Estes días desfrutamos de contos, falamos de igualdade, abrimos o noso corazón e até viaxamos ao espazo cos nenos de 6º de Infantil:
O alumnado de 6º de Infantil anda a estudar o maravilloso mundo dos planetas, dos satélites, das galaxias e das estrelas. Para afondar no tema, a semana que vén visitarán o Planetario. Na biblioteca quixemos axudalos a achegarse á astronomía e, para iso, ninguén mellor que alumnos de 5º e 6º de Primaria, que xa son uns auténticos expertos no tema. Ángel, Daniel, Sara e Paula, de 6ºB, e Martín e Víctor, de 5ºC, foron os encargados de explicar aos pícaros que é iso da Vía Láctea, que é un planeta... Para iso axudáronse dunha das novidades acabadas de chegar á biblioteca: o Atlas del espacio (SM), de Richard Ferguson.
E logo de escoitar o que nos contaban os nosos astrónomos particulares, puxémonos a construír uns bonitos foguetes espaciais:
Como puidestes ver na primeira foto, así de chulos nos quedaron:
Outro dos instantes máis fermosos destes días tróuxonolo a visita de 5ºInf. B, que pasou pola biblioteca para desfrutar dun maratón de contos no que dúas das nosas irmás favoritas, Carla (que actuou de contacontos) e Rebeca, nos deixaron esta preciosa imaxe.
Os nenos de 5ºInf. B gozaron cunha parella de contacontos extraordinaria, formada por Edu e Carla, de 4ºA. Edu e Carla comezaron léndolles unha obra enormemente graciosa: Ábreme con mucho cuidado (Bruño), escrita por Nick Bromley e ilustrada por Nicola O'' Byrne. Nela, o famoso conto O patiño feo, vese repentinamente interrompido pola aparición dun crocodilo algo falcatrueiro, que se divirte comendo as letras do libro, e mesmo palabras e frases enteiras...
Edu e Carla tamén nos leron un relato escrito e ilustrado por eles mesmos: El muchacho y la bruja buena.
E, por último, nos fixeron desfrutar cunha edición artesanal, creada no propio Fogar, dun clásico da literatura infantil: Elmer, de David McKee.
Entre as novidades que nos chegaron nos últimos días está Un agasallo diferente (Kalandraka), unha obra con texto de Marta Azcona e ilustracións de Rosa Osuna. A través da historia que se nos conta aquí, lembramos cos pícaros de 6ºInf. C o poder da imaxinación, un arma tan forte que fai que, nas mans dun neno, calquera cousa se poida converter nun tesouro e nunha fonte de diversión.
O noso grupo de teatro de 1º da ESO, formado por Andrea, Iván, Carla, Antón, Fernando, Fran, Sandra e Izan, volveu poñer en escena a súa dramatización de Ricitos de oso (Juventud), de Stéphane Servant e Laetitia Le Saux; unha obra que, a través do humor, pretende facernos reflexionar sobre as convencións sociais e os xéneros establecidos. Nesta ocasión, foron os alumnos de 6ºInf. A os que pudieron gozar con este grupo de actrices e actores xeniais.
Se liñas atrás vos amosabamos a nosa viaxe destes días polo espazo, tamén vos deixamos aquí a outra gran viaxe da semana, neste caso polo mundo das emocións, grazas a Así es mi corazón (Bruño), de Jo Witek e Christine Roussey. Esta obra, que Candela, Noa, Alba e Inés (5ºC) leron aos nenos e ás nenas de 2ºA, permitiunos conversar sobre a alegría, a tristeza, a calma, o medo...
Outra das obras que máis gustou aos pícaros estes días foi A Caixa Máxica (Baía), de Teresa Sabaté e Carme Solá. Paula Botana, Paula Tieso, Nerea García, Nerea Sánchez e Uxía, de 3ºB de Primaria, foron as encargadas de contar aos seus compañeiros de grupo unha historia que nos levou até un lugar no que os nenos e as nenas se portaban tan mal que seus pais pediron axuda a través dos xornais. Entón, chegou ao lugar unha estraña muller cunha caixa máxica e comezaron a pasar moitas cousas...
Como despedida aquí vos deixamos dúas das obras coas que andamos a traballar: Unha feliz catástrofe e Rosa Caramelo, ambas con texto de Ana Turin e ilustracións de Nella Bosnia, e publicadas en galego por Kalandraka. Obras como estas, que reivindican a igualdade de xéneros e poñen en valor o papel da muller dentro da sociedade, ocupan un lugar destacado no día a día da biblioteca ao longo de todo o curso. Porén, este mes, no que o pasado día oito se conmemorou o Día da Muller, terán especial protagonismo.
Un dos grupos que xa desfrutou de Unha feliz catástrofe foi 5ºInf.A:
O alumnado de 5ºInf.C, pola súa banda, tivo a sorte de asistir á lectura de Rosa Caramelo de boca de dúas contacontos de 5ºC: Daniela e Sara.
No hay comentarios:
Publicar un comentario