jueves, 29 de octubre de 2026

OS AVÓS E AS AVOAS ENCHEN DE HISTORIAS A NOSA BIBLIOTECA

Un ano máis, a nosa biblioteca escolar abre as súas portas aos avós e ás avoas dos nenos e nenas de 5º e 6º de Infantil e do 1º ciclo de Primaria para compartir unha experiencia moi especial: contar, escoitar e vivir historias xuntos.




Esta iniciativa, que xa se converteu nunha fermosa tradición no noso cole, permítenos crear momentos de encontro entre xeracións, nos que as lembranzas, as vivencias e os contos dos nosos maiores cobran vida. Porque as historias non só están nos libros, tamén viven na memoria das persoas e pasan de xeración en xeración a través da palabra.



A actividade está a desenvolverse con moita ilusión grazas a unhas visitas que continuarán nas vindeiras semanas.



A todos aqueles que nos regalastes un anaquiño do voso tempo e das vosas vivencias, queremos agradecervos de corazón a vosa participación, a vosa xenerosidade e as ganas de compartir un pedaciño das vosas vidas cos máis pequenos. Grazas por axudarnos, un ano máis, a converter a biblioteca nun espazo de afecto, aprendizaxe e intercambio de experiencias.



Seguimos sumando voces, lembranzas e emocións. Porque cada historia compartida deixa pegada e porque na nosa biblioteca hai sitio para todas as xeracións! 






martes, 27 de octubre de 2026

ESTREAMOS ALICIA NO PAÍS DAS MARABILLAS

A biblioteca encheuse de maxia, fantasía e ilusión coa estrea da versión teatral de Alicia no País das Marabillas, posta en escena polo grupo de teatro da biblio, formado por alumnado de Educación Secundaria.



Despois de semanas de ensaios e traballo en equipo, chegou o momento de subir ao escenario! O noso grupo de mozos e mozas artistas convidounos a viaxar ao mundo fantástico de Alicia e a acompañala nunha aventura chea de personaxes sorprendentes e situacións inesperadas.


Nesta ocasión, tivemos un público moi especial: o alumnado de 2ºC de Primaria, que puido gozar da representación e deixarse levar pola maxia desta historia tan coñecida. Foi unha oportunidade estupenda para compartir o teatro entre diferentes etapas educativas nun espazo ideal para crear, imaxinar e expresarse.

O escenario encheuse de vida grazas ao entusiasmo, á creatividade e ao traballo en equipo do noso grupo de teatro, que deu forma a esta fantástica aventura e nos achegou un pouquiño máis ao universo máxico de Alicia.


Parabéns a todo o grupo de teatro polo seu esforzo, a súa ilusión e esta magnífica estrea! E moitas grazas ao alumnado de 2.º C por acompañarnos nesta viaxe tan especial.


Na biblioteca seguimos crendo que os libros non só se len: tamén se viven, se comparten e, ás veces, soben ao escenario! 

Que continúe a maxia do teatro na biblio!


PROXECTO "ENCONTROS NA BIBLIO"

Este curso, a biblioteca escolar pon en marcha Encontros na biblio, un novo proxecto que supón un paso máis no noso propósito de facer da biblioteca un espazo vivo, aberto e conectado coa comunidade educativa.

Ata agora, as familias xa tiñan un papel protagonista en propostas como O mes dos avós, que celebramos cada curso en outubro, ou Un Nadal en familia, que desenvolvemos cada decembro. Con Encontros na biblio queremos ampliar esta participación, abrindo as portas tamén a asociacións, colectivos e persoas de interese que poidan compartir co alumnado os seus coñecementos, experiencias e vivencias, outorgando un protagonismo destacado aos estudantes de Secundaria. Este tipo de visitas, que xa se viñan realizando de maneira puntual, gañarán presenza na biblioteca a través deste proxecto. 


O mes dos avós

Como cada ano, durante este mes de outubro estamos a recibir os avós e as avoas do alumnado de 5º e 6º de Educación Infantil e do primeiro ciclo de Educación Primaria. Unha oportunidade para compartir lembranzas, historias e experiencias, favorecendo o encontro entre xeracións e enriquecendo a aprendizaxe a través da palabra.



GATOCAN dá comezo aos encontros

A pasada semana recibimos a visita da protectora de animais GATOCAN, que achegou o alumnado de 1ºESO C ao labor das protectoras e á importancia de coidar e respectar os animais, fomentando valores como a empatía e a responsabilidade.



En novembro, máis encontros!

A programación continuará coas visitas de:

  • 4 de novembro: os enfermeiros Cristina Prego e William Goicochea, con 1ºEPO C.
  • 16 de novembro: APADAN, con 1º ESO B.
  • 17 de novembro: Grupo Naturalista Hábitat, cos tres grupos de 1º ESO.
  • 19 de novembro: APADAN, con 1º ESO A.
  • 26 de novembro: UDCbigbang. Divulgación Científica, con 1ºESO C.
  • 26 de novembro: os enfermeiros Cristina Prego e William Goicochea, con 1ºEPO A.
  • 27 de novembro: os enfermeiros Cristina Prego e William Goicochea, con 1ºEPO B.

Con Encontros na biblio queremos seguir medrando, sumando voces e experiencias e facendo da biblioteca un lugar para escoitar, dialogar, descubrir e aprender xuntos.

Porque abrir a biblioteca é abrir unha porta ao mundo! 



jueves, 22 de octubre de 2026

ENCONTROS NA BIBLIO: RECIBIMOS A VISITA DE GATOCAN

Esta mañá, a asociación protectora de animais GATOCAN inaugurou o proxecto "Encontros na biblio" cunha charla dirixida ao alumnado de 1ºESO C centrada no benestar animal e a adopción responsable. Esta iniciativa busca achegar colectivos e persoas de interese para fomentar a empatía e o espírito crítico entre o estudantado. 



Desde aquí queremos das as grazas a GATOCAN por regalarnos o seu tempo e por ensinarnos tantas cousas durante esa horiña que compartimos.

Todos aqueles que desexedes coñecer o labor que desenvolve esta asociación, non tedes máis que visitar a súa páxina web picando aquí.