miércoles, 22 de febrero de 2017

UNHA MOSCA CHOSCA, UNHA NENA QUE NON QUERE SER PRINCESA E UN NENO CAVERNÍCOLA

Como sempre, os contos volveron ateigar a biblioteca, nuns días nos que desfrutamos con historias cheas de humor, con outras que nos falaron do amor, e mesmo con algunha que nos fixo viaxar até o mundo dos contos tradicionais. Unha das actividades que máis risos provocou foi a dramatización que Elena, Aitana e Iria, alumnas de 6ºC, realizaron de "La Cenicienta", na versión que o xenial Roald Dahl creou para o seu libro Cuentos en verso para niños perversos.



Con esta obra, publicada por Alfaguara, poderedes gozar de contos que a bo seguro coñecedes, como Caperucita Roja, Blancanieves ou Ricitos de Oro, porén, non esperedes encontrar aquí a versión á que estades acostumados. Neste libro, Roald Dahl nos ofrece unha versión moito máis divertida...



Para que vos fagades unha idea do que ides atopar se vos mergullades nas páxinas desta obra, aquí vos deixamos un dos contos incluidos no libro, na boca dunha das mellores contacontos da actualidade: Beatriz Montero.


E aquí tedes algunhas fotos da actuación que Aitana, Elena e Iria realizaron para os seus compañeiros de 6ºc:







Nestes días nos que o 14 de febreiro nos fixo respirar máis amor que nunca, non podía faltar unha obra como ¿Qué es el amor? (Edelvives), con texto de Davide Cali e ilustracións de Anna Laura Cantone. Enma, a protagonista deste conto non ten claro que é iso do amor, polo que decide preguntarllo á súa romántica nai, ao seu pai amante do fútbol, á súa avoa reposteira... Este álbum nos permitiu reflexionar sobre este sentimento e sobre as diferentes clases de amor.


Lucía, Daniela, Luís, Icía, Ainara, Carla e Diego dramatizaron este fermoso conto para os pícaros de 4º de Infantil:










Outra das obras coa que nos divertimos estes días foi A casa da mosca chosca (Kalandraka), un clásico da nosa biblioteca baseado nun conto popular ruso, con texto de Eva Mejuto e ilustrado por Sergio Mora.



Carola, Sabrina, Khady e Paula, alumnas de 3ºC, leron o conto para 5º Inf.C., grupo ao que pertence Sofía, irmá de Carola. Sofía desfrutou especialmente coa sesión.








Outro conto co que puideron desfrutar varios grupos de Infantil foi O frautista de Hamelin, na versión que Xosé Ballesteros realizou para Kalandraka.



Lucía e Andrea leron este conto para 6ºInf. A e C. Pablo, irmán de Andrea e alumno de 6ºInf. A, divertiuse ao grande escoitando á súa irmá.





Os pícaros de 6ºInf. B tamén escoitaron este conto de boca da súa mestra Gema:




Estes días tamén escoitamos contos dunha das nosas coleccións favoritas, "A igualdade conta", de Edicións Embora. Un dos que máis gustou aos nenos foi Iriña bailarina, escrito por Cristina Justo e Paloma Rodríguez, e ilustrado por Spela Trobec. Con el reflexionamos sobre a igualdade de xénero, o cambio de roles e os estereotipos sociais.



Icía, Alba, Adriana e Isabel, de 5ºB, dramatizaron este álbum para 6ºInf. B:








Outra das obras que nos fixo desfrutar estes días foi Abuelito, cuéntame un cuento (SM), de María Rojas.  Con ela asistimos a un fermoso conto protagonizado por un dragón, unha princesa e un cabaleiro.



Noelia, Óscar e Isabel, de 5ºB, contaron este álbum aos pícaros de 4º de Infantil:





Vanesa non quere ser princesa (Sotelo Blanco)), escrito por Xosé A. Perozo e ilustrado por Xaime Asensi, foi outro dos contos que lemos na biblioteca estes días. Con el asistimos á historia de Vanesa, unha nena que non ten aínda claro o que quere ser de maior: un día quere ser mestra, outro doutora, outro arquitecta, outro escritora... Porén, Vanesa si está segura dunha cousa: non quere ser princesa, senón libre para decidir por si mesma.


Aquí podedes ver os pícaros de 5ºInf. A atendendo á lectura da obra:





E como nos encanta viaxar, estes días fixémolo até unha época moi lonxana: a Prehistoria. Alí atopámonos con Orq, un neno cavernícola, e con Woma, o seu mamut, protagonistas de este ser ORQ (Planeta DeAgostini), escrito por David Elliott. A divertida historia de amizade entre Orq e Woma fíxonolo pasar ao grande. 


Aquí podedes ver os pícaros de 6ºInf. B atendendo á lectura:



E logo de contos sobre o amor, de nenas que non queren ser princesas e de nenos cavernícolas, chega o Entroido!


GuardarGuardar

viernes, 17 de febrero de 2017

BOLBORETAS NO BANDULLO VISITA O FOGAR

Hoxe tivemos o pracer de recibir no Fogar a Diana e a David, dous filólogos viveirenses creadores dun dos blogs de moda no territorio galego: Bolboretas no bandullo, que conxuga as súas dúas paixóns, a cociña e a lingua galega. Gastronomía e idioma se unen así neste blog nacido co afán de axudar a normalizar a lingua galega e de achegarnos todo tipo de receitas, mais sempre cunha pinga de galeguidade.



Se queredes saber un chisco máis sobre eles, non tedes máis que picar aquí, e poderedes ver un vídeo cunha entrevista feita para o programa "A revista" da Televisión de Galicia.



Na visita de hoxe, Diana e David levaron a cabo un obradoiro no que os alumnos de 4ºB e 4ºC de Primaria cociñaron dous pratos divertidos, saborosos e saudables: unha xoaniña feita con tomates cherry, olivas negras, queixo e torradas; e un wrap elaborado con leituga, pavo, ananás, queixo, tomate, pemento e améndoas. Aquí vos quedan algunhas fotos que amosan canto desfrutaron os nenos da sesión. Ímos primeiro con 4ºC:













E aquí podedes ver as da sesión correspondente a 4ºB:











Desde aquí queremos darvos as grazas, Diana e David, pola vosa visita, pola paciencia e o bo humor que amosastes durante o encontro, e por todo o que nos ensinastes. O Fogar xa é a vosa casa.


GuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardar
GuardarGuardar

miércoles, 15 de febrero de 2017

CON CANDELA E INÉS... COÑECEMOS A AMELIA EARHART

Inés e Candela, as nosas contacontos de 5ºC, seguen achegándonos a grandes mulleres da historia. Nesta ocasión detivémonos na figura de Amelia Earhart, unha intrépida aviadora estadounidense entre cuxas fazañas podemos destacar a travesía en solitario do Atlántico (1932), nunca antes realizada por unha muller, e o primeiro voo exitoso entre a illa de Hawai e o territorio continental dos Estados Unidos (1935). 



Amelia, célebre polas súas marcas de voo, desapareceu en 1937 mentres tentaba completar a volta ao mundo pola liña do ecuador.



Achegámonos a esta muller a través da lectura de Amelia Earhart, unha obra escrita por María Isabel Sánchez Vegara e ilustrada por Mariadiamantes, publicada por Alba Editorial na súa colección "Pequeña y GRANDE", da que xa vos falamos en entradas anteriores.



Inés e Candela leron esta obra para 4ºC de Primaria:



E logo da lectura, desfrutamos cun divertido xogo no que puxemos a proba todos os nosos coñecementos sobre Amelia Earhart:




Grazas, Candela e Inés, por descubrirnos tantas mulleres xeniais!