Hai varias semanas comezamos unha actividade á que chamamos "BRUXAS CONTRA MONSTROS". Nela, vista a rivalidade xurdida entre as bruxas e os monstros na nosa biblioteca, tratabamos de decidir cal dos dous terroríficos grupos é o mellor. Para iso fixemos unha selección de libros, por unha banda obras sobre monstros e por outra obras sobre bruxas, que puxemos a disposición dos alumnos nunha mesa da biblioteca. Os rapaces que quixeran participar na actividade tiñan que coller un libro dos alí expostos (ou varios), lelo e, finalmente, puntualo do 1 ao 10 en función de se lles gustou moito ou pouco. Ao final da actividade, sumariamos os puntos logrados por un e outro bando para ver quen era o grupo gañador.
Foron moitos os rapaces que se animaron a participar, entusiasmados, en grande medida, por unhas bruxas e uns monstros de 5º de Primaria moi especiais, que leron a compañeiros doutros cursos libros de monstros e de bruxas.
E tamén, por mor das visitas polas clases duns horribles monstros e dunhas terroríficas bruxas de 1º da ESO.
Semana a semana fomos sumando os puntos de cada grupo e, tal e como pudestes ir comprobando nas puntuacións que fomos expoñendo nunha cartolina na porta da biblioteca, a situación amosouse enormemente igualada desde o comezo. Así, a emoción mantívose até o derradeiro día, mais finalmente as gañadoras foron as bruxas por 587,9 a 580,4.
E cales foron os libros que máis vos gustaron da nosa selección de bruxas e monstros? Pois tendo en conta as puntacións que fostes outorgando ás distintas obras, estes foron os mellor valorados:
1. As bruxas (Xerais), de Roald Dahl.
2. El pequeño vampiro (Alfaguara), de Angela Sommer-Bodenburg.
3. A bruxa tola (Xerais), de Josep Gregori.
4. O manual das bruxas (Xerais), de Malcolm Bird.
5. Dominicus, o dragón (Tambre), de Antón Cortizas.
Moitas grazas a todos os que participastes!
Moitas grazas a todos os que participastes!
No hay comentarios:
Publicar un comentario