domingo, 7 de febrero de 2016

FUXIMOS DUNHA GUERRA, VISITAMOS NOVA YORK E SAN FRANCISCO E... CHEGAMOS AO ENTROIDO!

Estes días puidemos desfrutar na biblioteca de diversas sesións de contacontos, como a que Silvia Cruzado Caamaño e Sara Paz Añón, alumnas de 4ºA de Primaria, ofreceron aos nenos de 4º de Inf. B. Silvia e Sara fixeron gozar aos pequenos co libro Diez amigos (Imaginarium), escrito por Inés Rosales e ilustrado por Elena Odriozola, co que entre todos repasamos os números e coñecemos diferentes animais.





Pola súa banda, os grupos A e C de 4º de Inf. asistiron á representación dunha adaptación teatral realizada por Noelia Ares Vázquez, Isabel García López e Alba Soutullo Ogea (alumnas de 4ºA de Primaria), arredor da obra Teño unha avoa diferente ás demais (Fundación La Caixa), de Mercé Aránega. Por medio desta actividade achegámonos, dunha forma tan divertida como educativa, a unha realidade tristemente moi presente na nosa sociedade, como é o alzhéimer.




Tamén os pícaros de 6º de Inf. A viviron diferentes sesións de contacontos estes días. Nelas achegámonos a obras tan divertidas como A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza (Kalandraka), escrita por Werner Holzwarth e ilustrada por Wolf Erlbruch.



Aquí vos deixamos unha canción sobre este conto xenial na voz non menos xenial de Manuel R. Crespo:



El lobito sentimental (Editorial Corimbo), de Geoffroy de Pennart, e El pez Arcoiris vuelve a casa (Beascoa), de Marcus Pfister, son outras das obras que puidemos desfrutar con nenos de 6 de Inf. A. Aquí vos queda algunha foto destes momentos:




Hilderita e Maximiliano (Kalandraka),escrita e ilustrada por Fernando Krahn, é a fermosa historia de dúas xoaniñas que, logo de se coñeceren na copa dun chapeu de copa, ficaron namoradas. Por esta razón, un bo día decidiron casar e comezaron unha viaxe voando polos aires. O destino? A lúa... Estes días foron os alumnos de 6º de Inf. B quenes desfrutaron desta historia de amor.


Os encargados de achegarnos a este conto foron Mateo Casal Guerra e Alexandre Andrei Chira, ambos de 4ºB de primaria. Mateo puido así contarlle un conto á súa irmá Candela.



Cos nenos de 6º de Inf. B tamén lembramos que compartir é desfrutar en compañía, grazas á historia de Sally Anne Garland titulada ¡Mío! No siempre es fácil compartir (Miau).



Aquí podedes ver os nenos moi atentos á lectura:



Ademais, nestes días fomos novamente de viaxe, desta vez a Nova York e a San Francisco. Até alí viaxamos cos nenos de 5º de Infantil grazas a dúas obras de Ashley Evanson, autora que xa nos levou en semanas anteriores até cidades como París e Londres. Laura Mella Ramírez e Alicia Pontide García, alumnas de 2º ESO C, foron as encargadas de guiarnos por Nova York, grazas a unha divertida sesión de contacontos en inglés desenvolvida arredor de New York. A book of colours (Grosset and Dunlap). 



A Estatua da Liberdade, o Empire State Building, Central Park ou a Ponte de Brooklyn foron algúns dos recunchos que visitamos con Laura e Alicia, á vez que repasabamos as cores.



Pola súa banda, Iago Rodríguez Lodeiro e Miguel Rodríguez Rial, alumnos de 2º ESO A, foron os nosos guías por San Francisco, grazas á obra San Francisco. A book of numbers (Grosset and Dunlap), coa que repasamos os números ao tempo que coñecemos algunhas das marabillas desta fermosa cidade, como a ponte Golden Gate ou os seus característicos tranvías.


Os nenos pasárono xenial con estes dous contacontos de primeira:




Mais como non todo van ser viaxes, tamén nos achegamos cos pícaros de 5º de Inf. a Un pesadelo no meu armario (Kalandraka), de Mercer Mayer, un clásico da Literatura Infantil que nos ensina a espantar eses pesadelos que nos invaden certas noites.



Icía Varela Gómez, alumna de 4º ESO A, foi a envargada de ler este conto a un dos grupos, 5º de Inf. C :



Nestes días tamén rematamos a lectura dunha obra que nos leva acompañando desde hai varias semanas: A fuxida (Biblos), escrita por Berta Dávila e ilustrada por Inma Doval. Con este conto tamén os nenos de 6º de Inf. C puideron achegarse a un tema tristemente moi de actualidade como é o dos desprazados pola guerra.



Os nenos seguiron atentos a lectura da obra e respiraron aliviados ao escoitar o final, no que Nadia e a súa familia, xa a salvo, se dispoñen a comezar xuntos unha nova vida.





Os nenos de 6º de Inf. C desfrutaron tamén nestes días con Bóla de manteiga (OQO), unha adaptación realizada por Ana Manteiga dun conto popular noruegués, magnificamente ilustrada por Iván Suárez.



Os nenos escoitaron con atención esta historia protagonizada por un neno comellón que pasaba o día a xogar, e a cuxa porta petou un día unha bruxa cun saco, que viña coa intención de levalo...




E con esta lectura rematamos uns días nos que a biblioteca ficou invadida por unha lexión de divertidísimos minions, pola xenial Mércores Adams, por piratas, paiasos, bruxas, fadas, vaqueiras...





domingo, 31 de enero de 2016

UN FEBREIRO DE CONCURSOS

Desde o blog convidámosvos a participar en dous concursos que xa comezaron hai uns días e que se prolongarán até o 19 de febreiro. Un deles é o tradicional concurso de relatos, este ano titulado Relatos Fantásticos. Todos aqueles que vos animedes a participar nel deberedes elaborar un relato de temática fantástica que teña unha extensión dunhas 25 liñas. Aqueles textos escritos a ordenador deberán ir en letra Arial 11. Neste concurso poderedes participar todos os alumnos de Primaria, Secundaria, F.P. e Bacharelato. Animádevos!



Mais os concursos non rematan aquí! Tamén vos convidamos a participar nun concurso de fotografía que este ano leva por título Un recuncho para o meu libro. Partindo deste tema, propoñémosvos que nos enviedes unha foto na que saia o voso libro favorito situado nun lugar que sexa un dos vosos rincóns habituais de lectura ou ben nun lugar no que vos gustaría ler relaxadamente. As fotos que presentedes deberán ser orixinais e teredes que envialas ao correo do Plan Lector: ofogardoslibros@gmail.com, indicando o voso nome e a vosa clase. Neste concurso poderedes participar todos os alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria, de Secundaria, de F.P. e de Bacharelato.


Tanto os relatos como as fotos poderanse enviar até o día 19 de febreiro.

miércoles, 27 de enero de 2016

A HISTORIA DE ERIKA

Hoxe, 27 de xaneiro, data na que se celebrou o "Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto", queremos recomendarvos unha lectura: A historia de Erika, con texto de Ruth Vander Zee e ilustracións de Roberto Innocenti, publicada en galego pola editorial Kalandraka.








"Nacín en 1944. Non sei o día. Non sei que nome me puxeron. Non sei en que cidade nin en que país vin ao mundo. Tampouco sei se tiven irmáns. O que sei é que cando a penas contaba cuns meses salváronme do Holocausto..."

Esta obra sitúanos ante unha historia estremecedora e impactante, a de Erika, unha muller marcada polo seu pasado, o dunha supervivente do maior xenocidio cometido no século XX, e que hoxe, moitos anos despois da liberación do campo de exterminio de Auschwitz, nos serve para concienciar aos novos lectores dunha traxedia que nunca debe repetirse.

domingo, 24 de enero de 2016

WELCOME TO LONDON AND PARIS...

Esta semana na que visitamos a Torre Eiffel e o Big Ben comezou cun luns no que desfrutamos cos nenos de 4º de Inf. da obra de Rascal e Rita Van Bilsen titulada Señorita Pluma (Kalandraka), unha historia chea de tenrura protagonizada por unha nena e un oso moi especiais. Os pequenos de 4º de Inf. B tiveron o pracer de escoitar este conto na boca de Adriana Otero Gómez e de Icía Gómez Betancur, alumnas de 4ºA de Primaria.



Adriana repetiu como contacontos nas outras dúas sesións da xornada, nas que os alumnos dos grupos A e C de 4ºde Inf. asistiron tamén á lectura de Señorita Pluma. Nestas dúas sesións, Icía leu o conto xunto coa súa compañeira de clase Helena Blanco Rodríguez.





E para todos aqueles que aínda non lestes Señorita Pluma, a obra está a agardar por vós na biblioteca.



Xa na xornada do martes volvemos recibir a visita dun monstro moi entrañable: Monstruo Rosa (Apila Ediciones), de Olga de Dios, co que Cristina Mouriño Domínguez (4ºESO A) lles lembrou aos nenos de 6º de Inf. A o valor da diferencia e a importancia de encontrar o noso lugar no mundo.


Os nenos desfrutaron enormemente tanto da lectura da obra como da posterior conversa á que Cristina os animou coa fin de reflexionar sobre algúns aspectos do conto.




O martes continuou coa obra de María Canosa e Dani Padrón titulada Papá, que son os sorrisos? (Galebook), coa que lembramos cos nenos de 6º de Inf. B a importancia do  respecto á natureza.



O mércores continuamos coa lectura de A fuxida (Biblos), obra escrita pola galega Berta Dávila e ilustrada pola tamén galega Inma Doval, coa que nos achegamos a un tema tan de actualidade: os desprazados pola guerra. Se a semana pasada foron os alumnos de 2ºB e 3ºB de Primaria quenes desfrutaron con este libro, nesta ocasión tocoulles aos nenos de 2ºC e 4ºC mergullarse na historia de Nadia e da súa familia, a cal nos permitiu debater acerca da guerra e a violencia e reflexionar sobre todo o que cada un de nós, no noso día a día, podemos facer para evitar estes males.

Mais esta semana non só viaxamos á guerra, senón que tamén nos dedicamos a actividades máis agradables, como a visitar dúas cidades tan fermosas como París e Londres. Até alí viaxamos cos nenos de 5º de Infantil a través de dúas sesións de contacontos en inglés desenvolvidas arredor de dous libros creados por Ashley Evanson e publicados pola editorial Grosset and Dunlap: Paris. A book of shapes e London. A book of opposites



Até París viaxamos da man de Alicia Abella Senra e de Agustina Ferreira Díaz, alumnas de 2º ESO B, que nos guiaron por lugares tan representativos da cidade como a Torre Eiffel, o Museo do Louvre ou a Catedral de Notre-Dame:



Diego Ferreiro García e Laura González Santos, tamén de 2ºESO B, foron os encargados de levarnos até Londres, e de achegarnos a algúns dos aspectos máis característicos da cidade, como os autobuses de dous pisos, a hora do té ou as peculiares cabinas telefónicas.



E a semana rematou achegándonos a O segredo de Flora (Edicións Embora), de Paloma Rodríguez. Nesta obra encontrámonos con Flora, unha nena cun grave problema: ás veces sente unhas ganas tremendas de berrar, de morder, de pegar, de dar patadas e de empurrar, mais cando o fai o alivio é só momentaneo, pois os seus amigos choran, os seus pais enfádanse... Flora non está contenta, polo que procura unha maneira de controlar esa rabia que a invade.


Os nenos de 6º de Inf. C escoitaron a lectura desta obra na voz de Gaia Perfini Benoit e de Sara Fernández Cedeira, alumnas de 4ºB de Primaria:




E nuns minutos comezamos xa outra nova semana, na que volveremos tomar o avión, esta vez para viaxar até os Estados Unidos, onde visitaremos New York e San Francisco.