lunes, 31 de octubre de 2016

UNHA VISITA MOI ESPECIAL

O venres 21 de outubro vivimos unha fantástica sesión con Silvia, a mamá de Lucas Rey Fernández, alumno de 4ºC. A protagonista do noso día é licenciada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte (INEF), conta ademais con formación e experiencia en atención á diversidade. Colabora nun programa de axuda do Concello da Coruña que permite incluír o deporte en diferentes asociacións : ACLAD (Asociación Cidadá de Loita Antidroga), San José (centro de mulleres sen recursos), ASPANAES (Asociación de Pais e Nais de Persoas  con Espectro Autista), Bo Pastor (Centro de homes sen recursos), AECC (Asociación Española Contra o Cancro), CASCO (Comité Antisida Coruña) , APEM (Asociación Pro Enfermos Mentais), Sor Eusebia (fogar para xente sen recursos), ADCOR (Persoas Adultas con Discapacidade Intelectual).

O labor diario de Silvia non se reduce a impartir unha clase de Educación Física, nada é previsible, se adapta a cada un dos grupos cos que traballa, a cada persoa. Escoita, aconsella, ri e chora con eles. Sente o seu traballo e cre que todos e cada un de nós temos moito que ofrecer. Ensínalles pero tamén aprende con eles e deles. EDUCA SEN POÑER LÍMITES E CON LETRAS MAIÚSCULAS. OS LÍMITES ESTÁN NA NOSA CABEZA, AS SOLUCIÓNS NO NOSO CORAZÓN.



A partir da lectura: Por cuatro esquinitas de nada (Juventud) de Jerome Ruillier, reflexionamos sobre o importante que é aceptar os demais tal e como son. Cada un de nós somos especiais e achegamos ao resto infinidade de bos momentos e instantes marabillosos. Todos somos diversidade. Debemos ser nós mesmos sempre que nos respectemos e debemos poñernos no lugar dos demais para poder comprendernos. EMPATÍA, RESPECTO, DIVERSIDADE, ACEPTACIÓN, AMIZADE, SOLIDARIEDADE, INCLUSIÓN…, son moitos os termos que analizamos e non pasaron desapercibidos no noso discurso.





A nosa segunda aventura comezaba coa lectura de: Mi hermano tiene autismo (Ministerio de Asuntos Sociais) de Ana  González Navarro e Vitoria Labat Gronchi.  Silvia explicounos algúns trazos comúns que presentan os nenos con espectro autista (TEA), como as alteracións na comunicación ou as dificultades na interacción social. Pero quixo deixarnos moi claro que non existe un patrón que defina a individualidade,  que cada un ten as súas propias características e a súa propia personalidade. SON NENOS CON CAPACIDADES ESPECIAIS.






Chamounos moito a atención o sistema de comunicación que emprega Silvia cos pequenos e adultos cos que traballa: a fala signada de BENSON SCHAEFFER. Utiliza o sistema de signos como apoio á linguaxe oral co obxectivo de poder expresarse, facerse entender, axudar a expresarse e descubrir outras modalidades comunicativas a través deses momentos de silencio. Acudimos expectantes a unha clase acelerada e aprendemos multitude de signos.




Explicounos, ademais, que no seu día a día pretende que cada un dos seus alumnos adquira e avance no seu nivel de autonomía e adquisición de responsabilidades. Para iso faise necesaria a incorporación de hábitos e rutinas claramente establecidas e definidas. Silvia apóiase no uso de pictogramas para que a estrutura de cada momento quede clara. É necesario seguir unha rutina para sentirse seguros no seu ambiente.




Somos tan diferentes? Nonnnn. Nós tamén necesitamos establecer rutinas no noso día a día para sentírmonos máis cómodos e para construír un equilibrio emocional. Proporciónannos un importantísimo instrumento para a nosa educación e para a construción da nosa personalidade. A repetición dos actos cotiáns forman hábitos e a repetición de hábitos sans forman virtudes.

Gran sesión a do venres 21 de outubro; Silvia fíxonos sentir, emocionarnos e reflexionar sobre a importancia da loita diaria para saír adiante. Custaranos máis ou menos pero todos posuímos capacidades especiais que podemos “explotar”. Non necesitamos cambiar, si amoldarnos ás circunstancias e persoas. Debemos vivir co lema do respecto, da tolerancia, da empatía... Coa unión, a forza e o compañeirismo, seremos capaces de construír un mundo mellor.

Debemos pensar que somos moi afortunados, temos “todo” e en ocasións queixámonos demasiado. O día a día faise moi difícil para moitos nenos, aínda así non cesan na súa loita. Son verdadeiros heroes e a familia e educadores o seu gran bastón. Quizais o mundo non estea adaptado para acoller a diversidade, nós si temos que estalo. Nós somos diversidade.






No hay comentarios:

Publicar un comentario