Hai unhas semanas Inés e Candela, dúas mentes inquedas de 5ºC, nos achegaron a unha das mulleres fundamentais dentro da Literatura: Agatha Christie, mestra da novela policiaca. Esta semana continuaron presentándonos grandes mulleres da historia, e así, grazas a elas, os nenos e as nenas de 2ºC puideron coñecer a unha das grandes científicas de todos os tempos: Marie Curie.
Os pícaros de 2ºC escoitaron a Inés e Candela falar desta gran muller, Marie Curie, durante unha divertida sesión na que descubrimos a primeira muller doutora en Ciencias e profesora na Universidade de París, que ademais tivo a honra de ser a primeira persoa en recibir dous premios Nobel.
Para presentarnos esta gran figura, Candela e Inés léronnos o álbum que Alba Editorial lle dedica a Marie Curie, dentro da súa colección "Pequeña Y GRANDE".
Aquí podedes ver a estas dúas contacontos lendo o álbum durante a sesión:
Logo da lectura, lembramos os puntos máis importantes da mesma e reflexionamos sobre o importantísimo labor que realizan os científicos.
Inés e Candela tíñannos preparada unha sorpresa: unha viaxe até o laboratorio de Marie Curie...
Esta viaxe nos permitiu coñecer algúns dos utensilios que empregan máis habitualmente os científicos nos seus laboratorios: pipetas, matraces, funís... Ademais, Inés e Candela levaron a cabo para nós varios experimentos que nos deixaron a todos coa boca aberta.
E logo de todo isto, chegou o momento de comprobar se os nenos e as nenas de 2ºC "teñen madeira" de científicos, para o cal lles propuxemos que contestasen a unha ficha que lles poñía diante de diferentes interrogantes relacionadas coa Ciencia:
Tan impresionados quedaron os pícaros con Marie Curie, que ao final da sesión, Candela leu para eles o álbum que Susaeta lle dedica na súa colección "Mini Biografías".
E logo de Agatha Christie e de Marie Curie, Frida Kahlo está ao chegar...
No hay comentarios:
Publicar un comentario