martes, 19 de febrero de 2019

UNHA OLLADA AO PASADO CON ASUNCIÓN E MANOLO

Onte recibimos a visita de dous veteranos nestes encontros cos rapaces, Asunción e Manolo, que sempre se prestan a regalarlle o seu tempo e as súas experiencias aos seus netos Enma e Dani e aos compañeiros destes. Nesta ocasión, estes dous superavós mantiveron unha charla cos pícaros de 1ºA e 2ºA de Primaria, na que nos fixeron viaxar ao pasado, aos días da súa infancia, para explicarnos como era iso de ser neno naquel tempo.



Asunción e Manolo nos falaron de moitos temas: os xogos, a comida, a escola, a casa, a roupa, a unión entre os veciños, etc. Unha das cousas que máis chamou a atención dos pícaros foi a morea de obrigas que un neno daquela época tiña sobre as súas costas, como por exemplo, levar o gando a pacer e coidalo, algo que motivaba que moitos dos nenos da época deixasen pronto a escola, para dedicarse a esas tarefas.

Mais as visitas de Asunción e Manolo sempre están cheas de sorpresas. Desta vez, trouxéronnos algunhas das pezas do seu museo, utensilios da época, como un candil, un muíño de café e unha antiga prancha de ferro. Con eles aprendemos para que servían estes obxectos e como se utilizaban.




Como sempre que nos visitan, foron moitas as cousas que aprendemos con Asunción e con Manolo; por iso, aos dous, queremos darvos as grazas. Grazas por ser como sodes, por falarnos con tanta paixón dos tesouros do voso museo, por ensinarnos a apreciar o valor das pequenas cousas do día a día, e por amosar sempre tanto cariño polos nenos do Fogar. Como vos dixemos onte: esta é a vosa casa.



No hay comentarios:

Publicar un comentario