martes, 14 de mayo de 2019

COÑECEMOS O TRABALLO DUN INFORMÁTICO CON ÓSCAR

Os pícaros de 4ºInf. B tiñan curiosidade por coñecer que é iso das novas tecnoloxías das que tanto falan os maiores. Por este motivo, decidimos convidar a Óscar, o noso profesor de TIC, Tecnoloxía e Aplicacións Informáticas Comerciais en Secundaria, Bacharelato e FP, para que pasase pola biblioteca a achegarnos a ese mundo.

Óscar, experto en informática e telecomunicacións, nos explicou o que son as novas tecnoloxías e nos amosou as diferentes partes que compoñen un ordenador. Con el fomos repasándoas unha a unha e aprendendo cal é a súa función.





Por todo o que nos ensinaches, polo ben que nolo fixeches pasar e por regalarnos o teu tempo libre, a ti, Òscar, queremos dicirche: un millón de grazas!


lunes, 13 de mayo de 2019

VIAXAMOS POLO MUNDO DA TELEFONÍA CON NATALIA

Enfermeiros, tradutoras, zapateiros, psicólogas, albaneis, mecánicos de avións, policías, médicos, xuíces, músicos, actrices, informáticos, fisioterapeutas... Son xa moitos os profesionais que pasaron pola biblioteca dentro do proxecto destinado a mergullarnos no eido dos oficios. Isto só está sendo posible grazas á vosa participación: á colaboración das familias. Hoxe queremos compartir no blog un destes encontros, o de Natalia, mamá de Sofía, de 1ºA de Primaria, que nos visitou para falarnos dun mundo en constante cambio e progreso, o da telefonía.



Natalia nos levou de viaxe até os inicios do teléfono e nos falou da súa invención, de como eran os primeiros aparellos deste tipo, de como se foi avanzando neste terreo até chegar aos modernos dispositivos da actualidade, etc. Ademais, Natalia nos ensinou a crear os nosos propios teléfonos caseiros, e mesmo comprobamos o ben que funcionaban.



E, por suposto, unha marabillosa contadora de historias como é Natalia non podía irse sen realizar para nós un contacontos, que todos desfrutamos.


A ti, Natalia, queremos darche as grazas por ensinarnos tantas cousas cada vez que nos visitas, e por facérnolo pasar tan ben. Grazas a ti e a Fran pola vosa implicación nas actividades do colexio.




viernes, 10 de mayo de 2019

RECIBIMOS A VISITA DE DOUS ENFERMEIROS DE PRIMEIRA

Estes días continuamos coas visitas de diferentes profesionais, que están a pasar pola biblioteca para falarnos do seu oficio. Unha visita que nos encantou foi a de Cris e Willy, papás de Jimena, de 1ºB de Primaria, que nos viñeron explicar en que consiste o seu traballo como enfermeiros.



Primeiro nos falaron das principais tarefas que realizan, de como son os lugares nos que desenvolven o seu cometido e do importante que é ter empatía cos pacientes. A continuación, nos amosaron algúns dos instrumentos que empregan no seu día a día e nos explicaron para que serve cada un deles.



Na parte final da sesión, desenvolveron con nós un curso de primeiros auxilios, no que todos desfrutamos e, sobre todo, aprendemos.




A vós, Cris e Willy, queremos darvos as grazas por estar sempre aí dispostos a colaborar e a axudar. É un luxo e un pracer que formedes parte da familia do Fogar.


jueves, 9 de mayo de 2019

ALBERTO AMÓSANOS COMO É O TRABALLO DUN ZAPATEIRO

Alberto, antigo alumno do centro, visitou a biblioteca hai uns días para explicarnos como é o traballo dun zapateiro. 



Así, nun encontro no que estiveron presentes a súa filla Belén e os pícaros de 6ºC de Infantil, aprendemos con que materiais se fan os zapatos, que ferramentas se empregan nese labor, como son os pasos do proceso, como se arranxan...



Ademais, Alberto tamén nos explicou que as tarefas dun zapateiro van moito máis aló dos zapatos, e nos contou que entre os seus traballos tamén se conta fabricar outros obxectos, como bolsos, carteiras ou pulseiras, reparar cintos, e outras moitas cousas relacionadas co traballo co coiro.



A ti, Alberto, queremos darche as grazas por dedicarnos o teu tempo e por explicarnos tan ben en que consiste o teu traballo. Grazas tamén polo cariño que amosaches en todo momento durante o encontro e pola túa paciencia ao responder as mil e unha preguntas que che realizaron os pícaros.


miércoles, 8 de mayo de 2019

FERNANDO ACHÉGANOS AO SEU TRABALLO COMO MEMBRO DO EQUIPO DE MANTEMENTO DO COLEXIO

Un colexio como o noso está constituído por moitos profesionais diferentes: profesores, bibliotecario, coidadores, persoal de limpeza e de administración... Cada un co seu cometido dentro dunha engranaxe na que todas as pezas son igual de importantes e fundamentais para que todo funcione correctamente. E de facer que as cousas funcionen correctamente saben moito no equipo de mantemento do colexio, do cal forma parte Fernando (máis coñecido como "Padriño" por Iago e Brais, de 6ºB de Infantil). Foi el un dos últimos profesionais que pasou pola biblioteca nunha visita enmarcada dentro do proxecto destinado a achegarnos ao mundo dos oficios, e na que explicou aos pícaros de 4ºC de Infantil o seu cometido no centro.



Fernando falou das súas diferentes funcións, explicounos polo miúdo algunhas das tarefas que debe desenvolver no seu día a día e nos amosou algunhas das ferramentas máis habituais no seu traballo. Con el aprendemos a utilizalas.




A ti, Fernando, queremos darche as grazas por ensinarnos tantas cousas sobre o teu oficio e, sobre todo, por facelo dunha forma tan divertida. 


viernes, 3 de mayo de 2019

LORENA EXPLÍCANOS O TRABALLO DUNHA POLICÍA LOCAL

Estes días continuamos a recibir visitas de profesionais de diferentes ámbitos laborais, que están a pasar pola biblioteca para manter encontros co alumnado dentro do proxecto central deste curso, destinado a achegarnos ao mundo dos oficios. Unha destas visitas estivo protagonizada por Lorena, mamá de Claudia, de 4º Inf. B, que veu polo colexio para explicarnos en que consiste o labor da Policía Local.



Lorena falou dos seus diversos cometidos como policía e tamén nos amosou diferentes ferramentas do seu traballo. Aquí vos deixamos fotos da que máis lles gustou aos pícaros: a radio. Lorena contoulles para que utiliza a radio a policía e ensinoulles a empregala. E como sorpresa final, mesmo puidemos falar pola radio!



Quereremos dar as grazas a Lorena por dedicarnos o seu tempo, por explicarnos tan ben o labor que desenvolve a Policía Local, e por permitirnos pasar un momento tan divertido.


jueves, 2 de mayo de 2019

PAQUITA LÉVANOS DE VIAXE AO PASADO

Hai uns días tivemos o pracer de desfrutar dunha visita moi especial, a de Paquita, avoa de Adrián, alumno de 1ºC de Primaria. Paquita regalounos un encontro no que nos levou de viaxe até os anos da súa infancia. Con ela lembramos como era a súa escola, como eran os (poucos) xoguetes da época e como transcorría a vida dun neno neses días. Escoitándoa démonos conta de que antes ir á escola era un luxo e de que moitos nenos tiñan que deixar moi pronto o colexio para axudar na casa, para coidar dos irmáns máis pequenos, para colaborar nos traballos do campo ou co gando, etc.



Paquita tamén nos falou da aventura da emigración: da dureza de deixar atrás á familia, do que significa chegar a un país no que non coñeces o idioma, e dos anos pasados traballando nunha empresa de construción de bicicletas. Experiencias difíciles contadas con agarimo e con emoción.


Escoitar a Paquita é escoitar leccións de vida, por iso queremos darlle as grazas: grazas por ensinarnos tantas cousas e por facelo con tanto cariño. Foi un auténtico pracer compartir ese momentiño xuntos.