jueves, 28 de noviembre de 2019

CLUB DE BANDA DESEÑADA: PREPARANDO A VISITA DE MANEL CRÁNEO

Esta mañá comezamos a achegarnos á obra de Manel Cráneo, unha das figuras máis destacadas da banda deseñada galega, cuxas creacións apareceron en publicacións como BD Banda, Barsowia, Ovo, Costra de Postre, Bravú ou Subterfuge Comics, e que nos visitará o 17 de decembro.

Os compoñentes do Club de Banda Deseñada xuntámonos durante o recreo para desfrutar con algúns dos seus cómics, como Os lobos de Moeche, A torre dos Mouros, Cousas de Mortos ou DestiNo HeRgus, todos eles publicados por Demo Editorial.









Todos aqueles que desexedes levar en préstamo estes cómics non tedes máis que pasar pola biblio.

Esta apaixonante obra nos achega ás famosas Revoltas Irmandiñas, nas que os campesiños galegos derrocaron máis de 140 fortalezas en Galicia nunha loita contra o poder establecido e os abusos dos señores feudais.


                                                                                                                            
                         
Cómic baseado nos  achádegos e hipóteses da escavación desenvolvida no 2012 por un grupo de arqueólogos e científicos do CSIC no monte de Lira, en Carnota, nunha misteriosa fortaleza localizada no contexto altomedieval. Esta pequena aventura sérvenos para coñecer como se vivía na Costa da Morte nos séculos IX e X, nun momento en que Compostela era obxectivo de normandos e musulmáns.



Nesta obra desfrutaredes con relatos cheos de humor negro, acedo e irónico, protagonizados todos eles por esqueletos que reflexionan sobre o mundo e a sociedade. Estamos perante unha viaxe por outros mundos paralelos ao noso, habitados polos que viviron nel antes que nós.



Primeira novela gráfica ambientada no Planeta Mincha (proxecto multidisciplinar de Manel Cráneo), que nos presenta unha aventura con altas doses de intriga, acción, misterio, humor e crítica social, protagonizada por Tombo e Pichuk, dous tipos moi diferentes que coinciden nunha misteriosa misión que os levará até unha das rexións máis perigosas do planeta.


Desde aquí vos convidamos a que vos mergulledes na obra de Cráneo e tamén no seu proxecto Demo Editorial, unha das editoras máis interesantes da banda deseñada galega actual.





No hay comentarios:

Publicar un comentario