sábado, 19 de diciembre de 2015

ENTRE CONTO E CONTO CHEGARON AS VACACIÓNS DE NADAL

Esta semana despedimos o primeiro trimestre con actividades tan divertidas como a visita do Apalpador ou de Mamá Noel e os seus renos.

O luns a biblioteca recibiu os nenos de 5º de Inf. A, que desfrutaron dunha sesión de contacontos dirixida por Muriel Costa Blanco e Ainhoa Seguín Grimón, alumnas de 4ºC de Primaria. Muriel e Ainhoa comezaron a tarde mergullando os pequenos nas páxinas de Me marcho, ¡adiós! (SM), escrito por Ricardo Alcàntara e ilustrado por Antonia Santolaya, unha obra na que nos atopamos con Rosendo, un moniño que, logo de enfadarse coa súa nai porque non lle mercaba todo o que quería, decide marchar da casa na procura dunha nova nai. Porén, como vimos na lectura, Rosendo non vai ter sorte: encontrarase cunha xirafa, cun ourizo e cunha mofeta, mais todos teñen algún defecto. De súpeto, Rosendo ve a súa nai, que saíra a buscalo, e, sen poder evitalo, dálle unha aperta. Xunto a ela sentíase protexido.






Na segunda parte da sesión, Ainhoa e Muriel fixeron reflexionar os nenos sobre a liberdade e os dereitos dos animais, por medio dunha obra que xa traballamos con outros grupos: A viaxe de Pancho (Kalandraka), unha fermosa historia escrita e ilustrada por Antonio Santos.




Porén, se nesta semana tiveramos que escoller un protagonista, este ben podería ser O Apalpador, personaxe que nos visitou estes días, facendo un percorrido por Infantil e Primaria.






O Apalpador presentouse aos rapaces e contoulles un conto sobre a súa persoa, titulado Antón e O Apalpador (Barafunda Editorial), con textos de Manuel Castro Lima e Mª Mar Ameixeiras Sánchez e ilustracións de Francisco Ameixeiras Sánchez.


Este vello carboeiro do Caurel tamén foi protagonista doutras sesións nas que seguimos a desfrutar cun conto que xa leva con nós varias semanas: O Apalpador (Biblos), escrito e ilustrado por Xoán G.


Especialmente divertida foi unha das sesións do martes, na que Martín Domínguez Piñeiro, Víctor Martín García e Miguel Peña Iglesias, alumnos de 4ºC de Primaria contaron este conto aos nenos de 6º de Inf. A.









Outros grupos, como 6º de Inf. B, gozaron tamén con este conto:





E 6º de Inf. C tamén puido escoitalo:





E como se dun paxaro se tratase, o conto voou da biblioteca ás aulas e chegou, por exemplo, a 5ºB de Primaria, onde Uxía Quintas García llo leu aos seus compañeiros de clase:







Mais estes días tamén as outras personaxes do Nadal invadiron o Colexio, e así, os alumnos puideron desfrutar dun belén vivinte e da visita dos Reis Magos ou de Papá Noel. Especialmente interesante resultou a visita de Cristian Emanuel Chira (1ºESO C) ás aulas de Infantil e primeiros cursos de Primaria. Cristian, natural de Romanía, explicou aos pequenos como se celebra o Nadal no seu país, que comeza coa chegada de San Nicolás na madrugada do 6 de decembro. Mamá Noel e os seus renos tampouco quixeron perder a ocasión e pasaron a repartir lambetadas polas clases de Infantil.




Mais a temática do Nadal, protagonista esta semana, non foi a única que fixo desfrutar aos nenos estes días, e así, o venres asistimos a un novo duelo entre bruxas e monstros. Logo de que as primeiras gañaran por unha mínima diferenza o concurso "Bruxas vs. Monstros", acadando unha maior puntuación cos seus libros, agora asistimos a un novo duelo entre estes dous grupos: debían actuar ante os seus compañeiros de curso (5º de Primaria), que serían os encargados de escoller o gañador votando a man alzada. Así, as bruxas leron o xa famoso libro ¿Cómo machacar monstruos? (Edaf), mentres que os monstros fixeron o propio con ¿Cómo machacar brujas? (Edaf). 





O resultado volveu ser axustadísimo e, aínda que as bruxas se impuxeron na primeira actuación, ante 5ºB, os monstros lograron máis votos ante 5ºA e 5ºC, polo que resultaron vencedores deste segundo duelo. 








E así, entre contos e contos, chegamos ao derradeiro día do trimestre, que finalizou con dúas das actividades máis divertidas do ano: o Recital de Vilancicos e o Concurso de Monólogos. Neste último resultou gañador Jesús Domínguez Blanco, de 3º ESO B.

Agora toca desfrutar do Nadal coa familia e os amigos. Moi pronto comeza o segundo trimestre, con novas actividades para todos, moitas das cales xa levamos semanas ensaiando. Obras de teatro, sesións de contacontos e até un xuízo ao Lobo Feroz están a agardar por nós no 2016.

No hay comentarios:

Publicar un comentario