martes, 28 de mayo de 2019

RECIBIMOS A VISITA DO ESCRITOR DAVID LOZANO

Unha das actividades que consideramos máis enriquecedoras dentro do mundo dos libros é o encontro cos escritores. Así, sempre intentamos que os autores das obras que len os nosos rapaces poidan visitar o colexio para conversar con eles. Estas sesións serven aos nosos alumnos para escoitar en boca do autor como se creou a historia que acaban de ler, como se deseñaron as personaxes, cal é a mensaxe que o escritor quería transmitir, cales son os segredos do libro, cal é o proceso que segue unha obra desde que xorde na mente dun autor até que chega ás librarías e bibliotecas, etc.

Seguindo esta liña de encontros, hai uns días recibimos no colexio a David Lozano, gañador de galardóns tan prestixiosos como o XXVIII Premio Gran Angular de Literatura Xuvenil, e autor de obras que nos encantan, como as que compoñen a triloxía de fantasía gótica La puerta oscura, publicada por SM, ou Desconocidos, obra coa que acadou o Premio Edebé de Literatura Xuvenil 2018, e que nos gustou tanto que decidimos propoñerlla aos estudantes de 3º da ESO para que a leran. Todos desfrutamos enormemente tanto da lectura da obra, cun ritmo trepidante que atrapa desde a primeira páxina, como con este encontro, que non tería sido posible sen a axuda de Áurea, da editorial Edebé, a quen agradecemos a súa valiosa axuda e xenerosidade. Igualmente damos as grazas a David Lozano por regalarnos o seu tempo e por compartir con nós a maxia da súa literatura.




Desde aquí recomendamos a obra Desconocidos a todo lector que teña ganas de pasar un tempo convertido nun auténtico detective. Ademais, coidamos que esta obra se torna fundamental hoxe en día ao achegarse a temas como a confianza e as redes sociais.





No hay comentarios:

Publicar un comentario