martes, 25 de julio de 2017

OS LIBROS MÁIS LIDOS DO CURSO 2016-2017 (2ª PARTE)

E logo de ver cales foron os libros máis prestados na biblioteca nos niveis de Infantil e Primaria, aquí tedes os máis lidos en ESO, FP e Bacharelato ao longo do curso 2016-2017.



10. Despierta (Beth Revis): entre as lecturas que máis gustaron este curso aos "maiores" figura Despierta, o primeiro volume de Across the universe, a saga de ciencia ficción creada pola autora estadounidense Beth Revis e publicada por SM. Aqueles que vos mergullastes nas páxinas desta apaixonante saga puidestes desfrutar cunha historia que nos sitúa a bordo da nave Fortuna, na que un grupo de elixidos viaxan, crioxenizados, co obxectivo de chegar a un novo planeta e convertilo en habitable para o ser humano. Segundo os cálculos, tardarán 300 anos en acadar o seu destino. Porén, algo non sae como estaba previsto, e Amy, unha rapaza de dezasete anos esperta do seu letargo cincuenta anos antes do agardado. Pronto descobre que o que semellaba un erro informático non é tal, senón un intento de acabar coa súa vida.



9. Ana Frank. La biografía gráfica (Sid Jacobson e Ernie Colón): Norma Editorial nos presenta en formato gráfico a historia de Ana Frank, unha moza que tivo que vivir oculta xunto coa súa familia durante a ocupación nazi. O diario que escribiu neses días terribles é, hoxe, un emotivo testemuño da persecución sufrida polos xudeus nos anos da II Guerra Mundial. Esta historia, como comprobamos este curso, segue a impactar aos lectores que se achegan a ela.







8. Crónicas de la Torre 1. El Valle de los Lobos (Laura Gallego): un curso máis volveron situarse entre as obras máis prestadas as pertencentes a esta saga fantástica publicada por SM e protagonizada por Dana, unha moza nacida para facer grandes cousas no mundo da maxia, e por Kai, o seu amigo, o seu confidente, o seu protector..., co que xurdirá unha relación moi especial. Esta serie, creada por Laura Gallego, nos leva a un mundo habitado por seres máxicos e criaturas sobrenaturais, que engancha ao lector desde a primeira páxina. Calquera dos catro volumes da saga poderían incluirse nesta listaxe. Vos deixamos aquí a portada o primeiro volume.


7. El niño con el pijama de rayas (John Boyne): se liñas atrás falabamos de Ana Frank. La biografía gráfica como un dos libros máis prestados deste curso, outra lectura que nos volve achegar á barbarie do nacismo e do Holocausto, e que foi outra das obras máis demandadas polo alumnado, é El niño con el pijama de rayas, publicada en castelán por Salamandra. A viaxe até o campo de exterminio de Auschwitz, da man de dous nenos como Bruno, fillo dun oficial naci, e de Shmuel, un pequeno xudeu encerrado no campo de concentración, non deixa indiferente a ninguén.





6. Memorias de Idhún (Laura Gallego): a saga máis prestada entre os "maiores" no curso 2015-2016, continuou entre as máis demandadas neste curso que acaba de rematar. A coñecida serie de literatura fantástica creada por Laura Gallego e publicada por SM, levou os lectores que se mergullaron nela até mundos como a Terra, Limbhad e, por suposto, Idhún, o mundo dos tres soles e das tres lúas. Resulta imposible non vibrar con Jack, con Victoria e cos demais na maior aventura das súas vidas, nunha loita por salvar os idhunitas do goberno de Ashran o Nigromante e os sheks, as terribles serpes aladas.



5. Apocalipse Z. O comezo da fin (Manuel Loureiro): outra saga ocupa un importante lugar entre os máis prestados deste ano na nosa biblioteca; Apocalipse Z. O comezo da fin, primeiro título da serie, preséntanos unha historia postapocalíptica na que un incidente nun afastado país do Cáucaso provoca unha epidemia devastadora que ameaza con aniquilar a toda a humanidade. A historia ponnos na pel dun avogado pontevedrés que levaba unha vida tranquila e rutineira. A través dos seus ollos vemos como a enfermidade se achega devorando país tras país e como o caos comeza a extenderse tamén pola Galiza. Unha novela de terror zombi de grande éxito mundial e cuxa saga podedes atopar nas nosas estanterías.



4. Un monstruo viene a verme (Patrick Ness): esta novela, galardoada coa prestixiosa medalla Carnegie, preséntanos unha emocionante historia sobre un neno chamado Conor, a súa nai enferma e un monstro que vén a visitalo. A narración comeza cando, despois da medianoite un monstro aparece na súa ventá. Este non é o monstro que el esperaba, o dos seus pesadelos, senón un monstro diferente, antigo e salvaxe, que quere de Conor algo terrible e perigoso, a verdade. Divertida e conmovedora, Un monstruo viene a verme fala da dificultade á hora de asimilar a perda dun ser querido e da fraxilidade da vida. Unha novela para todos os  públicos pola dureza dos seus temas e a franqueza na maneira de tratalos.


3. Spirit Animals (Brandon Mull): esta saga de literatura fantástica, publicada por SM, foi, sen dúbida, un dos grandes descobrimentos do curso para os "maiores". Os catro primeiros títulos da serie, que figuran entre os fondos da nosa biblioteca, foron das obras máis demandadas polo alumnado desde a súa chegada. Todos aqueles que se mergullaron na súa lectura puideron desfrutar dunha historia ambientada no imaxinario mundo de Erdas, onde catro rapaces de once anos descobren que os seus espíritos están ligados a catro magníficas bestas lendarias: lobo, leopardo, panda e falcón. Xuntos, deberán loitar contra unha escura forza chegada do pasado. Deles dependerá o destino de cada un e o do propio mundo de Erdas.



2. Mujeres (Isabel Ruiz Ruiz): curso tras curso, un dos nosos obxectivos é prestixiar o papel da muller dentro da sociedade. Nesta niña, tratamos de achegar o noso alumnado a grandes mulleres cuxa achega en campos tan diversos como a ciencia, a literatura ou os dereitos humanos, foi moitas veces tan grande como pouco recoñecida. Este mesmo obxectivo, achegar os mozos a mulleres que merecen o seu lugar na historia, é o que persegue o álbum ilustrado Mujeres, que nos presenta dezaoito figuras femininas da talla de Marie Curie , Rosa Parks ou Frida Kahlo. Se temos en conta a nosa preocupación por traballar neste eido, supón unha enorme satisfacción que o segundo libro máis lido entre os "maiores" sexa esta obra de Isabel Ruiz Ruiz.


1. Cartas de inverno (Agustín Fernández Paz): esta foi a obra máis prestada este ano ao longo do curso. Nela, o autor máis valorado da LIX en galego, que dá nome á nosa biblioteca, preséntanos unha novela apaixonante, na que o medo e o misterio manteñen a tensión até o final, facendo o lector partícipe da agonía que transmite a historia. Nela atopamos o escritor Xabier Louzao, que logo dunha longa estadía en Québec, volve a Galiza e encontra unhas cartas que o seu amigo Adrián lle escribira na súa ausencia. Nestas, iremos descubrindo os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Mais alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a terribles misterios...









No hay comentarios:

Publicar un comentario