10. Océanos e mares (Nicola Davies): esta fermosa obra, publicada en galego por Baía Edicións, nos achega ao mundo das profundidades mariñas, dos grandes océanos..., a través de impactantes imaxes como a da portada. Este libro foi un dos máis prestados este curso, e tivo especial éxito entre o alumnado de 3º e 4º de Primaria. Á mesma colección pertencen outros títulos, como Aves, Insectos, Baleas e golfiños ou Casas de animais, todos eles presentes na biblioteca.
9. Fantasmas no corredor (Agustín Fernández Paz): entre a listaxe de obras máis prestadas este curso tamén se sitúa esta dun autor moi especial para nós, o xenial Agustín Fernández Paz, antigo profesor do Fogar, que dá nome á nosa/vosa biblioteca. Este libro, publicado por Xerais, achéganos a un dos grandes medos que nos atacan a todos cando nenos: a escuridade. Nel, Mariña, a protagonista, múdase coa súa familia a unha nova casa, na que pronto descobre que o corredor está cheo de pantasmas. O humor, moi presente nesta historia, amosarase como o mellor remedio contra calquera medo.
8. Biblioburro (Jeanette Winter): temos que dicir que nos encanta que este libro, publicado por Editorial Juventud, fose un dos máis prestados este ano, pois nos demostra a admiración que os nosos alumnos senten pola solidariedade, pola xenerosidade e polo amor polos demais. E é que esta historia non é outra cousa que iso: solidariedade, xenerosidade e amor. Como ben podemos ler na portada, trátase dunha historia real, acontecida en Colombia, e que nos fala de Luis, un mestre que un bo día decidiu que, coa axuda dos seus dous burros, Alfa e Beto, ía levar libros ás persoas das zonas rurais máis afastadas, que non teñen acceso a eles. Desde ese momento, Luis percorre o país coa súa biblioteca ambulante.
7. A praia da esperanza (Agustín Fernández Paz): outra obra de Agustín Fernández Paz que se encontra entre as máis prestadas este curso. Trátase dun libro de Xerais, escrito durante os meses en que Galicia viviu a catástrofe do Prestige, e que, a través dun relato no que se mesturan fantasía e realidade, nos lembra a intensa resposta social que se produciu naquel inverno.
6. Cuentos en verso para niños perversos (Roald Dahl): entre os libros máis prestados non podía faltar un autor como Roald Dahl, que cada curso consegue facer desfrutar os nenos do Fogar con obras como Matilda ou As bruxas. Este curso, tivo especial éxito unha das súas obras máis divertidas, Cuentos en verso para niños perversos, publicada por loqueleo (antes Alfaguara). A esta obra lle dedicamos todo un mes na biblioteca, tempo durante o cal alumnos de 6º de Primaria dramatizaron para diferentes grupos as hilarantes versións que Roald Dahl creou dos contos clásicos para este libro.
5. La aventura de los Balbuena en el lejano Oeste (Roberto Santiago): este libro, pertencente a Los Forasteros del Tiempo, a nova serie de Roberto Santiago, autor e ilustrador doutra das series de máis éxito dos últimos tempos, Los Futbolísimos, foi unha das novidades chegadas este curso á biblioteca. Desde o primeiro día se converteu nun dos títulos máis demandados polo alumnado de Primaria. Todos aqueles que queirades desfrutar desta serie de aventuras e viaxes no tempo publicada por SM, non dubidedes en pasar pola biblioteca á volta das vacacións de verán. Alí atoparedes todos os títulos da colección.
4. Monstruo rosa (Olga de Dios): este fermoso álbum creado por Olga de Dios e publicado por Apila Ediciones namorou os pequenos e grandes lectores do Fogar desde que chegou á biblioteca, cunha historia que nos amosa o valor da diferenza, e nos ensina a entender a diversidade como un elemento enriquecedor da nosa sociedade. Traducido xa a idiomas como o euskera, o portugués, o francés, o chinés, o xaponés ou o coreano, acadou importantes premios en moi diversos países: Francia, Estados Unidos, Colombia, México, Brasil...
3. Malala / Iqbal (Jeanette Winter): este álbum publicado por Editorial Juventud e creado por Jeanette Winter, autora tamén doutra das obras presentes nesta listaxe, Biblioburro, impactou os alumnos do Fogar, con duas historias reais, cheas de valentía, protagonizadas por dous nenos paquistanís, Malala e Iqbal, que denunciaron a inxustiza no seu mundo. Primeiro foi Iqbal Masih, quen denunciou a escravitude infantil nas fábricas de alfombras de Paquistán. Logo, Malala Yousafzai defendeu o dereito das nenas a iren á escola.
2. Amelia Earhart (Mariadiamantes e Mª Isabel Sánchez Vegara): se houbo unha colección que engaiolou as nenas e os nenos do Fogar este curso, esta foi Pequeña Y GRANDE, de Alba Editorial, unha serie que pretende poñer en valor o papel da muller na sociedade. Para iso nos achega a grandes figuras femininas da historia, desde científicas como Marie Curie, até escritoras como Agatha Christie ou artistas como Ella Fitzgerald, Frida Kahlo ou Audrey Hepburn. Todos os títulos da colección están presentes na biblioteca, polo que animamos a aqueles que aínda non desfrutastes desta fermosa e impactante colección, a mergullarvos na súa lectura o curso que vén. Entre os títulos da serie, tivo especial éxito entre o alumnado o dedicado a unha muller valente e aventureira, a aviadora norteamericana Amelia Earhart.
1. Guapa (Canizales): Guapa foi a obra máis prestada este curso desde a biblioteca; un libro publicado, ao igual que Monstruo rosa (tamén presente nesta listaxe) por unha das nosas editoriais favoritas: Apila Ediciones, unha editorial especializada no álbum infantil, nacida no 2007 no seo da Escuela de Arte de Zaragoza, e que está a apostar moi forte por autores e ilustradores que están a iniciar a súa carreira, como é o caso do creador desta obra: Canizales. Este fermoso e divertido álbum conquistou os pícaros do Fogar cunha historia protagonizada por unha bruxa e un ogro, que nos lembra que debemos ser fieis a nós mesmos, e non deixarnos levar polos comentarios dos outros. E é que todos somos especiais e fermosos tal e como somos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario