domingo, 7 de febrero de 2016

FUXIMOS DUNHA GUERRA, VISITAMOS NOVA YORK E SAN FRANCISCO E... CHEGAMOS AO ENTROIDO!

Estes días puidemos desfrutar na biblioteca de diversas sesións de contacontos, como a que Silvia Cruzado Caamaño e Sara Paz Añón, alumnas de 4ºA de Primaria, ofreceron aos nenos de 4º de Inf. B. Silvia e Sara fixeron gozar aos pequenos co libro Diez amigos (Imaginarium), escrito por Inés Rosales e ilustrado por Elena Odriozola, co que entre todos repasamos os números e coñecemos diferentes animais.





Pola súa banda, os grupos A e C de 4º de Inf. asistiron á representación dunha adaptación teatral realizada por Noelia Ares Vázquez, Isabel García López e Alba Soutullo Ogea (alumnas de 4ºA de Primaria), arredor da obra Teño unha avoa diferente ás demais (Fundación La Caixa), de Mercé Aránega. Por medio desta actividade achegámonos, dunha forma tan divertida como educativa, a unha realidade tristemente moi presente na nosa sociedade, como é o alzhéimer.




Tamén os pícaros de 6º de Inf. A viviron diferentes sesións de contacontos estes días. Nelas achegámonos a obras tan divertidas como A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza (Kalandraka), escrita por Werner Holzwarth e ilustrada por Wolf Erlbruch.



Aquí vos deixamos unha canción sobre este conto xenial na voz non menos xenial de Manuel R. Crespo:



El lobito sentimental (Editorial Corimbo), de Geoffroy de Pennart, e El pez Arcoiris vuelve a casa (Beascoa), de Marcus Pfister, son outras das obras que puidemos desfrutar con nenos de 6 de Inf. A. Aquí vos queda algunha foto destes momentos:




Hilderita e Maximiliano (Kalandraka),escrita e ilustrada por Fernando Krahn, é a fermosa historia de dúas xoaniñas que, logo de se coñeceren na copa dun chapeu de copa, ficaron namoradas. Por esta razón, un bo día decidiron casar e comezaron unha viaxe voando polos aires. O destino? A lúa... Estes días foron os alumnos de 6º de Inf. B quenes desfrutaron desta historia de amor.


Os encargados de achegarnos a este conto foron Mateo Casal Guerra e Alexandre Andrei Chira, ambos de 4ºB de primaria. Mateo puido así contarlle un conto á súa irmá Candela.



Cos nenos de 6º de Inf. B tamén lembramos que compartir é desfrutar en compañía, grazas á historia de Sally Anne Garland titulada ¡Mío! No siempre es fácil compartir (Miau).



Aquí podedes ver os nenos moi atentos á lectura:



Ademais, nestes días fomos novamente de viaxe, desta vez a Nova York e a San Francisco. Até alí viaxamos cos nenos de 5º de Infantil grazas a dúas obras de Ashley Evanson, autora que xa nos levou en semanas anteriores até cidades como París e Londres. Laura Mella Ramírez e Alicia Pontide García, alumnas de 2º ESO C, foron as encargadas de guiarnos por Nova York, grazas a unha divertida sesión de contacontos en inglés desenvolvida arredor de New York. A book of colours (Grosset and Dunlap). 



A Estatua da Liberdade, o Empire State Building, Central Park ou a Ponte de Brooklyn foron algúns dos recunchos que visitamos con Laura e Alicia, á vez que repasabamos as cores.



Pola súa banda, Iago Rodríguez Lodeiro e Miguel Rodríguez Rial, alumnos de 2º ESO A, foron os nosos guías por San Francisco, grazas á obra San Francisco. A book of numbers (Grosset and Dunlap), coa que repasamos os números ao tempo que coñecemos algunhas das marabillas desta fermosa cidade, como a ponte Golden Gate ou os seus característicos tranvías.


Os nenos pasárono xenial con estes dous contacontos de primeira:




Mais como non todo van ser viaxes, tamén nos achegamos cos pícaros de 5º de Inf. a Un pesadelo no meu armario (Kalandraka), de Mercer Mayer, un clásico da Literatura Infantil que nos ensina a espantar eses pesadelos que nos invaden certas noites.



Icía Varela Gómez, alumna de 4º ESO A, foi a envargada de ler este conto a un dos grupos, 5º de Inf. C :



Nestes días tamén rematamos a lectura dunha obra que nos leva acompañando desde hai varias semanas: A fuxida (Biblos), escrita por Berta Dávila e ilustrada por Inma Doval. Con este conto tamén os nenos de 6º de Inf. C puideron achegarse a un tema tristemente moi de actualidade como é o dos desprazados pola guerra.



Os nenos seguiron atentos a lectura da obra e respiraron aliviados ao escoitar o final, no que Nadia e a súa familia, xa a salvo, se dispoñen a comezar xuntos unha nova vida.





Os nenos de 6º de Inf. C desfrutaron tamén nestes días con Bóla de manteiga (OQO), unha adaptación realizada por Ana Manteiga dun conto popular noruegués, magnificamente ilustrada por Iván Suárez.



Os nenos escoitaron con atención esta historia protagonizada por un neno comellón que pasaba o día a xogar, e a cuxa porta petou un día unha bruxa cun saco, que viña coa intención de levalo...




E con esta lectura rematamos uns días nos que a biblioteca ficou invadida por unha lexión de divertidísimos minions, pola xenial Mércores Adams, por piratas, paiasos, bruxas, fadas, vaqueiras...





No hay comentarios:

Publicar un comentario