domingo, 16 de octubre de 2016

AVOAS E AVÓS XENIAIS!

A comezos deste mes celebrouse o Día Internacional das Persoas de Idade, polo que no Fogar decidimos convidar ás avoas e aos avós a visitar a biblioteca e compartir con nós algo do seu tempo. Con estes encontros a biblioteca encheuse de contos, lendas, lembranzas, adiviñas e, sobre todo, de bo humor. Bo humor como o que desprendeu desde a súa chegada unha persoa que só podemos definir como encantadora: a bisavoa de Matías, que nos fixo desfrutar a todos cun conto do escritor xaponés Taro Gomi titulado Mis amigos, publicado pola editorial Blackie Books.  




Os pícaros de 5º Inf. A pasárono en grande escoitando este conto que nos fala dun dos tesouros máis prezados: a amizade.




A maxia chegou ao Fogar da man de Antonio, o avó de Xoel, que sorprendeu os pequenos de 6º Inf. C con varios trucos que nos deixaron a todos pampos.


Ademais, Antonio tróuxonos un conto que nos permitiu viaxar até a súa infancia, tempos nos que se escoitaban sentenzas como aquela que dicía:

 "Arco da vella, vaite d`aí
que as nenas bonitas non son para tí".




Esta semana tamén coñecemos a Fani, unha desas persoas ás que poderiamos pasar un día enteiro escoitando, pois a súa sabedoría, o seu sentido do humor e, sobre todo, a súa amabilidade e cercanía nos deixaron con ganas de moito máis. Sen dúbida, Andrea, a súa neta, aprenderá moito desta avoa tan xenial. O grupo de 1ºB de Primaria desfrutou coas súas adiviñas, os seus consellos e as súas lembranzas, que nos permitiron viaxar até eses anos nos que a roupa limpa aínda ulía a herba. Ademais, Fani agasallounos coa lectura dun libro case tan divertido coma ela: Nicomedes o pelado (Kalandraka), unha obra na que Pinto e Chinto nos amosan as insólitas alternativas que o protagonista vai atopando á súa prematura calvicie.




Desde aquí vos recomendamos este libro co que escacharedes coa risa:






6º Inf. A tamén o pasou en grande, no seu caso con Luisa, a avoa de Mateo Varela, que nos divertiu a todos co libro Cosas que me gustan de mí (SM), unha obra de Trace Moroney que nos permitiu falar de todas aquelas cousas que se nos dan ben. Agora xa sabemos que a Daniela se lle dá ben axudar a mamá, que a Pablo e a Cristian Aneiros se lles dá ben xogar ao fútbol, e que Enma e Diego Presedo son auténticos especialistas en compartir xogos cos seus irmáns.





E a conversa con Luisa tamén nos levou a falar das profesións. Polo escoitado, no Fogar hai moitos futuros astronautas, policías, bombeiros, perruqueiros, futbolistas e até unha Tartaruga Ninja.



E a semana rematou coa visita de Marina, a avoa de Daniel Padilla, que como presentación nos amosou algo que, polo que observamos durante o encontro, a caracteriza: un enorme sorriso. Así, sorrindo, contou El gato con botas, co que desfrutaron os pequenos de 6º Inf. B. E, para o recordo, nos obsequiou coa "Historia da zapatilla", un relato froito dunha trasnada da súa infancia.





Mais as sorpresas non só as trouxeron as avoas e os avós, tal e como puido comprobar Puri, unha das nosas mestras de Infantil, que cando chegou á biblioteca co seu grupo de 5º de Inf. B non esperaba que cinco dos seus antigos alumnos estivesen a agardar por ela para agasallala con algo que ela fixo moitas veces para eles: contarlle un conto. Así, Sofía Pazos Lorenzo, Pablo Beade Sanz, Inés Boedo Méndez, Emily María Martínez Ferreira e Pablo Edreira Vilariño (4ºB) divertiron a Puri e ao seu grupo con Orejas de mariposa (Kalandraka), unha obra escrita por Luisa Aguilar e ilustrada por André Neves, que xa nos "visitou" a pasada semana.






E logo da lectura, nada mellor que colorear bolboretas:


Bruno, irmán de Pablo, desfrutou máis que ningún escoitando ao seu irmán. Aquí os vedes pintando xuntos.



A semana continuou, e temos que recoñecer que estes días, na biblioteca, pasou algo inexplicable! Logo de ler A casa da mosca chosca (Kalandraka) aos pícaros de 1ºA de Primaria...





...volvímoslles ler a obra. Mais desta vez, confudiámonos tanto que lles pedimos que, cada vez que nos equivocasemos na lectura se erguesen e berrasen ben alto: equivócaste!



Como vedes, así o fixeron, e o pasamos en grande con esta actividade que tanto gustaba ao xenial Gianni Rodari:




Confundindo historias ou non, este conto popular ruso, adaptado para Kalandraka por Eva Mejuto, con ilustracións de Sergio Mora, paga moito a pena. Non en balde é un dos nosos libros preferidos na biblioteca. Non dubidedes en pasar un momento divertido coa Mosca Chosca, a Moucha Repoucha, o Sapo Castrapo, a Raposa Chistosa, o Lobicán Pillabán e o resto de personaxes que desfilan polas páxinas do libro.



E se a semana pasada comezamos a achegarnos á obra Biblioburro (Juventud), de Jeanette Winter, esta semana continuamos a mergullarnos nas páxinas deste libro que nos amosa o poder da solidariedade a través dunha historia real acontecida en Colombia. 



Nel se nos conta como un mestre namorado da lectura, chamado Luis Soriano, decide un día facer algo para que os nenos que viven en afastadas zonas rurais poidan desfrutar dun universo máxico ao que, polo feito de ter nacido onde naceron, non poden ter acceso: os libros. Así, Luis merca dous burros, aos que bautiza como Alfa e Beto, e os emprega para transportar libros a estas zonas apartadas, percorrendo o país coa súa biblioteca ambulante. Aquí o podedes ver:




Iniciativas como esta, exemplo de xenerosidade, son as que queremos dar a coñecer ao noso alumnado. E é que todos nós podemos facer moito polos demais. Agora a historia de Luis xa a coñecen moitos dos nosos estudantes, como por exemplo, os nenos de 3ºC e os de 4ºC, dous dos grupos máis activos na biblioteca, que tiveron o privilexio de asistir a unha lectura dramatizada deste libro, realizada por Alba Enjamio Vázquez, Lucas Rey Fernández e Miguel Barro López.







E logo da lectura e do posterior debate, nada mellor que relaxarse...



E camiñando xunto ao noso burriño particular, a historia foi chegando a outros grupos...




Por exemplo, a 4ºB, que a escoitaron na boca de Diego Otero Castiñeira e de Hugo Márquez Seoane:




Estes dous contacontos profesionais de 4º de Primaria tamén lles contaron a historia de Luis e os seus burriños a 3ºB, que escoitaron o relato moi atentos:




Mais no Fogar, tamén nos encanta crear as nosas propias historias. Por esta razón, Aitana Boquete Gago, Candela Piñeiro Fernández e Claudia Suárez Castro deixaron voar a súa imaxinación e construiron para nós un fermoso conto titulado La aventura de las princesas, protagonizado por Cecilia, Cascabel e Andrea. Todo o grupo de 4ºA puido desfrutar da lectura deste conto, elaborado por estas tres escritoras de primeira.




E a canteira de contacontos do Fogar segue a dar auténticos talentos, como Carla Varela Bao e Eduardo Insua Martínez, estudantes de 4ºA, que leron Biblioburro aos seus compañeiros de grupo.




Rematada a lectura, guiaron o debate demostrando que estamos ante dous futuros profesores do Fogar.




E o seu traballo non cesou aí, senón que tamén nos agasallaron con El muchacho y la bruja buena, un conto escrito e ilustrado por eles. O resultado, realmente espectacular, é froito do seu entusiasmo e do seu esforzo, algo que puidemos observar en todos os recreos que viñeron traballar á biblioteca. Edu, Carla, desde aquí queremos transmitirvos o orgullosos que estamos de vós. Grazas por encher a biblioteca de alegría cada vez que nos visitades. E, como non: moitos parabéns! A ti, Edu, porque o pasado día 13 foi o teu santo, e a ti, Carla, porque hai unhas horas estiveches de aniversario.






Outra das sesións de biblioteca que nos encantou foi a protagonizada por 3ºC, que ademais de asistir á lectura de Biblioburro, tal e como vimos antes, tamén empregou a sala para traballar a obra Querido inimigo (Rodeira), escrita por Agustín Fernández Paz, un dos autores fundamentais na Literatura Infantil e Xuvenil, falecido hai uns meses, e que nunhas semanas recibirá unha merecida homenaxe no Fogar, o primeiro colexio no que deu clase. 








Esta actividade inclúese no programa de Primaria dirixido a preparar a homenaxe a Agustín, segundo o cal cada grupo está a traballar unha obra deste escritor xenial. A cidade dos desexos, A praia da esperanza, Contos por palabras ou A escola dos piratas son outros dos títulos que andan a viaxar polas clases estas semanas.


Esta semana, ademais, continuamos a celebrar o Día Internacional de Nena a través de diferentes lecturas que nos están a permitir achegarnos ás diferentes realidades que viven as nenas no mundo. Se hai uns días nos acercamos á figura de Malala con algúns grupos, agora continuamos coñecendo a esta nena valente con outras clases, como é o caso de 6ºB. Paula Fafián López e Martina Fontán Veiga foron as encargadas de presentar esta historia aos seus compañeiros, mediante a lectura de Yo soy Adila (Jaguar-Miau), de Fulvia Degl`innocenti e Anna Forlati.





Non deixedes de ler este fermoso álbum ilustrado que nos achega á figura de Malala, unha nena paquistaní, galardoada co Premio Nobel da Paz no 2014, que foi tiroteada polo simple feito de querer ir á escola. Hoxe, Malala, unha recoñecida activista en defensa dos dereitos das nenas segue a loitar porque todos eses millóns de nenas que aínda non poden ir ao colexio, poidan facelo. A obra berra ben alto que todos debemos ter os mesmos dereitos, independentemente do noso sexo, da nosa idade ou da nosa nacionalidade.







Tamén os alumnos de 6ºC se achegaron ás difíciles realidades que viven as nenas noutras partes do mundo, grazas a Carmen Martínez Iglesias e a Rubén Ríos Pujó:


Neste caso, tratamos o tema a través da lectura de La escuela secreta de Nasreen (Juventud), unha obra dunha das nosas escritoras de cabeceira, Jeanette Winter (autora de Biblioburro), que nos fai viaxar até Afganistán, lugar onde a chegada dos talibáns trae consigo que as nenas non poidan ir á escola ou que as mulleres teñan prohibido saír da casa sen ir acompañadas por un home da súa familia. Neste contexto atopámonos cunha historia real, protagonizada por unha nena chamada Nasreen, que, por mor da desaparición dos seus pais, deixa de falar. A súa avoa decide levala a unha escola secreta, onde descubrirá novos horizontes e compartirá as súas experiencias con outras nenas.








Esta lectura estivo seguida dun interesante debate guiado por Carmen e Rubén.





Tamén o alumnado de 5ºB traballou este tema, no seu caso a través dunha obra que xa vimos con outros grupos a semana pasada Malala/Iqbal (Juventud), de Jeanette Winter.



Logo de ler a obra comentamos diferentes noticias aparecidas nos xornais e que nos amosaban as difíciles realidades que padecen as nenas no mundo.




Seguiremos a traballar este tema nas vindeiras semanas, pois concienciar ao noso alumnado sobre valores como a igualdade é un dos nosos obxectivos fundamentais.

E logo de tanta actividade, Diego, Nacho e Xulián queremos despedirnos de vós dicíndovos: até a semana!




GuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardar

2 comentarios:

  1. XOEL

    Nada tiñas no teu mundo
    e decidiches viaxar;
    sen maletas, espidiño,
    ti soliño, e ninguén mais.

    Viaxeiro que comeza á andar
    sen saber de onde ven e á onde vai;
    chegaches a un mundo estraño
    que non soubemos arranxar.

    Unha nova vida entre nos,
    que che imos ter que explicar
    o rumbo do teu destino,
    que cara a ti ha de abeirar.

    No han faltar ós biquiños
    que has enxugar no teu lar;
    nin ha faltar ó agarimo,
    que cos teus pais has atopar.

    Acuruxa, pois, meu Xoeliño,
    que aloumiños non han faltar;
    aínda que esteas espidiño,
    agarimosiño, ti, has abrigar.

    Antonio Puertas


    ResponderEliminar
  2. esta xenial xulian tes moi buas ideas

    ResponderEliminar