domingo, 15 de mayo de 2016

CONTOS, TEATRO E UNS PARABÉNS MOI MERECIDOS

Esta semana falamos na biblioteca das diferentes emocións que podemos experimentar, da mentira, da igualdade... E todo iso o fixemos grazas a unha arma tan poderosa como son os contos.

Un deses contos que nos ocupou estes días foi Non fai falta a voz (OQO), escrito por Armando Quintero e ilustrado polo italiano Marco Somá; unha obra que nos lembrou que non fai falta a voz para expresar cariño ou para transmitir cousas bonitas como un "quérote". Entre os diferentes grupos que desfrutaron con este álbum destacamos os nenos de 5º de Infantil C, que asistiron a unha sesión dirixida por Pablo Edreira Vilariño e Eva Novoa Martínez, de 3ºA de Primaria. 


Cunhas divertidas máscaras, Eva foi amosando aos pícaros os diferentes animais que aparecen no conto: cans, gatos, galiñas, vacas, xirafas...






Os pequenos non quitaron ollo destes dous contacontos xeniais.


E logo da lectura, conversamos sobre como expresamos os nosos sentimentos e, tamén, sobre un tema que apaixona os máis pequenos: os animais. Falamos así dos diferentes animais que aparecían no conto, dos nosos animais favoritos, dos dereitos dos animais, das nosas mascotas...




E aínda que todos os nenos desfrutaron con esta sesión, houbo un que gozou especialmente: Raúl, que puido escoitar esta fermosa historia na boca da súa irmá Eva.



E se Non fai falta a voz nos fixo desfrutar estes días, o mesmo aconteceu con outra obra como El gigante Pintanubes (Edebé), de Rafel Estrada, unha historia de tolerancia e solidariedade protagonizada por un xigante cuxo único traballo era encher o ceo de nubes. Así, todas as mañás, collía os seus pinceis, grandes coma árbores, e se poñía a pintar...



Ana Iglesias Burque, Adriana Otero Gómez e Alba Soutullo Ogea, de 4ºA de Primaria, agasallaron aos nenos de Infantil cunha divertidísima lectura dramatizada da obra. Estas tres contacontos de primeira realizaron tamén unha sesión para os alumnos de 2ºA, grupo ao que pertence Lucía, irmá de Adriana.






Aquí tedes aos pequenos atendendo á actuación:



Se a semana pasada "viaxamos" até dúas das obras dunha das nosas autoras favoritas, Anna Llenas, grazas a O monstro de cores e a Vacío, estes días gozamos con outro álbum desta escritora e ilustradora: te quiero (casi siempre), da editorial Espasa.


A obra está protagonizada por Lolo e Rita, dous seres moi diferentes, que se irán decatando de que aceptar as diferenzas non sempre é doado. Mais... quen dixo que o sería? Desde aquí vos recomendamos esta historia que nos invita á comprensión de aquilo que nos fai diferentes e que nos amosa o máxico efecto dos polos opostos.

Para non perderse: as súas fermosas ilustracións, tamén creadas por Anna Llenas.





Aquí podedes ver os nenos  de 5º de Inf. B debatendo logo de escoitar esta fermosa historia:





Outra obra que nos ocupou estes días e coa que vimos desfrutando nas últimas semanas foi O libro dos Porcos (Kalandraka), de Anthony Browne, a partir da que conversamos sobre temas como a igualdade ou o reparto das tarefas do fogar.



Un dos grupos co que nos achegamos a esta historia foi 6º de Inf. C:







E unha semana máis xogamos a falar das nosas emocións cunha das obras de Anna Llenas coa que levamos traballando todo o curso con diferentes grupos: O monstro de cores (Flamboyant).


Nesta ocasión foi a quenda dos nenos de 2ºB de Primaria, que primeiro escoitaron o conto...




...e logo escribiron en tarxetas que lles fai sentirse alegres, que cousas os poñen tristes, que lles asusta... Finalmente limos as tarxetas en alto e conversamos sobre o que escribiramos.






Con todas as tarxetas elaboramos un fermoso mural, que agora adorna os corredores do Centro:



Noutra das sesións máis enriquecedoras da semana, a lectura da obra A cousa que máis doe do mundo (OQO), unha adaptación dun conto tradicional de Costa do Marfil elaborada por Paco Liván, deunos pé para falar cos nenos de 4ºC de Primaria sobre un tema tan serio como a mentira.



Candela Garea Veiga, Mireia Villamor Monterroso e Sergio Domínguez Couce foron os encargados de ler esta historia aos seus compañeiros de clase.




E o teatro voltou á biblioteca estes días grazas a Ainhoa Castelos Silvosa, Shaila Castelos Silvosa, Candela Fernández Liñares, Aarón Fuentes Martínez, Sofía Gómez Rodríguez e Lucía Pérez Rodríguez, de 5º de Primaria, que volveron representar a obra A nova Cincenta. Esta vez o público estivo conformado polos seus compañeiros de 5ºA.














E non nos queremos despedir sen dar uns parabéns moi merecidos. En primeiro lugar, ao noso profesor de Educación plástica, visual e audiovisual, Brais Rodríguez Verde, que está a colleitar estes días un enorme éxito grazas á edición especial que Estrella Galicia vén de sacar, destinada a homenaxear o himno galego e a figura de Eduardo Pondal, e na que Brais deseñou as etiquetas que tanto están a dar que falar. Se queredes saber algo máis desta interesante campaña, bautizada como Fogar de Breogán, non tedes máis que picar aquí.

O éxito que está a rodear a Brais estes días non é algo novo para un dos ilustradores máis exitosos do panorama galego actual, gañador de galardóns tan destacados como o Premio Castelao de banda deseñada (2010), grazas á súa obra A man do diaño, un claro alegato antibelicista publicado por Demo Editorial.



E agora que está a piques de chegar o Día das Letras Galegas, desde aquí vos deixamos unha recomendación: Doentes, unha adaptación a banda deseñada da obra do mesmo nome de Roberto Vidal Bolaño (autor ao que se lle adicou no ano 2013 o Día das Letras Galegas), e co que Brais gañou o I Certame Galego de Cómic sobre Teatro no ano 2009.



Todos aqueles alumnos que queirades saber algo máis da obra de Brais, podedes picar aquí.

E en segundo lugar, felicitamos aos equipos de futbito do Fogar, que veñen de acadar uns excelentes resultados no Torneo Calasanz:

Equipo prebenxamín: SUBCAMPIÓNS!

Equipo-iniciación 2009: 5º POSTO!






No hay comentarios:

Publicar un comentario