lunes, 30 de mayo de 2016

UNHA MACEIRA, UN CAZO, UN NARIZ DE OURO E... CANTO TE QUERO, PROFE!

A pasada semana, como é habitual, desfrutamos na biblioteca de diversas sesións de contacontos, que nos serviron para comprender mellor o mundo que nos rodea, para entendernos mellor a nós mesmos e para viaxar até lugares aos que só a fantasía contida nos libros nos permite chegar. Unha das sesións de contacontos que máis nos gustou foi a que viviron os nenos de 5º de Inf. A e de 6º de Inf. A, e que estivo protagonizada por unha obra de Pinto & Chinto, titulada A maceira que daba calquera cousa menos mazás (Everest).



Esta obra, recén chegada á biblioteca, encantounos polas mensaxes positivas que transmite, animándonos, por exemplo, a confiar en nós mesmos e a crer nas nosas posibilidades naquilo que persigamos. Ademais, este libro lémbranos  algo moi importante: igual que as árbores e os seus froitos, as persoas medramos a un ritmo diferente, que non se debe forzar.



Estes dous grupos de Infantil tiveron a sorte de asistir a outra sesión, na que puideron escoitar El cazo de Lorenzo (Editorial Juventud), escrito pola francesa Isabelle Carrier e recomendado pola FEAPS (Confederación Española de Organizacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual). E de que trata esta obra? Pois o conto amósanos, mediante palabras sinxelas e unhas ilustracións cheas de tenrura, o día a día dun neno diferente: as súas dificultades, as súas calidades, os obstáculos que ten que afrontar... Estamos ante un fermoso conto metafórico que nos axuda a falar aos máis pequenos de aspectos como as diferenzas e a capacidade de superación.








Lucía Castiñeira Rial e Antía Pérez Viñas (6ºA), e Laura Varela Anido (6ºB) fixeron unha lectura dramatizada da obra, transmitindo perfectamente a mensaxe da historia.





Lucía, Antía e Laura fixérono tan ben diante dos nenos de Infantil, que os seus compañeiros de 6ºA non quixeron deixar pasar a ocasión de escoitalas:



Outro dos contos que nos acompañou estes días foi La vocecita (Kókinos), de Michael Scoffier, unha historia chea de humor que arrincou numerosas gargalladas entre os nenos de 5º de Inf. C que asistiron á súa lectura, e que nos permitiu responder a unha pregunta: que é a conciencia?



Aquí podedes ver os nenos en pleno debate, logo de escoitar o conto:




Cos nenos de 5º de Inf. B lemos un libro que chegou estes días á biblioteca, e que esperamos que faga pasar moi bos momentos aos nenos do Fogar: Nariz de ouro (OQO), escrito por Raquel Saiz e ilustrado por Juliana Bollini. Esta obra está protagonizada por un neno moi serio ao que non lle chista nada que lle chamen Eduardiño. Porén, na escola, todos lle chaman así e incluso se meten co seu enorme nariz. A verdade é que vivir cun nariz tan grande, polo que até tes que pagar dous asentos no autobús, non é nada sinxelo, aínda que Eduardo conta co apoio da súa nai, que todas as noites lle le O patiño feo. Eduardo xa sabe como acaba ese conto: co pato transormándose en cisne, mais, a quen lle importa non ser un cisne? Que ten de malo ser un pato?


Estamos perante un conto que nos amosa a importancia da autoestima no crecemento de toda persoa. E por esta razón, logo da lectura, conversamos cos pequenos acerca do importante que é que nos aceptemos tal como somos. Todos temos cousas que nos fan diferentes, especiais. E que aburrido sería o mundo se todos fosemos iguais!



O libro dos Porcos (Kalandraka), a xenial obra de Anthony Browne que nos vén acompañando desde hai varias semanas, serviunos un día máis para falar da importancia de repartir as tarefas da casa.


Nesta ocasión, foron os nenos de 6º de Inf. B quenes desfrutaron deste libro:




E a pasada semana tamén vivimos unha aventura apaixonante coa obra de Michael Rosen titulada Imos cazar un oso (Kalandraka), un fermoso álbum ilustrado por Helen Oxenbury.

Os pequenos de 6º Inf. C, ao igual que os protagonistas da obra, tamén saíron á caza dun oso, tal e como podedes ver nas fotos:









Logo desta aventura, chegou o momento de relaxarnos cunha obra que xa nos visitou a semana anterior, La máquina de los abrazos (Andana Editorial), de Scott Campbell, un libro que nos fala da importancia de expresar as nosas emocións e do inmenso poder dos abrazos.


Aquí tedes os nenos de 6º de Inf. C escoitando este conto atentamente:




Mais o momento máis emocionante da semana chegou cos nenos de 4ºC de Primaria, que quixeron amosar todo o cariño e o agradecemento que senten pola súa profe, Tina, léndolle Canto te quero, profe! (Edicións Embora), de Paloma Rodríguez.


Un tras outro, cada neno da clase foi lendo un fragmento do libro, até rematar cun berro moi merecido dirixido á súa mestra: Canto te quero, profe!








E esta fermosa homenaxe, que fixo saltar máis dunha bágoa, só podía rematar dun xeito: cun enorme abrazo colectivo dos alumnos á súa profe. Ese abrazo queremos mandarcho tamén nós, Tina, desde a biblioteca, por toda a xenerosidade, paciencia e amor cara aos alumnos que amosas en cada unha das actividades que realizamos.



E non queriamos acabar esta entrada sen facer mención a unha das moitas saídas que realizaron os alumnos do Fogar esta pasada semana, en concreto á visita que os pequenos de 1º de Primaria realizaron á Fundación ABANCA, na que puideron desfrutar de obras de artistas da talla de Picasso, Miró, María Blanchard ou Kandinsky.


Se queredes saber máis sobre esta saída, picade aquí.

E nos despedimos acabando xa o luns, día no que recibimos unha visita moi especial. Queredes saber de quen estamos a falar? Pois estade moi atentos á próxima entrada do blog, pois anunciamos que haberá sorpresas...



No hay comentarios:

Publicar un comentario