Este 2016 que acabamos de comezar trouxo consigo moitas novidades á biblioteca do Fogar. Pouco a pouco irémosvolas presentando para que, se considerades que poden ser do voso interese, pasedes a botarlles un ollo ou a levalas en préstamo para a vosa casa. E comezamos esta rolda de presentacións cunha obra de fantasía escrita polo compostelán Fernando M. Cimadevila, e titulada O mundo secreto de Basilius Hoffman: O ladrón de soños (Urco Editora); un libro que só podemos cualificar como extraordinario, e que supón o punto de partida para a saga do profesor Basilius Hoffman: historiador, arqueólogo, cabaleiro a tempo parcial e truán a xornada completa. Nestas páxinas asistiremos á viaxe do protagonista e do seu sobriño Peter na procura do lendario Diario do Cartógrafo, na que descobriremos cidades perdidas no profundo da noite, sociedades secretas, misteriosas criaturas, poderosas reliquias sagradas...
Para achegarvos un pouco máis a esta apaixonante obra, aquí vos deixamos un booktrailer da mesma:
E se che gusta esta obra, poderás seguir desfrutando das aventuras de Basilius Hoffman grazas aos outros dous libros que completan a saga: Un faro na escuridade e A batalla por Avalon, tamén recén chegados á biblioteca do Fogar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario