Como é costume, esta semana os nenos de Infantil volveron visitar a biblioteca para vivir novas "Tardes de contos", nas que puideron desfrutar de dúas fantásticas obras nas que os animais foron os grandes protagonistas.
O martes foron os alumnos de 6º de Infantil B os que nos visitaron, e puideron gozar co fantástico libro de William Steig Doctor de Soto, unha historia que axuda a que os pequenos perdan o medo a esa "terrible" primeira visita ao dentista e que nos ensina que na vida a vitoria non sempre cae do lado do máis forte, senón que en moitas ocasións son a maña e o enxeño quenes saen vencedores.
Aquí vos deixamos unhas fotos dos nenos desfrutando coa lectura desta divertida obra protagonizada por un astuto rato dentista:
O xoves volvimos recibir unha nova visita, esta vez dos grupos A e C de 5º de Infantil. Estes nenos asistiron a unha divertida sesión de contacontos na que, logo de escoitar a famosa historia do Parruliño feo, coñecido conto clásico creado pola mente xenial de Hans Christian Andersen, puideron desfrutar coa elaboración dun cartel alusivo ao conto protagonista da sesión.
Cómpre destacar que na primeira sesión do xoves, os pícaros de 5º de Infantil C contaron coa valiosa axuda de Lucía de Soto Ventoso e Julia Rey Rodríguez, alumnas de 3º de ESO B, que guiaron os nenos na decoración do cartel.
Achegar os nenos, desde os seus primeiros anos, ao mundo dos libros e da lectura é un dos empeños que temos no Fogar, por iso, esta semana que vén a biblioteca volverá non só a recibir a visita dos alumnos de Infantil, senón tamén a dos pequenos da Gardería que cada mes, no primeiro e terceiro mércores, suben a escoitar contos e a achegarse a ese fantástico mundo da páxina escrita.
No hay comentarios:
Publicar un comentario