martes, 10 de mayo de 2016

COMEZAMOS CO CORRELINGUA E REMATAMOS NOS XORNAIS

Comezamos a semana pasada felicitando o noso equipo de debate, que logo de gañar a edición local do Club de Debate 2016, acadou un brillante 4º posto na final galega. Por todo o seu esforzo, entregamos aos rapaces unhas medallas, coas que saen posando na foto, e permitímolos gozar dunha festa da nosa lingua, como é o Correlingua, ao que acudiron, como representantes do Fogar, a un acto no que participaron máis de catro mil escolares de colexios de A Coruña e comarca. Aquí os podedes ver instantes antes de partir coa súa pancarta cara á Torre de Hércules, onde o Correlingua rematou con actuacións de grupos galegos, como Zenzar, a mítica banda de Cerceda, fundada en 1987. Mais todo o esforzo destes rapaces merece un premio moito maior, e por iso unha sorpresa está a agardar por eles...


Ábreme con mucho cuidado, ¡o te daré un mordisco! (Bruño), escrito por Nick Bromley e ilustrado por Nicola O´Byrne, foi unha das obras coas que nos divertimos estes días. Este libro, que xa lemos anteriormente, encheu a biblioteca cos sorrisos dos nenos de 4º de Infantil, que asistiron á súa lectura.




Outra das actividades que máis nos gustaron foi a lectura en inglés do conto Shh! We have a plan (Seighensa), escrito e ilustrado por Chris Haughton, un dos autores máis recoñecidos da literatura infantil actual. Este álbum, gañador de numerosos premios a nivel internacional, pódese encontrar tamén en castelán, grazas á editorial Milrazones.


Cunha historia moi sinxela e con pouco texto, este álbum destaca tanto polas súas vistosas ilustracións, nuns tons azuis moi intensos, como por ser enormemente divertido. Nel nos encontramos con catro amigos que saen a cazar ao bosque. O máis pequeno deles pretende achegarse aos animais cun amable: ola! Porén, este non parece ser o modo máis axeitado de acercarse a unha criatura á que queres cazar por sorpresa. Por iso, ante cada "ola!", os outros amigos responden cun: "shh!", alegando que teñen un plan:



Porén, ímos vendo que a súa astucia non semella ser abondo para atrapar os diferentes animais que se van atopando. Finalmente, o aparentemente ineficaz método empregado polo máis pequeno, é o que acada mellor resultado:


Esta obra resulta moi axeitada para falar aos nenos de aspectos tan importantes na vida como o traballo en equipo ou da importancia fundamental de escoitar a todos os compoñentes do grupo, sen menosprezar ningunha idea, pois até a achega máis tola pode ser, como vemos neste conto, a que nos leve a acadar o obxectivo.

Carlos Carrodeguas Rodríguez, Sandra Sofía Gómez Mato, Noa López Martínez e Miguel Rouco Areal, alumnos de 1ºESO C, foron os encargados de achegar este texto aos pequenos. A súa escenificación estivo, sen dúbida, á altura da obra:




Estes catro contacontos fixérono tan ben que os pícaros de 5º de Infantil A non lles quitaron ollo en toda a sesión.




Outra das obras que máis gustou aos nenos estes días foi o O libro dos Porcos (Kalandraka), de Anthony Browne, coa que xa levamos traballando varias semanas. 



Esta vez tocoulles escoitar esta historia aos nenos de 5º e 6º de Infantil, entre outros, cos que conversamos acerca da igualdade e da necesidade de compartir as tarefas do fogar. 






E un clásico da nosa biblioteca volveu escoitarse a semana pasada: O Grúfalo (Patasdepeixe), escrito por Julia Donaldson e ilustrado por Axel Scheffler.



Paula Lorenzo Trujillo, Sainza Santos Vales e Lucía Soto García (4ºA de Primaria) achegaron esta divertida historia aos nenos de 6º de Infantil B, que riron a cachón coas intelixentes invencións do ratiño protagonista.




E outro clásico, nesta ocasión non da biblioteca, senón da literatura infantil, como é A sereíña, escrito polo célebre autor dinamarqués Hans Christian Andersen, tamén nos visitou estes días, grazas a catro alumnas de 4ºB de Primaria: Sara Fernández Cedeira, Gaia Perfini Benoit, Lucía Rodríguez Blanco e Cristina Silva García. Aquí podedes ver como os pequenos de 6º de Inf. C seguen atentos a lectura:



Como cada semana, dedicamos varias das sesións a falar de algo tan importante na vida como son as emocións. Así, a alegría, a tristeza, o medo, a calma ou a ira achegáronse a nós grazas a unha das nosas autoras favoritas, Anna Llenas, e á súa obra O monstro de cores (Flamboyant).


Os nenos de 2ºA de Primaria escoitaron o conto e falaron das distintas emocións que aparecen no libro. Comentamos entre todos que cousas nos dan medo, que nos pon contentos, cando nos enfadamos...




...e escribimos isto nunhas tarxetas, que logo lemos en alto:





Falar de emocións e de sentimentos non é, como demostran Ana e Lucía, en absoluto aburrido:



E outra obra de Anna Llenas, titulada Vacío (Barbara Fiore), foi a protagonista da sesión con 4ºC de Primaria.



Dita sesión foi brillantemente dirixida por Candela Garea Veiga, alumna dese grupo, que nos leu o libro e nos falou do poder dunha acción tan sinxela, mais ás veces tan difícil, como mirar dentro de nós. Con ela conversamos sobre a resilencia, sobre a capacidade de sobrepoñerse á adversidade e encontrarlle un sentido.




E nun adianto dunha obra que estamos a ver esta semana con moitos grupos, Noa Rama Budiño (4ºB) leu Non fai falta a voz (OQO), de Armando Quintero e Marco Somá, aos pequenos da Gardería. E de que trata esta historia? Pois o ilustrador italiano Marco Somá resume moi atinadamente a mensaxe principal que nos transmite o libro: "a miúdo, non necesitamos as palabras para dicir "quérote" ou "ámote", un xesto é mil veces máis importante".




E antes de despedirnos, queremos lembrarvos que o Fogar segue a ser noticia, debido á súa aposta pola plataforma de aprendizaxe dixital Snappet, coa que se comezará a traballar en varios cursos de Primaria no próximo curso, e que estes días está a ser probada de maneira experimental. A semana pasada era La Voz de Galicia o xornal que facía referencia a este feito, e onte foi o diario La Opinión quen louvou nas súas páxinas a aposta por esta aplicación, que, se ben xa está a ser empregada actualmente por máis de 20.000 alumnos, terá no Fogar o Centro pioneiro na Coruña. O xornal destaca, ademais, a mellora nos resultados que se observan co emprego da Snappet: unha mellora de entre un 8% e un 18% en Matemáticas e un 22% en Lengua Castellana. Se queredes ler a noticia, pinchade aquí.




1 comentario:

  1. Cómo me alegro de que tus sueños se hagan realidad, Sofía!!
    Un fuerte abrazo de la familia.
    Pd: Qué tal tu aita?

    ResponderEliminar