miércoles, 20 de mayo de 2026

RECIBIMOS A VISITA DA ASOCIACIÓN PÁRKINSON GALICIA-CORUÑA

Esta mañá tivemos o enorme pracer de recibir a visita da Asociación Párkinson Galicia-Coruña, cuxos membros mantiveron un encontro co alumnado de 6º de Primaria para achegarlles, dunha maneira práctica e vivencial, a realidade das persoas que padecen esta doenza.

Ao longo da actividade, os nenos e as nenas participaron en diferentes probas e dinámicas coas que puideron experimentar no seu propio corpo algunhas das dificultades ás que se enfrontan os pacientes desta enfermidade no seu día a día: a perda de mobilidade, a dificultade para realizar movementos precisos ou a sensación de tremor e rixidez.




A experiencia resultou moi enriquecedora e emotiva, xa que permitiu ao alumnado desenvolver a empatía, comprender mellor esta enfermidade neurodexenerativa e valorar a importancia do apoio, da investigación e da inclusión social.



Desde a biblioteca queremos agradecer á asociación a súa visita e a cercanía coa que compartiron as súas experiencias e coñecementos. Sen dúbida, foi unha actividade que deixou pegada en todos nós.







Todos aqueles que desexedes coñecer algo máis sobre a Asociación Párkinson Galicia-Coruña, non tedes máis que picar aquí.