magníficas" tamén fixeron as delicias dos máis pequenos, os nenos e as nenas da Gardería,   que tamén asistiron a unha das súas actuacións. 




Desde aquí vos recomendamos esta obra de Paloma Rodríguez e Cristina Justo, publicada pola editorial Embora dentro da súa colección "A igualdade conta".



Tamén Lucía e Sofía (4ºB de Primaria) quixeron divertir os pícaros de Infantil, e fixérono a través dunha obra chea de humor: Tío Lobo (Kalandraka), unha esmendrellante adaptación dun conto tradicional italiano escrita por Xosé Ballesteros e ilustrada por Roger Olmos.





Outra obra que visitou a biblioteca estes días foi Caramba, un álbum enormemente fermoso, escrito e ilustrado por Marie-Louise Gay.




Todos desfrutamos con esta obra, publicada pola editorial Lata de Sal, na súa colección "Gatos", moi recomendable para todos aqueles aos que vos gusten estes animais. 



E se estes días falamos de gatos, tamén o fixemos sobre monstros, medos e aquelas cousas que nos fan ter pesadelos. Para tratar este tema, nada mellor que escoitar Un pesadelo no meu armario (Kalandraka), de Mercer Mayer. Aitana e Claudia, de 4ºB de Primaria, foron as encargadas de ler esta obra para os nenos e as nenas de 5º de Infantil B.



Os pícaros de 5º Inf. B tamén desfrutaron estes días con O gato lambón (Kalandraka), unha divertidísima obra creada por Patacrúa e protagonizada por un gato que come todo o que se lle pon por diante.





E as gargalladas tamén se escoitaron na biblioteca coa lectura de Las princesas también se tiran pedos (Algar), de Ilan Brenman. Os alumnos de 2ºB de Primaria asistiron á historia de Laura, a quen, logo dunha discusión sobre Cincenta, lle aparece unha dúbida: as princesas tamén botan peidos? O seu amigo Marcelo afirma que si, mais ela non está segura. Por sorte, o seu pai, ao que lle encantan os libros, posúe o libro secreto das princesas, onde Laura encontrará as respostas a todas as súas preguntas.





Outro dos grupos que visitou a biblioteca estes días foi 4ºB, que puido desfrutar de até tres contacontos, nos que as protagonistas foron tres obras moi diferentes. Emily leu aos seus compañeiros A maceira que daba caquera cousa menos mazás (Everest), de Pinto e Chinto, un álbum que nos lembrou que as persoas, ao igual que as árvores e os seus froitos, medramos a un ritmo diferente, que non se pode forzar.




Diego, Pablo Beade e Pablo Edreira leron un auténtico clásico na biblioteca do Fogar: A casa da mosca chosca (Kalandraka), unha divertida adaptación dun conto popular ruso realizada por Eva Mejuto, con ilustracións de Sergio Mora.




Pola súa banda, Muriel leu O principio (Kalandraka), un libro de Paula Carballeira sobre unha realidade tan dura como é a guerra, que remata, malia todo, cunha mensaxe de esperanza.




E nestes días rematamos as sesións dedicadas á lectura de Una vida cualquiera (Lóguez), un libro para nenos sobre as persoas sen fogar. Nesta ocasión foron as nenas e os en de 5ºA quenes reflexionaron e debateron sobre este tema, a partir da obra de Kirsten Boie.






Iván, Abel e Nacho achegáronnos a unha das figuras fundamentais na loita pola igualdade: Nelson Mandela. Para iso leron para os seus compañeiros de 6ºA un álbum ilustrado titulado Nelson Mandela (Juventud), escrito e ilustrado por Kadir Nelson.






E logo de todas estas actividades, xa estamos con moitas máis, centradas agora nunha das épocas do ano que máis nos gusta: o Nadal.



GuardarGuardar

No hay comentarios:

Publicar un comentario