viernes, 16 de octubre de 2015

UNHA SEMANA MÁIS DE CONTOS NA BIBLIOTECA

Como é costume, esta semana os nenos de Infantil volveron visitar a biblioteca para vivir novas "Tardes de contos", nas que puideron desfrutar de dúas fantásticas obras nas que os animais foron os grandes protagonistas.

O martes foron os alumnos de 6º de Infantil B os que nos visitaron, e puideron gozar co fantástico libro de William Steig Doctor de Soto, unha historia que axuda a que os pequenos perdan o medo a esa "terrible" primeira visita ao dentista e que nos ensina que na vida a vitoria non sempre cae do lado do máis forte, senón que en moitas ocasións son a maña e o enxeño quenes saen vencedores.




Aquí vos deixamos unhas fotos dos nenos desfrutando coa lectura desta divertida obra protagonizada por un astuto rato dentista:





O xoves volvimos recibir unha nova visita, esta vez dos grupos A e C de 5º de Infantil. Estes nenos asistiron a unha divertida sesión de contacontos na que, logo de escoitar a famosa historia do Parruliño feo, coñecido conto clásico creado pola mente xenial de Hans Christian Andersen, puideron desfrutar coa elaboración dun cartel alusivo ao conto protagonista da sesión.








Cómpre destacar que na primeira sesión do xoves, os pícaros de 5º de Infantil C contaron coa valiosa axuda de Lucía de Soto Ventoso e Julia Rey Rodríguez, alumnas de 3º de ESO B, que guiaron os nenos na decoración do cartel.








Achegar os nenos, desde os seus primeiros anos, ao mundo dos libros e da lectura é un dos empeños que temos no Fogar, por iso, esta semana que vén a biblioteca volverá non só a recibir a visita dos alumnos de Infantil, senón tamén a dos pequenos da Gardería que cada mes, no primeiro e terceiro mércores, suben a escoitar contos e a achegarse a ese fantástico mundo da páxina escrita.



lunes, 12 de octubre de 2015

O MEU ANIMAL FAVORITO DOS LIBROS É...


O pasado día 4 de outubro conmemorouse o Día Mundial dos Animais e por iso algúns de vós quixestes contarnos cal é o voso animal favorito dos libros:




Ideafix, Gerónimo Stilton, Mariseldiña... E cal é o teu?

jueves, 8 de octubre de 2015

VOLVEN AS TARDES DE CONTOS NA BIBLIOTECA!

A semana pasada comezaron as visitas dos alumnos de Educación Infantil á biblioteca, nas que os pequenos asisten a sesións de contacontos que lles permiten achegarse a historias tan entrañables como a que se nos conta na obra de Elisa Ramón Non é fácil pequeno esquío, fermosamente ilustrada por Rosa Osuna e publicada por Kalandraka. Este libro captou desde o primeiro momento a atención dos nenos de 6º de Infantil C, quenes, logo da lectura, puideron explorar a biblioteca na procura das novidades recén chegadas para este curso.



Esta tarde, foron os pícaros dos grupos A e C de 5º de Infantil os que visitaron a biblioteca. Nesta ocasión, desfrutaron con outra obra de Elisa Ramón, ilustrada por José María Lavarello e publicada por Edebé: Aquello que tanto quería Susana.


Inspirándose no conto, os alumnos decoraron unha "caca" como a da protagonista desta divertidísima historia, na que unha nena trata de protexer o seu noxento coxín dos intentos da súa familia por lavalo. Aquí vos deixamos unhas fotos da sesión:





martes, 29 de septiembre de 2015

FALEMOS DE LIBROS...

Hoxe falamos de libros con Eugenia Roca Capdevila, unha das axudantes de biblioteca de 6º de Primaria, auténtica apaixonada da pintura, dos libros e de Laura Gallego. A esta autora pertence, precisamente, a obra cuxa lectura acaba de rematar: Mago por casualidad (Ed. SM), que se encontra á vosa disposición na biblioteca do Fogar. 






Por se vos apetece saber de que trata, aquí vos deixamos o booktrailer do libro:



E agora, o cuestionario de Eugenia:

1.Que estás a ler agora mesmo?
Memorias de Idhún II: Tríada, de Laura Gallego. 


2.Cal é o teu libro favorito?
Memorias de Idhún I:La Resistencia, de Laura Gallego, porque é un libro apaixonante. 


3.Cal é a túa personaxe favorita?
Victoria, da saga Memorias de Idhún, porque ten algo fermoso, aínda que non vos vou contar que é, tedes que ler os libros.


4.Cal é o teu autor favorito?
Laura Gallego García. 


5.Cal é o teu xénero favorito? (aventura, terror, policiaco, amor, ciencia-ficción, humor, cómic, poesía...)
Aventura, amor e fantasía. 


6.Un libro para chorar...
El Quijote, de Cervantes, porque me dá moita pena que se burlen dun tolo. 

7.Un libro para rir...
Diario de Greg, de Jeff Kinney e Diario de Nikki, de Rachel Renée Russell, porque lles acontecen moitas pallasadas.  


8.Con que libro pasaches máis medo?
Eu non leo libros de medo, pero pasei un pouco de medo co libro The mistery team 1, de Wendy Davies, até o punto de que tiven que deixar a súa lectura. 


9.O teu poema favorito...

"Caminante no hay camino..."

Caminante, son tus huellas
el camino, y nada más;
caminante, no hay camino:
se hace camino al andar.

Al andar se hace camino,
y al volver la vista atrás
se ve la venda que nunca
se ha de volver a pisar.

Caminante, no hay camino,
sino estelas en la mar.
     
                                         (Campos de Castilla, Antonio Machado)


10.Cal vai ser a túa próxima lectura?




viernes, 25 de septiembre de 2015

E XA CHEGARON OS PRIMEIROS DEBUXOS...

Esta semana botamos a andar a segunda edición do "Concurso de Debuxo polo Día Mundial dos Animais" e xa chegaron ás nosas mans as vosas primeiras creacións, que agora mesmo están a decorar a biblioteca.


Xa temos lobos,
Autora: Eugenia Roca Capdevila (6ºC)
Baseado en: El lobo ¡Vaya fauna! (Ed. SM)


elefantes, quenllas...

Autoras: Andrea López Barcia e Laura García Fernández (5ºC)
Baseado en: Elefantes (Ed. Todolibro) e Tiburones (Ed. Todolibro)


e até animais fantásticos, como os dragóns

Autora: Lola Cascón Vía (5ºA)
Baseado en: Manual de dragones mortíferos (Ed. SM)


Autora: Lola Cascón Vía (5ºA)
Baseado en: 
Manual de dragones mortíferos (Ed. SM)


Autora: Lola Cascón Vía (5ºA)
Baseado en: 
Manual de dragones mortíferos (Ed. SM)


Aínda non pasastes pola biblioteca a coller libros para participar? Pois nesta fotografía só tedes unha pequena mostra dos moitos que tedes para escoller:


sábado, 19 de septiembre de 2015

E COA VOLTA AO COLE... VOLVEN OS CONCURSOS!

O 4 de outubro conmemórase o "Día Internacional dos Animais", polo que desde o Plan Lector decidimos dedicarlle ese mes aos cans, ás baleas, aos cabalos, aos crocodilos e a todos os nosos amigos do mundo animal. Así, invitámosvos a todos os alumnos de Primaria a participar na "II edición do Concurso de Debuxo polo Día Mundial dos Animais". Apetécevos participar? Pois é moi sinxelo. Só tedes que seguir os seguintes pasos:
1. Vide pola biblioteca e escollede un libro no que saian animais (por exemplo, un manual sobre os mamíferos ou unha novela na que apareza algún animal).
2. Levade o libro en préstamo para a vosa casa e lédeo tranquilamente.
3. Unha vez rematada a lectura, facede un debuxo inspirado na obra e nalgún (ou algúns) dos animais que aparezan nela.
4. Cando acabedes o debuxo, poñédelle o voso nome e apelidos, a vosa clase e o título do libro no que está inspirado. Logo, pasade pola biblioteca a entregárnolo.
Con todos os debuxos que vaiamos recibindo iremos decorando a biblioteca para celebrar "o noso mes dos animais".

Os autores dos mellores debuxos gañarán un premio sorpresa, establecéndose tres categorías:
- Mellor debuxo de 1º e 2º de Primaria.
- Mellor debuxo de 3º e 4º de Primaria.
- Mellor debuxo de 5º e 6º de Primaria.

Os debuxos, logo de permanecer un tempo decorando a biblioteca, serán reunidos nun libro que pasará a formar parte da biblioteca, quedando a disposición dos alumnos na sección "As vosas creacións".

Entre as novidades deste mes na biblioteca atoparedes varios libros sobre animais. Aquí vos amosamos algúns:


  





 








Porén, son moitas máis as obras presentes na biblioteca nas que os animais son grandes protagonistas. A modo de pequena mostra, aquí vos deixamos algunhas que a bo seguro vos farán desfrutar:


"O grilo Míllelo é un grilo moi cantareiro.

Canta pola mañá cando o sol nace
tras as montañas.

Canta ó mediodía
cando o sol sobe ó 
máis alto do ceo

Canta pola tardiña cando o sol se mergulla nas augas do mar."



"Así que chegou a noite, Carmela meteuse na cama
debaixo de sete cobertores, e agardou.
De alí a pouco, fóra da casa, tronou unha voz:
- Carmela, son Tío Lobo, e voute papar!"


"Alá, no cabo do mundo,
no país onde o vento dá a volta,
vivía unha pequena cebra chamada Camila.

Como naquel lugar o vento era tan revirado,
Camila tiña que andar con moito coidado
para non perder as súas vestiduras."



"Marga deu unha volta arredor da cama, para ve-lo crocodilo desde outra posición. E o crocodilo tamén foi dando media volta. Ela miraba para el e el miraba para ela. Non lle quitaba ollo. Abríao e pechábao paseniño, coma se a pálpebra lle pesase moito, sempre ollándoa a ela. O crocodilo fitábaa, abría e pechaba o ollo e facíao dun xeito que daba ganas de durmir. E o rabiño, tristrás, dun lado para outro, coma se estivese ledo."






"Además, la conferencia estaba a punto de comenzar, y los preparativos daban mucho que hacer. Las aves cantoras ensayaban en el conservatorio el himno solemne de apertura. El pájaro carpintero marcaba el ritmo. Como el pavo real, creyendo que tenía una voz bonita, también quería graznar, hubo una breve discusión. Luego abandonó de prisa la sala batiendo su espléndida cola."

"Había una vez un valle... y en el valle tres granjas, y en las granjas, tres granjeros. Tres granjeros bastante feos, por cierto. Y además, antipáticos. Más feos y más antipáticos que Satanás. Se llamaban Benito, Buñuelo y Bufón.
(...)
Y encima del valle había un bosque... y en el bosque, un árbol enorme, y en el árbol un agujero, una madriguera, que era el hogar de don Zorro, doña Zorra y sus cuatro zorritos.
(...)
Pronto se enteraron los tres granjeros de las fechorías de este zorro y antes de que les robara más animales, decidieron ir a por él."


jueves, 3 de septiembre de 2015

UN CONTO DE BOA NOITE...

No Fogar dos Libros sabemos moi ben que non hai mellor forma de rematar o día que escoitando un bo conto antes de ir durmir, e por iso aquí vos deixamos un para que desfrutedes del esta noite. O conto non é outro que "Cincenta". Ese xa nolo contaron mil veces!, estaredes a pensar; porén a bo seguro que esta non é a versión que vós coñecedes. Esta é moito máis divertida. É a versión do xenial Roald Dahl, na voz da extraordinaria contacontos Beatriz Montero. Velaí vai:


Se vos gustou o conto, non dubidedes en pasar pola biblioteca do Fogar cando comece o curso, pois está a agardar por vós o libro do que sacamos esta versión de "Cincenta". A obra titúlase Cuentos en verso para niños perversos, e contén divertidísimas adaptacións de contos clásicos como "Brancaneves", "Carapuchiña Vermella" ou "Os tres porquiños", magnificamente escritos por Roald Dahl e ilustrados polo non menos xenial Quentin Blake.