sábado, 18 de julio de 2015

UNHA VIAXE Á ÉPOCA MEDIEVAL

Esta semana que entra vai ter lugar na Coruña a XXI edición da Feira das Marabillas coa que, un ano máis, a cidade viaxará á Idade Media a través dun mercado que vos permitirá observar de preto como era a vida naquela época. Entre o olor das especias e a cor dos estandartes, poderedes mergullarvos en infinidade de postos con artigos de todo tipo e desfrutar de impresionantes exhibicións, como xustas e espectáculos con lume.






E para todos aqueles que queirades desfrutar un pouco máis da Idade Media, aquí vos deixamos algúns libros ambientados nesa época. Todos eles podedes encontralos tanto na biblioteca do Fogar como nas Bibliotecas Municipais da Coruña.

Camiño perigoso, de Ánxela Loureiro, é unha apaixonante novela de aventuras ambientada na Idade Media, na que a acción, o drama, o amor e o humor se mesturan nun interesante relato que achega o lector a algunhas das claves fundamentais para entender a época medieval. A obra, está protagonizada por unha rapaza de trece anos que se ve obrigada a coidar dos seus irmáns pequenos, logo da desaparición dos seus pais. Pouco a pouco irase decatando das inxustizas que rodean a xente da súa clase e se lanzará a unha arriscada viaxe na procura dos seus pais, mergullándose así nunha aventura chea de perigos, medos, adversidades e doenzas que fará vibrar o lector que se atreva a navegar polas páxinas deste libro excepcional.




Cruzada en "jeans" é unha obra da holandesa Thea Beckman, ambientada, como o seu título indica, na época das Cruzadas. Nela atopamos a Rudolf, un rapaz do século XX que, logo de se prestar para participar nun experimento científico, viaxa no tempo até 1212. Transportado a esa época pasada, encóntrase casualmente cunha cruzada infantil que se dirixe a Terra Santa coa fin de liberar Xerusalén. Desde un primeiro momento, Rudolf centrará todos os seus esforzos en axudar os nenos a superar as numerosas dificultades que se irán encontrando no seu camiño: abusos, fame, enfermidades, guerras, secuestros..., e pouco a pouco, se irá convertendo no auténtico líder do grupo.




La espada y la rosa, de Antonio Martínez Menchén, sitúanos na Baixa Idade Media e cóntanos a historia de Moisés, fillo do barón de Forner. O neno, trala morte do seu pai nas Cruzadas, é desposuído do seu título e da súa herdanza por culpa do seu malvado tío que, ademais, pretende asasinalo. Porén, o pequeno sálvase da morte grazas á intervención dun criado que o ata a un escudo e o pon a salvo por medio da corrente dun río. Un monxe, o irmán Martín, será quen o encontre e quen se ocupará de educalo entre as ruinas dun convento abandoado. Alí permanecerá Moisés até a chegada dun estraño peregrino, cuxa aparición lle permitirá ao noso protagonista iniciar unha emocionante aventura que non só o levará a coñecer mundo, senón que tamén lle permitirá descubrir un importante segredo relacionado coas súas orixes.




En Finis Mundi, a autora, Laura Gallego, nos leva até a Francia do ano 997 da nosa era, onde Michel, un monxe cluniacense, decide embarcarse nunha misión imposible co obxectivo de salvar o mundo. A orixe desta viaxe serán as revelacións do ermitán Bernardo de Turinxia, nas que se anuncia que a fin do mundo é inminente e que só existe unha maneira de salvar a humanidade: invocar o Espírito do Tempo. Porén, antes é preciso recuperar os tres eixes sobre os que se sostenta a Roda do Tempo. Nesta busca, a Michel se lle unirán un xograr chamado Mattius e unha xoven aspirante a xograresa, Lucía, que terá que demostrar que pode ser tan boa no oficio coma calquera home. Este curioso trío vivirá unha aventura chea de perigos e intrigas que os levará a percorrer a Europa de finais do primeiro milenio.




La catedral, de César Mallorquí, é unha historia ambientada no s.XIII e protagonizada por Telmo Yáñez, un xoven artesán que parte cara a Gran Bretaña para participar na construción dunha catedral, porén, esta estraña e colosal edificación alberga segredos terribles. Poderá Telmo superar as dificultades que encerra esta apaixonante aventura? Para saber a resposta deberás mergullarte nas páxinas desta novela de misterio que se adentra no mundo dos artesáns libres, dos templarios e das cruzadas.



No hay comentarios:

Publicar un comentario