domingo, 5 de febrero de 2017

CONDENANDO O HOLOCAUSTO. CELEBRANDO A PAZ

Estes días celebráronse dúas datas moi importantes, o Día Internacional da Conmemoración do Holocausto (27 da xaneiro) e o Día da Paz e a Non Violencia (30 de xaneiro). Unha e outra foron protagonistas de varias das sesións que levamos a cabo na biblioteca. Unha delas permitiunos achegarnos a unha historia estremecedora e impactante, a de Erika, unha supervivente do meirande xenocidio do s.XX: a persecución xudía na Alemaña nazi. A historia de Erika (Kalandraka) busca algo moi importante: concienciar aos lectores xóvenes para que o horror que relata o libro nunca máis se repita.


A autora, Ruth Vander Zee, nos conta como de forma casual coñeceu a Erika, que lle contou a súa historia:
"Entre 1933 e 1945, mataron seis millóns dos meus. Moitos dun tiro. Moitos queimados
nos fornos crematorios, asfixiados nas cámaras de gas ou mortos de fame. A min non me mataron.
Nacín en 1944.
Non sei o día.
Non sei que nome me puxeron.
Nin sei en que cidade nin en que país vin ao mundo.
Tampouco sei se tiven irmáns.
O que sei é que cando apenas contaba cuns meses salváronme do Holocausto."

A través de frases breves, contundentes e evocadoras, asistimos ao drama do Holocausto, un drama que acabou coa vida da familia de Erika. Encerrados nun tren, camiño dun campo de exterminio, a nai de Erika tomou unha decisión dura, mais que logrou salvar da morte á súa filla:
"Ao pasar por unha vila, o tren ralentizou a marcha. Miña nai debeu ollar a través da xanela do vagón.
Coa axuda de meu pai, forzaría o arame de espiñas que cubría o oco
e debeu erguerme por riba da súa cabeza cara á tenue claridade.
O que pasou despois é o único que teño seguro.
Miña nai guindoume do tren.
Caín nunha mata de herba, xusto despois dun paso a nivel. A xente que estaba alí agardando
a que pasase o tren, viu como me chimpaban desde un vagón do gando.
No seu camiño cara á morte, a miña nai lanzoume á vida."

O horror que reflicte a obra vese acentuado polas ilustracións hiperrealistas que acompañan o texto, realizadas polo italiano Roberto Innocenti:




A esta obra se achegaron diferentes grupos, como os nenos e as nenas de 6ºA, que escoitaron a historia de Erika na boca de Ainhoa, Sofía e Rafa, compañeiros de clase. 






Outras obras coas que pretendemos reflexionar estes días acerca da paz e da non violencia foron Negros y blancos (Anaya), Flon Flon y Musina (SM), La bibliotecaria de Basora (Juventud), La escuela secreta de Nasreen (Juventud), O principio (Kalandraka), A fuxida (Biblos), Niños del mundo en peligro (Juventud)...

Negros y blancos é unha fermosa obra que data xa de 1978, recuperada nos últimos tempos por Anaya. A historia, escrita polo popular autor de literatura infantil David McKee, nos leva a un tempo no que os elefantes eran negros e brancos, e vivían enfrontados. A guerra entre eles non tardou en chegar, e durante moito tempo non se volveu ver ningún elefante sobre a Terra. Até que un día...





Os nenos e as nenas de 5ºInf. B desfrutaron con esta obra, que nos permitiu reflexionar acerca de temas como as relación sociais, a convivencia e a tolerancia.




Outra das historias que máis se escoitou na biblioteca estes días foi a de Flon-Flon y Musina (SM), escrita por Elzbieta. Nela nos atopamos con Flon-Flon e Musina, dous amigos que viven en lados opostos dun río. De maiores casarán un co outro, mais, un día chega a guerra e os separa. Cando a guerra remata conseguen encontrarse, vencendo os obstáculos.



Foron moitos os grupos que desfrutaron con esta obra, que nos demostrou que a amizade e o amor, cando son de verdade, resultan máis fortes que o peor dos horrores: a guerra.

Os pícaros de 5ºInf.B, escoitaron atentos a lectura realizada pola súa mestra Puri.

Isabel e Alba leron a obra para os seus compañeiros de 5ºB.

Pablo, Diego, Sofía, Rubén e Julieta dramatizaron a obra para os seus compañeiros de 4ºB.

La bibliotecaria de Basora (Juventud), escrita e ilustrada por Jeanette Winter, nos achegou a unha historia real acontecida en Irak: a de Alia Muhammad Baker, Directora da Biblioteca Central da cidade de Basora. Cando a guerra chegou á súa cidade, esta valente bibliotecaria loitou, coa axuda de amigos e veciños, por salvar un tesouro cultural: os libros da biblioteca. Xuntos conseguiron, finalmente, salvar o 70% da colección, antes de que a biblioteca fose destruída.







Olaia leu esta obra aos seus compañeiros de 4ºB de Primaria:




Este grupo, 4ºB, asistiu tamén á lectura doutra obra desta autora: La escuela secreta de Nasreen (Juventud), que nos traslada a Afganistán, onde a chegada dos talibáns trouxo a ese país un tempo de escuridade, especialmente para as mulleres, que viron seriamente atacados os seus dereitos e a súa liberdade. 






Muriel leu para os seus compañeiros de 4ºB un álbum que nos fai viaxar a un mundo, tristemente real, no que as mulleres non poden saír da súa casa sen ir acompañadas por un home da súa familia, ou no que as nenas teñen prohibido ir á escola.




Outra obra que nos fixo reflexionar sobre un tesouro como a paz, foi O principio (Kalandraka), un álbum escrito pola galega Paula Carballeira e ilustrado por Sonja Danowski, que nos amosa como a fortaleza, a imaxinación e a tenrura, nos achegan á esperanza, áinda no medio do drama, da precariedade e da destrución. 



As imaxes  da obra, impactantes, nos achegaron ao desastre, á destrución absoluta de casas e ciudades, e dun mundo que se veu abaixo. Porén, a mensaxe que nos deixou a lectura foi que, malia todo, a vida continúa, e os sorrisos volven xurdir, quizais máis fortes que antes. 





As nenas e os nenos de 5ºA escoitaron atentos a lectura desta obra, sobre a cal debatemos a continuación.




Outra obra que nos ocupou estes días, e que tamén nos deixou unha mensaxe de esperanza, foi A fuxida (Biblos), con texto de Berta Dávila e ilustracións de Inma Doval. Con ela asistimos a unha historia sobre a guerra, protagonizada por Nadia e a súa familia, que teñen que fuxir e deixar atrás o seu mundo. Esta historia é unha homenaxe aos que nunca se renden, aos que, cal ave Fénix, rexurden das cinzas e reconstrúen a súa vida nun novo lugar, pois o importante, o fundamental, é estaren xuntos.



Aquí vos deixamos unha pequena mostra das ilustracións que Inma Doval creou para a obra, e cuxo colorido encantou aos rapaces:








Aarón, Iker e Gabriel, caracterizados como as personaxes principais da obra, leron o libro para os seus compañeiros de 6ºC:





Niños del mundo en peligro (Juventud), de Donald Grant, foi outro dos libros no que nos detivemos estes días. Este álbum contén tres historias que nos contan a vida cotiá de catro nenos que viven en diferentes continentes, e que nos amosan as duras realidades que deben afrontar, nunhas infancias nas que xogar, ir á escola ou ter unha casa e unha familia, son tan só soños.





Erika, Iria e Katia, de 6ºA, nos leron unha das historias do libro, e con ela nos fixeron viaxar até África. Así nos achegaron á vida de Akara e a súa irmá Naomi, dúas personaxes que nos amosaron unha realidade á que se teñen que enfrontar cada día milleiros de nenos no mundo: fuxir da casa por mor da chegada da guerra.





A través destas lecturas intentamos reflexionar e debater sobre temas como o Holocausto, a paz,  a guerra, o respecto, a tolerancia, os dereitos humanos, etc. Todo isto non sería posible sen o traballo de todos os nenos e nenas dos diferentes grupos que preparastes as lecturas para traballalas cos vosos compañeiros. A todos vós: GRAZAS!



GuardarGuardar
GuardarGuardar

No hay comentarios:

Publicar un comentario