A pasada semana os alumnos de 4º de Primaria desfrutaron da visita de Nacho, antigo alumno do Fogar, que volveu á súa casa para achegarnos á súa profesión: a de médico. Nacho falounos das diferentes especialidades da Medicina e nos describiu o labor que realiza como especialista en coidados intensivos no Hospital Universitario Lucus Augusti. De todas as cousas que nos dixo, destacamos a importancia que Nacho concede ao factor humano, á proximidade co paciente e ao trato amable e cordial co doente.
E, por suposto, deste encontro destacamos outro momento: cando Nacho nos relatou a súa experiencia como médico voluntario no Senegal, país ao que acode todos os anos durante quince días para prestar atención médica á poboación local.
Aquí podedes ver a Nacho nunha das súas estancias no Senegal:
Este labor desenvólvese como parte do valioso proxecto Coruña Cura, posto en marcha no 2005 pola ONG coruñesa Ecodesarrollo Gaia, e no cal, cada ano, arredor de doce sanitarios galegos viaxan até a localidade senegalesa de Yoff-Tonghor para prestar asistencia médica e farmacolóxica gratuita á xente do lugar.
Desde aquí, Nacho, queremos darche as grazas por compartir con nós o teu tempo e as túas valiosas experiencias. Como colexio, sentímonos orgullosos por contar entre os nosos antigos alumnos con persoas coma ti.
No hay comentarios:
Publicar un comentario