martes, 4 de diciembre de 2018

O DOUTOR SIRVENT ACHÉGANOS AO SEU TRABALLO COMO PEDIATRA

Esta semana tivemos o pracer de recibir a visita do Dr. Sirvent, que pasou pola biblioteca para explicarnos en que consiste o labor dun pediatra. Neste encontro cos nenos e as nenas de 5ºInf.A, o Dr. Sirvent nos contou para que serven as vacinas, nos lembrou a importancia de comer moitas froitas e verduras, nos recordou que o deporte é unha actividade fundamental para crecer sans e nos ensinou diferentes utensilios médicos, como o estetoscopio, o otoscopio e o depresor.




Os pícaros de 5ºInf.A amosáronse moi atentos en todo momento, escoitando falar sobre un tema que levan traballando na clase varias semanas e que está a espertar neles un enorme interese.



Desde aquí queremos dar as grazas ao Dr. Sirvent por dedicarnos o seu tempo e por ensinarnos tantas cousas sobre a súa profesión. Ademais, queremos dar os parabéns aos pícaros de 5ºInf.A, que no encontro co doutor demostraron ser uns grandes coñecedores do mundo da medicina en xeral, e, en particular, do que é un pediatra.



domingo, 2 de diciembre de 2018

NACHO FÁLANOS DO SEU TRABALLO COMO MÉDICO E DO PROXECTO CORUÑA CURA NO SENEGAL

A pasada semana os alumnos de 4º de Primaria desfrutaron da visita de Nacho, antigo alumno do Fogar, que volveu á súa casa para achegarnos á súa profesión: a de médico. Nacho falounos das diferentes especialidades da Medicina e nos describiu o labor que realiza como especialista en coidados intensivos no Hospital Universitario Lucus Augusti. De todas as cousas que nos dixo, destacamos a importancia que Nacho concede ao factor humano, á proximidade co paciente e ao trato amable e cordial co doente.



E, por suposto, deste encontro destacamos outro momento: cando Nacho nos relatou a súa experiencia como médico voluntario no Senegal, país ao que acode todos os anos durante quince días para prestar atención médica á poboación local.




Aquí podedes ver a Nacho nunha das súas estancias no Senegal:


Este labor desenvólvese como parte do valioso proxecto Coruña Cura, posto en marcha no 2005 pola ONG coruñesa Ecodesarrollo Gaia, e no cal, cada ano, arredor de doce sanitarios galegos viaxan até a localidade senegalesa de Yoff-Tonghor para prestar asistencia médica e farmacolóxica gratuita á xente do lugar.


Desde aquí, Nacho, queremos darche as grazas por compartir con nós o teu tempo e as túas valiosas experiencias. Como colexio, sentímonos orgullosos por contar entre os nosos antigos alumnos con persoas coma ti.

jueves, 29 de noviembre de 2018

ACHEGÁMONOS AO TRABALLO DUN INSPECTOR DE POLICÍA CON 1ºB DE PRIMARIA

Dentro do proxecto destinado a traballar as profesións, o grupo de 1ºB de Primaria volveu recibir unha visita. Neste caso foi Santiago, inspector da policía e papá de Gonzalo, quen nos regalou o seu tempo e pasou pola biblioteca para falarnos do seu traballo.


Santiago nos contou en que consiste o labor dun policía, nos describiu as diferentes especialidades que existen dentro da Policía Nacional,  e nos explicou cal é a súa función dentro da Policía Xudicial. Foron tantas as cousas interesantes que nos contou, que Gonzalo e os seus compañeiros de 1ºB non puideron deixar de facer preguntas sobre todo o que nos explicaba Santiago. E de todo canto nos dixo, queremos destacar o importante que é facer un uso responsable de Internet, accedendo só a contidos adecuados para a nosa idade e sempre coa supervisión de papá ou mamá.


Desde aquí, queremos dar as grazas a Santiago por explicarnos en que consiste o labor dun policía e, ademais, por facelo dunha maneira tan divertida e educativa.


martes, 27 de noviembre de 2018

DESPEGAN OS LIBROS VIAXEIROS

Érase unha vez... uns libros que querían ver mundo. Por iso, decidiron saír da biblioteca e iniciar unha viaxe polas casas dos nenos e das nenas do Fogar.

Así foi como hai uns días deu comezo a actividade dos "LIBROS VIAXEIROS", grazas á cal os pícaros de Gardería e de 4º de Infantil irán levando para os seus fogares unhas bolsas cheas de historias, que poderán desfrutar nas súas casas durante uns días. 

Os nenos e as nenas de Gardería non quixeron perder o tempo e, nada máis ver as bolsas de libros, comezaron a inspeccionalas.



Nas aulas de 4º de Infantil, tamén recibiron con alegría e curiosidade estas bolsas cheas de sorpresas, que viaxarán até as casas coa axuda das mamás e dos papás.





Nestes libros tan viaxeiros, hai historias tan divertidas como o xa  clásico A vaca que puxo un ovo, ou a súa continuación, titulada Primeira semana na escola das vacas, as dúas publicadas pola editorial Patas de Peixe.

               
                                          

Tamén hai libros que nos axudarán a ir medrando e superando eses pequenos medos que podemos ter, como Todo lo que sé de la caca (Combel), ¡Fuera pañales! (Combel), Iago ten un pesadelo (Tambre) ou ¡Sin chupete! (Combel).

                    


                 


E, por suposto, libro-discos que nos farán viaxar e bailar, como Lucecús, de Pirilampo; Pakolas, de Paco Cerdeira; Eu cociño, ti cociñas?,de Mama Cabra; ou As que máis molan!!!, de María Fumaça; todos eles da colección Sonárbore, da editorial Galaxia. Aquí vos deixamos "Eu teño alguén", unha das nosas cancións favoritas do libro-disco de María Fumaça As que que máis molan!!!, incluída tamén no seu  libro-cd-dvd Xiqui Xoque Fiú Fiú:


Agardamos que estes libros viaxeiros vos fagan pasar a vós, os pícaros do Fogar, as mamás e os papás, momentos agradables e divertidos en familia.

E, por suposto, queremos destacar que esta actividade, ao igual que moitas outras, non sería posible sen o traballo xeneroso do equipo de axudantes de biblioteca. 



viernes, 23 de noviembre de 2018

BOTA A ANDAR O CLUB DE LECTURA DE BANDA DESEÑADA

Este curso botou a andar o Club de Banda Deseñada do Fogar, no que os estudantes de Secundaria que así o desexen poderán achegarse a un mundo tan apaixonante como o do cómic. Guiados por Brais Rodríguez, profesor de Educación Plástica, Visual e Audiovisual no noso colexio, e gañador de galardóns tan importantes como o VI Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña 2010, trataremos de concederlle especial protagonismo á banda deseñada galega, deténdonos polo miúdo no papel da muller dentro deste ámbito.

Ademais das reunións periódicas na biblioteca, cada trimestre recibiremos a visita dunha ilustradora galega, cuxa obra traballaremos previamente. Neste 1º trimestre, visitaranos a ilustradora coruñesa Bea Lema, primeira muller gañadora do prestixioso Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña.


O vindeiro venres 30 de novembro, ás 11h., terá lugar na biblioteca a segunda reunión do Club de Banda Deseñada, na que nos deteremos na obra de Bea Lema, como paso previo para recibir a súa visita. O encontro con Bea terá lugar o martes 11 de decembro, ás 14h., tamén na biblioteca do colexio.


miércoles, 21 de noviembre de 2018

NAVEGAMOS POLO TRABALLO DUN XEFE DE MÁQUINAS CON FRAN E OS PÍCAROS DE 1ºA DE PRIMARIA

Dentro do proxecto sobre as profesións, continuamos a recibir visitas de traballadores de distintos campos. Entre eles, queremos destacar o encontro con Fran, papá de Sofía, que pasou pola biblioteca para falarnos do seu traballo como xefe de máquinas dun barco remolcador. Con el, Sofía e os seus compañeiros de 1ºA de Primaria se mergullaron na vida no mar e aprenderon infinidade de cousas sobre os barcos. Fran explicounos como funcionan os barcos, falounos da maquinaria que os compón e nos amosou o importante que é o bo mantemento desta. Neste labor de mantemento da maquinaria dos barcos resulta fundamental hoxe en día o emprego de robots que, dirixidos por persoas como Fran, logran chegar até as partes máis inaccesibles das embarcacións para arranxar as avarías. Os nenos e as nenas de 1ºA ficaron abraiados cos videos que Fran nos amosou, nos que todos puidemos observar o traballo dun destes robots.



Outro dos momentos que máis nos impactou a todos foi cando Fran nos explicou outro dos importantes labores que fan el e os seus compañeiros do remolcador: apagar os incendios que poidan xurdir noutros barcos. Todos quedamos abraiados escoitando como nos describía eses momentos e vendo as fotografías que nos amosou.



Queremos dar as grazas a Fran por ensinarnos tantas cousas e por achegarnos a un mundo tan apaixonante como o do mar. E todos aqueles que nos queirades visitar para falarnos dos vosas profesións, aquí estamos a agardar por vós!

martes, 20 de noviembre de 2018

ACHEGÁMONOS AO TRABALLO DUN TÉCNICO DE SEGURIDADE CON SINDO E OS PÍCAROS DE 1ºB DE PRIMARIA

Como sabedes, este curso estamos a mergullarnos no mundo das profesións, polo que están a visitar o colexio persoas que traballan en diferentes eidos. Onte tivemos o pracer de recibir a Sindo, pai de Claudia, alumna de 1ºB de Primaria, que nos ensinou en que consiste o seu traballo como técnico de seguridade dunha empresa de construción.

No encontro con Claudia e cos seus compañeiros de grupo, Sindo amosounos os distintos elementos que compoñen o seu uniforme de traballo, explicounos o importante que é manter as medidas de seguridade axeitadas nun ámbito como o seu, e confesounos a súa máxima: "que todos os traballadores desenvolvan o seu labor seguros e que volvan para as súas casas tal e como chegaron ao traballo".





Sen dúbida, os pícaros desfrutaron coas fotos que nos amosou Sindo, e tamén co relato dunha persoa que traballa na construción de casas, ferrocarrís, aeroportos, estradas e mesmo bibliotecas. Un momento que nos impactou foi cando Sindo nos ensinou como é traballar na contrución dunha ponte a 60 metros de altura. 

Desde aquí queremos dar as grazas a Sindo por regalarnos o seu tempo e por ensinarnos tantas cousas sobre o seu traballo.