martes, 12 de febrero de 2019

A NOSA HOMENAXE Á ENFERMEIRA CORUÑESA ISABEL ZENDAL SAE NAS PÁXINAS DO XORNAL "LA OPINIÓN"

Unha vez máis, queremos compartir con vós unha iniciativa desenvolvida polos nosos compañeiros do Departamento de Ciencias, que continúan moi activos con motivo da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Con eles, o alumnado do noso colexio rendeu homenaxe a Isabel Zendal, considerada pola OMS como a primeira enfermeira da historia en misión internacional. 


Con esta pequena homenaxe preténdese lembrar o papel que esta "coruñesa de Ordes" tivo na loita contra a varíola (primeira enfermidade erradicada no mundo e única até o momento), levando a vacina a América na Real Expedición Filantrópica da Vacina. Animámosvos a todos a que visitedes o monumento  ubicado no Parrote, na cidade da Coruña, dedicado a Isabel Zendal e aos nenos orfos que partiron nesta expedición e que lembra a saída da mesma desde o porto coruñés o 30 de novembro de 1803. Nós xa visitamos esta fermosa obra realizada por Acisclo Manzano, para realizar unha ofrenda floral, tal e como podedes ler hoxe nas páxinas do diario La Opinión. Para ler a noticia no xornal, non tedes máis que picar aquí.

Esta iniciativa quere, á vez, reivindicar a importancia que ten a vacinación á hora de previr enfermidades infecciosas perfectamente evitables.

Todos aqueles que desexedes coñecer algo máis sobre a historia de Isabel Zendal e desta expedición, non tedes máis que pasar pola biblioteca e coller o libro que acaba de publicar o selo Bululú baixo o título Novo Mundo. Isabel Zendal na Expedición da Vacina, obra do tándem artístico El Primo Ramón, integrado polos arquitectos coruñeses Borja López Cotelo e María Olmo Béjar.




No hay comentarios:

Publicar un comentario