jueves, 27 de octubre de 2016

AVOAS E AVÓS XENIAIS (2ª PARTE)

A semana pasada a biblioteca do Fogar viviu uns días cargados de visitas e actividades, nos que palabras como conto, diversidade, amizade, respecto ou valentía encheron a sala para deixarnos momentos case tan fermosos como os sorrisos de Candela, de Paula, de Adriana e de Alba, alumnas de 3ºC de Primaria:



Neses días visitáronnos varias avoas, que nos regalaron algo tan valioso como o seu cariño. Cada unha delas puido participar dun encontro co grupo do seu neto ou da súa neta, momentos no que na biblioteca se escoitaron contos, lendas, poemas e mil e unha historias que nos permitiron coñecer mellor os tempos nos que a tele era en branco e negro, e só había unha en toda a vila!; tempos nos que había que ir pola auga á fonte, pois non saía pola billa na nosa casa; tempos nos que os xoguetes non eran de plástico, senón de chapa e madeira, e moitos deles feitos na casa polos propios avós destas avoas que estes días nos viñeron visitar. Moitas lembranzas duns tempos que todas estas superavoas recordan con ledicia.   

6º Inf. B desfrutou ao grande do encontro con Isabel, avoa de Miguel, que nos contou ¡A la cama, monstruos! (Corimbo), de Isabelle Bonameau, unha obra  que nos vén demostrar que os malos non son tan malos, e que tan só fai falta un cambio de perspectiva para durmir tranquilos e sen medo.





Desde o blog recomendámosvos este libro, ideal para lerlle aos pequenos antes de durmir.



Estes días tamén nos visitou Socorro, que no encontro co seu neto Pablo e os seus compañeiros de 4ºInf. A nos fixo desfrutar con Olivia y el fantasma (SM), escrita por Elvira Lindo e ilustrada por Emilio González Urberuaga.





Estamos ante outro libro moi recomendable para ler xusto antes de durmir, nese momentiño no que, metidiños na cama, comezamos a ver estrañas sombras na parede...



E o espectáculo chegou con Graciela, que co seu fermoso acento arxentino nos transportou ao mundo da Bruxa Winnie, a divertida protagonista dunha serie que xa cativou a nenos de todo o mundo.





Esta visita, ademais, veu acompañada dun agasallo que nos encantou: unha Bruxa Winnie de tamaño real, que agora mesmo xa está a decorar a biblioteca. A creadora desta obra de arte foi a nai de Pedro, a quen lle agradecemos enormemente todo o esforzo que realizou para elaborar este fermoso regalo.


 
Con María, avoa de Bruno, achegámonos a un dos grandes clásicos da Literatura Infantil, como é O Mago de Oz, unha obra creada por Lyman Frank Baum, coa que desfrutou todo o grupo de 5º de Inf. B. Para todos nós foi un auténtico pracer coñecer a unha persoa tan afectuosa como María.





Tamén Carmen, avoa de Jaime, quixo agasallarnos cun pouco do seu tempo, e nos visitou para facer desfrutar ao grupo de 5º Inf C cunha obra que nos encanta: Contín Contón, un libro creado por dous grandes das nosas artes, o escritor Antón Cortizas e o pintor e ilustrador Leandro Lamas. Logo de todo o que nos ensinaches, Carmen, só che podemos dicir: GRAZAS!






E como vedes, Jaime e os seus compañeiros non perderon palabra de todo canto dicía esta avoa xenial.



Desde o blog vos recomendamos a todos este libro, publicado por unha das editoriais galegas que máis nos está a sorprender nos últimos tempos, e que pouco a pouco se está a converter en toda unha referencia  dentro da nosa LIX, cun catálogo que inclúe figuras da talla de Fran Alonso, Pere Tobaruela ou Antonio García Teijeiro. Invitámosvos a achegarvos ao traballo de Embora, para o cal non tedes máis que picar aquí



Os pícaros de 6º de Infantil B desfrutaron por partida dobre, pois tiveron a sorte de recibir a visita de dúas avoas! Pepa, a avoa de Alexia, contounos o famoso conto de Hoffmann O Crebanoces, historia que deu lugar ao que quizais é o máis famoso de todos os ballets, creado polo compositor ruso Chaikovsky. Con Pepa pasamos uns momentos moi divertidos, nos que ademais de escoitar contos tamén falamos de como celebramos cada un de nós o Nadal, dos regalos de Reis...





Pola súa banda, Mari Carmen, a avoa de Carmela, namorounos a todos recitando uns versos de poesía cubana, cos que ela desfrutaba de moza. Os xogos de palabras das composicións, así como a graza de Mari Carmen ao recitar, fixeron as delicias dos pequenos.




Mais Mari Carmen tamén nos agasallou coa lectura de Ciclo de la leche (Everest), un interesantísimo libro  de Cristina Quental e Mariana Magalhaes, que nos amosou o camiño que segue o leite desde que sae da vaca até que chega ao noso vaso.



Desde aquí queremos agradecer a Mari Carmen, non só que nos regalase o libro para que todos os nenos poidan desfrutar del na biblioteca, senón tamén o cariño e a amabilidade coas que nos agasallou.



Outro dos protagonistas da pasada semana, ademais das avoas e dos avós, foi o libro Por cuatro esquinitas de nada (Juventud), unha obra fundamental, que nos permitiu reflexionar acerca da amizade, do diálogo, da diferenza, da diversidade e da exclusión. 



Foron moitos os grupos que asistiron á lectura desta obra de Jerome Ruillier, entre eles, 6º de Inf. C. A sesión desenvolvida con este grupo estivo guiada por cinco das nosas contacontos habituais: Itziar, Sara, Lucía, Noa e Xiana, alumnas de 2ºESO A.





Outro dos grupos que tivo a oportunidade de desfrutar con esta obra foi 6ºInf. A. Aquí vedes a Carlota, a Noa, a Pablo e a Cristian Couselo axudando a contar a historia de "Cadradiño"e os seus amigos, os "Redondiños".





Tamén os pícaros de 1ºC de Primaria reflexionaron sobre a amizade e a exclusión grazas a este libro. Candela, Alba e Martina fixérono moi ben como contacontos nesta sesión.






Lucía, Saúl, Nico e Pedro fixeron tamén de contacontos ante os seus compañeiros de 2ºC de Primaria.




Outro dos grupos que traballou esta obra foi 3ºC de Primaria. Aquí podedes ver a Silvia, a súa mestra, lendo a obra ás nenas e aos nenos desta clase.





E nesta semana pasada, Edu e Carla  (4ºA de Primaria) quixeron darlle unha sorpresa a Ana, a súa mestra até este curso, polo que leron dous contos a 2ºA, o actual grupo de Ana.



O primeiro deles foi Monstruo rosa (Apila Ediciones), unha fermosa historia creada por Olga de Dios, que xa lemos a outros grupos, e que nos axuda a comprender o valor da diversidade como elemento enriquecedor da nosa sociedade.




Aquí vos deixamos a portada deste libro, que a bo seguro encantará a todos os que vos mergulledes nas súas páxinas:



Mais Carla e Edu non só leron esta obra aos nenos de 2ºA, senón que tamén os agasallaron cun conto creado por eles mesmos, El muchacho y la bruja buena, o cal xa se está a converter nun clásico da biblioteca do Fogar. O conto de Edu e Carla está a disposición de todos aqueles que o queirades levar en péstamo para a vosa casa.




O Día Internacional da Nena, data que se celebrou o pasado día 11, segue a ser un dos temas centrais deste mes na biblioteca. Así, para conmemorar dita celebración continuamos a achegarnos a unha figura que vimos traballando nas últimas semanas: Malala.



Grazas á obra Malala/Iqbal (Juventud), os estudantes de 4ºA de Primaria puideron coñecer a historia desta nena valente do Val do Swat (Paquistán), que no 2012 foi vítima dun atentado por parte dos talibáns polo simple feito de querer ir á escola. Malia que estivo a piques de perder a vida, Malala sobreviviu e continuou a súa loita a prol do dereito á educación infantil para todos, nenas e nenos. Polo seu incansable traballo neste campo, foi galardoada co Premio Nobel da Paz en 2014.



Lucía Perticaro Corsani foi a encargada de achegar esta historia aos seus compañeiros. 




A historia de Malala nos permitiu achegarnos co alumnado de 5ºC á dura realidade que viven moitas nenas noutras partes do mundo. Tal e como fixemos en semanas anteriores con outros grupos, tras a lectura da obra, comentamos diferentes noticias sacadas dos xornais. Así foi como coñecemos a Hajira, de Bangladesh, que con tan só oito anos traballa 14 horas diarias machacando vellas baterías, logo do cal logra un salario que tan só lle permite comer unha vez cada dous días. Ou a Roshni, unha nena paquistaní de dez anos que traballa nunha fábrica de alfombras por menos de 40 céntimos ao día, coa fin de axudar á súa familia, moi pobre. Ademais, Roshni, aforra para que algún dos seus irmáns pequenos poida ir á escola, algo que ela non puido facer.




Como xa comentamos na entrada anterior, dentro dunhas semanas vai ter lugar no Fogar unha homenaxe a Agustín Fernández Paz, unha figura imprescindible dentro da LIX, que finou hai uns meses. Por esta razón, todos os grupos están a traballar algunha das súas obras. Aquí vos deixamos unhas fotos do alumnado de 4º de Primaria, que anda a desfrutar con A praia da esperanza (Xerais), unha narración escrita durante os meses en que Galicia viviu a catástrofe do Prestige, e que, combinando fantasía e realidade, nos lembra a intensa resposta social que se produciu aquel inverno.












E aquí nos despedimos até a próxima entrada, na que poderedes ver máis encontros con avós e avoas, e tamén a visita dunha nai moi especial.


GuardarGuardar

No hay comentarios:

Publicar un comentario