sábado, 5 de diciembre de 2015

COELLOS, GATOS, OSIÑOS, UNHA VELLA NUNHA BOTELLA E O APALPADOR QUE XA CHEGA...

Esta semana comezámola viaxando ao mundo dos libros cos nenos de 4º de Inf. B, que se divertiron ao grande cunha obra coa que xa desfrutamos hai uns días con outros grupos, Non é unha caixa (Faktoría K), de Antoinette Portis. Andrea Díaz Mata e Sandra Ramos Varela, alumnas de 6ºB de Primaria, foron as encargadas de amosar aos nenos até onde pode chegar o poder da imaxinación.







Na segunda sesión do luns, Sandra Ramos Varela continuou a súa carreira de contacontos facendo desfrutar os nenos de 4º de Inf. C da obra Federica aburrida (SM), escrita e ilustrada por Istvan, na que se nos conta a historia de Federica, unha nena que ten todos os xoguetes que desexa. Con eles e coa axuda da súa imaxinación vive as máis asombrosas aventuras, até que un día, Federica comeza a aburrirse. Síntese soa.







Na última das sesións da xornada, Adrián Suárez Carril e Cristian Emanuel Chira, alumnos de 1ºESO C, achegaron os nenos de 4º de Inf. A ao mundo dos contos populares a través da divertidísima obra de Patacrúa (seudónimo da galega Marisa Núñez) O gato lambón (Kalandraka), protagonizada por un gato insaciable que come todo o que se lle pon por diante.





O libro, ilustrado polo valenciano Oliveiro Dumas, conta cunhas impactantes imaxes que fixeron rir aos pequenos desde a primeira páxina.





O martes lembramos aos nenos de 6º de Inf. B que para os pais todos os fillos son especiais. En Todos sois mis favoritos (Kókinos), de Sam McBratney, vimos como para Mamá Osa e Papá Oso, cada un dos seus fillos é o seu favorito.





Logo da lectura protagonizada por esta adorable familia de osos, Ainara Regueira Santiso e Lucía Alonso Piñeiro demostraron aos seus compañeiros de grupo que son unhas grandes contacontos:




As nenas contáronlles Hay un mago en este cuento (SM), de Juanvi Sánchez.



E como o Nadal está xa a piques de chegar, mércores, xoves e venres adicámolos, en grande medida, a presentar o Apalpador aos nenos dos diferentes grupos que pasaron pola biblioteca a escoitar contos (2ºA e 3ºA de Primaria, os tres grupos de 5º de Inf., e os pícaros da Gardería). Para achegar os nenos a esta figura nosa tan descoñecida para moitos, empregamos a obra de Xoán G. titulada O Apalpador (Biblos). Agora, os alumnos do Fogar xa están a agardar pola presa de castañas e polos agasallos que a noite do 24 de decembro lles traerá este vello carboeiro do Caurel.










Mais como non todo van ser "apalpadores", o venres, os nenos de 6º de Inf. C lembraron a importancia de seren agradecidos grazas á historia de A vella na botella (OQO), de Roberto Mezquita.






Boa fin de semana a todos! Á volta da ponte agárdannos moitas máis historias para nos divertir!

2 comentarios:

  1. A niña filla veu encantada co contó do apalpadoiro. Outro máis a traer regalos no Nadal!!! Jajaja. Bromas a parte dicir que me parece xenial ver aos nenos disfrutar dun bo conto e da biblioteca da escola. Dende casa vos seguimos e estamos encantados con este blog. Saudos e gracias.

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas a vós por seguirnos. Nós si que estamos encantados de ler que a vosa filla desfrutou co conto do Apalpador, pois iso é precisamente o que intentamos cada día: que os nenos desfruten cos libros, á vez que aprenden. Aínda queda moito curso por diante e son moitas as actividades que nos quedan por realizar. Iremos compartíndoas con vós a través do blog, pois como pais que somos, sabemos que non pasamos todo o tempo que nos gustaría cos nosos fillos e, neste sentido, o blog constitúe unha ferramenta moi útil para que vós, os pais, poidades compartir dalgunha maneira eses momentos de biblioteca cos vosos fillos. Un saúdo e moitas grazas por participar no blog.

    ResponderEliminar