viernes, 24 de febrero de 2017

E POR FIN CHEGOU O ENTROIDO!

Como podedes ver, estes días no Fogar estivemos a respirar aires de Entroido. Así, pola biblioteca pasaron, por exemplo, uns Elmer de 5ºInf. espectaculares:





Ou unhas cociñeiras de primeira, como Alba e Laura, de 5ºC.



E incluso se achegou o terrible Pelostortos, protagonista dun libro que descubrimos este trimestre e que nos encantou:



E tamén recibimos a visita de nais e pais que nos viñeron falar, precisamente, da época que estamos a vivir estes días: o Entroido.  Nestes encontros, divertímonos, por exemplo, escoitando a Natalia e a Rebeca, que nos falaron de como se celebran estas festas por zonas como Verín, e nos achegaron a figuras tan emblemáticas destas datas como os peliqueiros ou os cigarróns.



Aquí podedes ver a Natalia e ao seu fillo Juan lendo Ricitos de Oso (Juventud) ante os compañeiros de 6ºInf.A. Os pícaros desfrutaron enormemente escoitando este conto, moi relacionado con estes días, de boca dunha parella de contacontos excepcional.




E logo deste contacontos, Natalia falounos dos peliqueiros, dos cigarróns, das máscaras..., e achegounos a un Entroido que para moitos era descoñecido. E tras escoitala: a colorear!







Aquí vos deixamos tamén unhas fotos do encontro de Natalia con 2ºC de Primaria, grupo ao que pertence o seu fillo Pedro. Natalia, desde aquí queremos agradecerche toda a amabilidade e a paciencia que amosaches nestes dous encontros, respondendo sempre cun sorriso as mil e unha preguntas que che realizaron os pícaros.




Rebeca, nai de Uxía, alumna de 6ºB, tamén nos visitou para achegarnos ao Entroido ourensán de zonas como Laza ou Allariz. Todos permanecemos moi atentos ao que nos contou esta mamá, que coa súa amabilidade e o seu bo humor conseguiu captar toda a nosa atención desde o primeiro minuto.




E que imos dicir de Neli? Unha nai que só podemos definir cunha palabra: alegría. Neli pasou pola biblioteca para falarnos do Entroido da súa infancia, en Arteixo. Con ela viaxamos a uns anos nos que os disfraces non se mercaban nos centros comerciais, senón que se "amañaban" con tesouros que se atopaban no rocho. Unha vella chaqueta do avó ou uns pantalóns hai tempo esquecidos nunha caixa de cartón podían servir para confeccionar o máis divertido disfrace. Os nenos e as nenas de 6ºC de Primaria pasárono en grande con esta mamá xenial. Entre os que máis desfrutaron escoitando a Neli estivo, sen dúbida, o seu fillo Aarón.





Miguel, pai de Claudia, tamén nos visitou para regalarnos un contacontos enormemente divertido, no que falamos de bicos, de sentimentos e de cariño, a través do álbum Un beso antes de desayunar (Lóguez), de Raquel Díaz Reguera. Ademais, Miguel tamén nos falou de como era o seu Carnaval. Os pícaros de 2ºA de Primaria riron a cachón con este papá que leva como carta de presentación un enorme sorriso.





Natalia, Rebeca, Neli e Miguel, desde aquí queremos darvos as grazas por regalarnos o voso tempo, por ensinarnos tanto e por facérnolo pasar tan ben. Cada un  de vós xa tedes nas vosas mans o diploma que vos acredita como contacontos oficiais do Fogar e, sobre todo, como mamás e papás xeniais.



E como logo de tanto conto e tanto esforzo elaborando os disfraces nos entrou algo de fame, nada mellor que rematar a tarde de hoxe cunha boa merenda a base de filloas, orellas e roscas, alimentos tan típicos destas festas:







E con Raquel, Sofía, Marta e Alba nos despedimos desexándovos un Entroido cheo de alegría.






No hay comentarios:

Publicar un comentario