miércoles, 13 de febrero de 2019

ADELA FAINOS DESFRUTAR CON "ZAIRA Y LOS DELFINES" E NOS EXPLICA COMO É O TRABALLO DUNHA TELEOPERADORA

Estes días recibimos a visita de Adela, que pasou pola biblioteca para manter un encontro coa súa filla Zaira e cos seus compañeiros de 3ºA de Primaria. Nesta sesión, Adela fíxonos desfrutar cun conto que non coñeciamos e que nos encantou: Zaira y los delfines (Editorial Cuento de Luz), escrito por Mar Pavón e ilustrado por Cha Coco.



Este trátase dun conto moi especial, xa que foi o primeiro libro de Zaira e, ademais, é unha obra que chegou ás súas mans como agasallo da súa avoa. Con Adela e con Zaira todos o pasamos en grande con esta lectura que vos recomendamos a todos e que supón un canto á imaxinación e ao poder desta.



Logo de escoitar este fermoso conto, Adela nos falou de mil e unha cousas: de como era o seu traballo como teleoperadora, de como chegou á súa casa o seu gato Tres (e de cal é a razón de que leve este nome), da paixón que ela e Zaira senten polos libros de Los Cinco (a fantástica colección creada pola escritora inglesa Enid Blyton), etc.


Desde aquí queremos dar as grazas a Adela por traernos á biblioteca o seu bo facer como contacontos, a súa experiencia como teleoperadora, o seu bo humor e o seu eterno sorriso. Grazas, Adela, por regalarnos o teu tempo e por implicarte neste tipo de actividades.

martes, 12 de febrero de 2019

A NOSA HOMENAXE Á ENFERMEIRA CORUÑESA ISABEL ZENDAL SAE NAS PÁXINAS DO XORNAL "LA OPINIÓN"

Unha vez máis, queremos compartir con vós unha iniciativa desenvolvida polos nosos compañeiros do Departamento de Ciencias, que continúan moi activos con motivo da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Con eles, o alumnado do noso colexio rendeu homenaxe a Isabel Zendal, considerada pola OMS como a primeira enfermeira da historia en misión internacional. 


Con esta pequena homenaxe preténdese lembrar o papel que esta "coruñesa de Ordes" tivo na loita contra a varíola (primeira enfermidade erradicada no mundo e única até o momento), levando a vacina a América na Real Expedición Filantrópica da Vacina. Animámosvos a todos a que visitedes o monumento  ubicado no Parrote, na cidade da Coruña, dedicado a Isabel Zendal e aos nenos orfos que partiron nesta expedición e que lembra a saída da mesma desde o porto coruñés o 30 de novembro de 1803. Nós xa visitamos esta fermosa obra realizada por Acisclo Manzano, para realizar unha ofrenda floral, tal e como podedes ler hoxe nas páxinas do diario La Opinión. Para ler a noticia no xornal, non tedes máis que picar aquí.

Esta iniciativa quere, á vez, reivindicar a importancia que ten a vacinación á hora de previr enfermidades infecciosas perfectamente evitables.

Todos aqueles que desexedes coñecer algo máis sobre a historia de Isabel Zendal e desta expedición, non tedes máis que pasar pola biblioteca e coller o libro que acaba de publicar o selo Bululú baixo o título Novo Mundo. Isabel Zendal na Expedición da Vacina, obra do tándem artístico El Primo Ramón, integrado polos arquitectos coruñeses Borja López Cotelo e María Olmo Béjar.




viernes, 8 de febrero de 2019

JAVIER FÁLANOS DO SEU TRABALLO NUN BANCO E NOS IMPARTE UN OBRADOIRO DE ECONOMÍA FAMILIAR

Dentro do proxecto dirixido a achegarnos ao mundo das profesións, continuamos coas visitas de persoas de diferentes campos laborais. Un dos profesionais que nos visitou esta semana foi Javier, papá de Paula, que falou diante da súa filla e dos seus compañeiros de 3ºB de Primaria sobre como é iso de traballar nun banco.



Javier contounos que cousas fan os bancos, explicounos o que é un préstamo, e nos levou a mergullarnos no mundo das finanzas.



Con el, como xa comentamos liñas atrás, desenvolvemos un obradoiro de economía familiar no que todos o pasamos en grande.



Queremos dar as grazas a Javier por regalarnos o seu tempo, por ensinarnos tantas cousas sobre o seu traballo e por demostrarnos que falar de bancos pode ser moi divertido. A ti, Javier, a Ana María, a Paula e a Diego vos dicimos que é un pracer que formedes parte da familia do Fogar.

jueves, 7 de febrero de 2019

RAQUEL REGÁLANOS "UN BESO ANTES DE DESAYUNAR" E NOS FALA DO SEU TRABALLO NA ÁREA DE RECURSOS HUMANOS DUN COMPLEXO DEPORTIVO

Esta semana tivemos o pracer de recibir a visita de Raquel, mamá de Paula, alumna de 3ºA de Primaria, que pasou pola biblioteca para facernos desfrutar do mundo dos contos e para falarnos do seu traballo. Así, Raquel leunos un conto que nos encantou: Un beso antes de desayunar (Lóguez), de Raquel Díaz Reguera.




Sen dúbida vos recomendamos esta fermosa obra, que nos fala da importancia dos bicos e do cariño, e de como o amor pode cambiar un día gris.



Logo de escoitar esta bonita historia, puidemos achegarnos ao traballo que Paula desenvolve na área de Recursos Humanos dun complexo deportivo. Con ela falamos dos diferentes profesionais que traballan nunha instalación dese tipo, das variadas actividades que se realizan nestes espazos, e do importante que é practicar deporte para sentirse ben, tanto no aspecto físico como psicolóxico.

Queremos dar as grazas a Raquel por regalarnos unha marabillosa sesión de contacontos e por ensinarnos tantas cousas sobre o seu traballo. E grazas tamén por facelo con tanta enerxía e sentido do humor.



miércoles, 6 de febrero de 2019

CON EDUARDO COÑECEMOS O TRABALLO DUN TÉCNICO EN PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS

Dentro do proxecto dirixido a achegarnos ao mundo das profesións, continuamos coas visitas de profesionais de diferentes campos. Así, estes días visitounos Eduardo, papá de Pedro, de 3ºC de Primaria, que nun encontro co seu fillo e cos seus compañeiros de grupo nos explicou en que consiste o seu traballo como Técnico en Prevención de Riscos Laborais.



Con Eduardo, que desenvolve o seu traballo nas provincias de A Coruña e Lugo, reflexionamos sobre a importancia de traballar nun ambiente seguro e saudable e tamén sobre a necesidade de realizar inspeccións periódicas neste sentido.

Desde aquí queremos dar as grazas a Eduardo por achegarnos a un traballo sobre o que descoñeciamos moitas cousas, e por facelo dun xeito tan ameno e divertido.



domingo, 3 de febrero de 2019

LOS PELIGROS DE INTERNET. ¿QUÉ PODEMOS HACER LOS PADRES?

O pasado xoves comezou a serie de charlas que a ANPA vai desenvolver ao longo do curso. Neste primeiro encontro, Santiago Reboyras, inspector xefe do Grupo de Delitos Tecnolóxicos da Brigada Provincial da Policía Xudicial da Coruña (e papá de tres alumnos do noso colexio), achegounos ao perigo que Internet pode supor para os nenos e as nenas, e incluso para os adultos, se non se fai un bo uso desta ferramenta.



Así, baixo o título "Los peligros de Internet. ¿Qué podemos hacer los padres?", Santiago amosounos cales son os principais perigos que ofrece Internet, deunos unha serie de pautas neste sentido que os pais podemos empregar cos nosos fillos e nos lembrou o importante que é dar exemplo aos máis pequenos no tocante ao emprego desta ferramenta.

Desde aquí queremos dar as grazas a Santiago e á ANPA, por achegarnos formación sobre un tema fundamental no mundo actual.

Estaremos moi atentos aos novos encontros que se organicen e animamos aos papás, ás mamás e a todos os membros desta pequena-gran familia que é o Fogar a asistir aos mesmos.

viernes, 1 de febrero de 2019

O ALUMNADO CELEBRA O "DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA" CO DEPARTAMENTO DE CIENCIAS

Hoxe queremos compartir con vós unha experiencia que están a desenvolver os compañeiros do Departamento de Ciencias para celebrar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. 

En honor a este día, que se conmemora cada 11 de febreiro, iniciaron unha serie de actividades ca que buscan destacar o importante papel xogado pola muller no mundo das investigacións e os descubrimentos científicos ao longo da historia.

Na primeira destas actividades, os compañeiros do Dep. de Ciencias propuxeron aos alumnos de ESO, FP e Bacharelato que investigasen que acontecemento se conmemoraba o 11 de febreiro, data que apareceu marcada no calendario de cada aula. Tal e como se anunciou na web do colexio, a primeira alumna que logrou resolver o enigma foi Inés Mena Sierra (1ºESO B).

A segunda destas actividades situaba os alumnos diante dun novo reto: logo de que nas aulas apareceran fotos de diferentes mulleres, os estudantes debían averiguar de que célebres científicas se trataba. Nesta segunda actividade saíron gañadores os seguintes estudantes, que foron os que antes deron coas respostas correctas:
-Candela Garea Veiga (1ºESO B)
-Angélica Buján Vázquez (2ºESO B)
-Marina García Fano (4ºESO B)
-Luis Miguel Canario Batson (1ºBach.)
-Iria Otero Pérez (1ºBach.)
-Rafael Sánchez García (2ºBach.)
-Lucía de Soto Ventoso (2ºBach.)
-Luana Dias Nunes (FPB 2)


Cada un dos alumnos gañadores recibiu como premio un delicioso chocolate con churros da chocolatada solidaria que celebrou o colexio polo Día da Paz. Ademais, "O fogar da ciencia" decidiu colaborar coa Asociación Manos Unidas, para a que van destinados os fondos recadados en dita chocolatada.

Rematada esta fase inicial, moi pronto chegará un novo reto para todos aqueles alumnos de ESO, FP e Bacharelato que desexedes participar. Este desafío trae consigo, ademais, un premio suculento: os gañadores recibirán un punto extra nunha das materias de ciencias.

Desde aquí queremos felicitar aos compañeiros do Dep. de Ciencias por esta fantástica iniciativa e ao alumnado do noso colexio pola alta participación amosada.